Os sectores cultural e educativo arroupan a presentación da iniciativa popular Xabarín para mellorar a programación infantil e xuvenil en galego

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística:
“Dúas ducias de profesionais da música, do audiovisual, do teatro e da industria editorial de Galiza, así como representantes de colectivos sociais e de todos os ámbitos do ensino do país arrouparon en Compostela o lanzamento da Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular Xabarín impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística no Parlamento de Galiza co obxectivo de instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para mellorar a programación infantil e xuvenil en galego.
O sector cultural e educativo amosou, así, o seu apoio á petición de que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada que conten ademais con programas e xogos.
A secretaria xeral da Mesa, Celia Armas, recordou no acto de presentación, que a proposta tamén instará ao goberno de Feixoo a adoptar as medidas e accións precisas para garantir a opción dobrada e lexendada ao galego nas plataformas dixitais e que TVE emita con opción dobrada ao galego todos os contidos da súa canle infantil e xuvenil e da súa App para o público infantil. “O goberno galego deberá tamén adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galiza e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias”, salientou.
O apoio do sector cultural concrétase na posta en marcha dun grupo impulsor da iniciativa popular no que están representadas as principais asociacións profesionais da cultura galega (AAAG, AELG, AGAG, AGEM, AGPI, AGPTI, Escena Galega, Músicas ao vivo e Asociación de Profisionais da Dobraxe); artistas de referencia para o público infantil e xuvenil como Fran Amil, Magín Blanco, Pepe Carreiro, Paco Cerdeira, Pablo Díaz, Gloria Mosquera ou Uxía Lambona e a Banda Molona; empresas da industria editorial, musical e das artes escénicas como Apiario, Baobab, Charlatana, Culturactiva, Editorial Galaxia ou Xerais; colectivos sociais como a Federación Galiza Cultura ou as ANPAS Galegas; e organizacións do ensino como Erguer, ANEGA, AS-PG, Nova Escola Galega, CIG Ensino, CSIF Ensino ou STEG.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recordou na presentación que a petición reuniu a través da web preto de 15000 sinaturas. Foi, precisamente, a velocidade e a intensidade con que a sociedade galega respondeu á proposta o que levou a entidade de defensa da lingua a transformar o que inicialmente era só unha petición nunha iniciativa popular que cumprise todos os requisitos para poder ser debatida e aprobada no Parlamento. “Coidamos que é maneira máis eficaz de demostrar a nosa forza colectiva e de transformar en realidade a necesidade”, afirmou Maceira.
“Unha televisión en galego para crianzas e mocidade”, concluiu, “é necesaria para sermos conscientes, de novo, da potencialidade criadora que hai en Galiza: produtoras, actores e actrices, editoriais, ilusttradoras, escritores e escritoras, músicas de enorme éxito malia as limitacións de difusión por carencias nos medios públicos”. “Día a día demostran ademais que máis que demanda o que hai é necesidade, como a hai para calqeura sociedade avanzada mais que no noso caso é urxencia”, asegurou, “como demostra esta iniciativa que nace coa participación de ducias de colectivos do sector da cultura mais tamén das asociación de nais e pais, orgnizacións xuvenís, a grande maioría da representación sindical do profesorado galego ou os xa máis de 200 estabelecementos comerciais onde se recollerán as sinaturas nos próximos días asi que a Xunta electoral valide, sele e numere os pregos onde se recollerán”.”

“Por unha canle Xabarín Club de programación infantil e xuvenil na TVG”

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística:

“A galega é a única lingua oficial no Estado español que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil. O resultado disto é só o 4,6% da progamación semanal está en galego, caendo ao 2,7% na fin de semana.
A través de canles como Clan, Super3 ou ETB3 todas as crianzas, rapaces e raparigas do Estado español poden desfrutar dos mellores contidos televisivos na súa lingua agás as galegas.
Resulta alarmante o retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva: só a CRTVG garante a súa presenza na grella televisiva, mais faino de forma cativa e mínima, malia o estabelecido na lexislación autonómica sobre o audiovisual e malia as enormes posibilidades técnicas actuais que poderían aumentar significativamente as emisións en galego.
En canto á conveniencia de actualizarse ofertando produtos en plataformas dixitais ou App con contidos infantís, desprézanse os traballos de dobraxe xa elaborados e financiados con diñeiro público pola entidade televisiva. É lamentábel que non se poidan visualizar en galego debuxos animados que tiveron grande impacto e éxito en Galiza, aos que non se lle dá continuidade en galego no mercado cos seus produtos derivados ou na propria TVG.
Sr. Sánchez Izquierdo, Director Xeral da Corporación de Radio Televisión de Galiza
Sr. Román Rodríguez Rodríguez , Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.
Reclamamos unha canle Xabarín Club na TVG que emita continuadamente en galego e coa súa App, todos os días do ano, contidos actuais, anteriores de éxito, atractivos e de interese para a infancia e a mocidade galega.

Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o venres 29 de novembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, comeza este venres 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 21:00 h.. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para o seu primeiro día:

Venres, 29 de novembro
– 11:15 h. Rinocerontes e Quimeras, obradoiro de creación literaria con Marcos Calveiro, para rapazas e rapaces maiores de 11 anos, concertado con centros educativos.
– 12:15 h. Presentación de As crónicas de Landereina. Bágoa de lúa, de Sabela González, publicado en Galaxia, con centros de ensino.
– 13:15 h. Encontro co escritor Marcos Calveiro, ao redor do libro Todos somos (Xerais).
– 13:30 h. Encontro con Manuel Lourenzo González, ao redor do libro Flor de area, editado por Xerais.
– 16:30 h. Presentación do documental Uxío Novoneyra: poeta alén.
– 17:00 h. Presentación do poemario Medrar nas mans, de Asun Estévez (Ir Indo).
– 18:00 h. Revista Oink! A revista do Xabarín Club.
– 19:00 h. Conversa con Luís Rei Núñez ao redor do libro Días que non foron (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 19:30 h. Conversa con Rosa Aneiros ao redor do libro Ámote Leo A. Destino Xalundes (Xerais). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:00 h. Conversa co escritor Francisco Castro ao redor do libro O corazón da Branca de Neve (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.
– 20:30 h. Conversa coa escritora Anxos Sumai ao redor do libro A lúa da colleita (Editorial Galaxia). Conduce o acto o xornalista Camilo Franco.