Leiras Pulpeiro, sempre na memoria, por Armando Requeixo

Reportaxeactas-leiras de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Escribo estas liñas en rematando o día do aniversario do pasamento de Manuel Leiras Pulpeiro, ao que honramos en Mondoñedo nunha xornada memorable con diversos actos que lembraron a súa figura e confirmaron, máis unha vez, a vixencia non só literaria, senón humana e cívica de quen foi republicano, federalista, laicista, filántropo e decido defensor da lingua nosa, das tradicións etnográficas propias, da idiosincrasia antropolóxica que máis xenuinamente nos caracteriza.
Pola mañá, ás 12:00 h., o Salón Nobre do Concello de Mondoñedo acolleu a presentación dun volume colectivo de interese para o coñecemento e análise da obra do persoeiro mindoniense: Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912). O poeta e o cidadán ao cabo dun século. O libro, que coordinaron Xe Freyre e Abel Vigo García e editou o Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo coa supervisión de Xoán Ramiro Cuba, reúne unha parte substantiva das conferencias e relatorios do congreso leirasiano que, por mor do cumprimento do centenario do autor, tivo lugar en Mondoñedo nos primeiros de novembro de hai dous anos.
Así pois, neste volume poden lerse traballos de Xe Freyre, Andrés García Doural, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán, Isabel Morán, Camiño Noia, Antonio Reigosa, Ramón Reimunde, Armando Requeixo, Alicia Tella-Villamarín e Xosé Ramón Veiga, textos e achegas que convidaron a coñecer no acto de presentación o propio Freyre, amais de Reimunde e Meilán, todos tres con alocucións complementarias, pois á acuidade na síntese de contidos do coordinador seguiu a reivindicación leirasiana do seu editor e aínda o discurso emotivo, vibrante e entregue de quen se criou na casa do poeta. (…)”

Mondoñedo: presentación de Manuel Leiras Pulpeiro. O poeta e o cidadán ao cabo dun século

O Xornadas Leiras Pulpeirosábado 8 de novembro, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello de Mondoñedo, preséntase Manuel Leiras Pulpeiro (1854–1912) O poeta e o cidadán ao cabo dun século, nado a raíz das xornadas celebradas en Mondoñedo sobre Leiras no 2012 conmemorando os 100 anos do seu pasamento, e que conta coa colaboración de Xe Freyre e Abel Vigo -como coordinadores-; pero tamén con Andrés García Doural, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán García, Isabel Morán Cabanas, Camiño Noia Campos, Antonio Reigosa Carreiras, Ramón Reimunde Noreña, Armando Requeixo, Alicia Tella Villamarín e Xosé Ramón Veiga.

Lugo: presentación do Grupo Literario Leiras Pulpeiro

Mondoñedo: Xornadas arredor de Manuel Leiras Pulpeiro, do 9 ao 11 de novembro

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O médico, escritor e filántropo mindoniense don Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912) está de aniversario. Este nove de novembro próximo cumprirase o centenario do seu pasamento. Con tal motivo, ao longo destes últimos meses estanse a desenvolver unha serie de iniciativas que culminarán na celebración dunhas ‘Xornadas arredor de Leiras Pulpeiro’ organizadas polo Concello de Mondoñedo e a Deputación Provincial de Lugo os días 9, 10 e 11 de novembro. No marco desas xornadas lembrarán a vida e obra do insigne escritor mindoniense estudos@s e analistas tan prestixios@s como Xesús Alonso Montero, Xusto Beramendi, Francisco Fernández Rei, Xe Freyre, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán García, María Camiño Noia Campos, Antonio Reigosa, Ramón Reimunde, Dolores Sánchez Palomino ou Anxo Tarrío, entre outr@s.
Tod@s aquel@s interesad@s neste evento (se clicades na imaxe do programa que figura máis abaixo poderédelo ver en grande), sabede que o prazo de matrícula para o congreso está aberto e que podedes dirixir as vosas solicitudes ao seguinte enderezo: concellodemondonedo@yahoo.es.
Nesas mesmas xornadas, tamén se presentarán novas edicións da obra do autor, pois esta levaba preto de vinte anos fóra do mercado, o que dá idea da oportunidade da súa reedición. Neste sentido, cómpre aplaudir as Poesias completas. Manuel Leiras Pulpeiro que para a serie Clássicos da Galiza da AGLP realizou o profesor Bernardo Penabade, así como dar noticia da Vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro. Antoloxía poética disposta para a renovada colección Letras Galegas da Editorial Galaxia por Xurxo Martínez González e Armando Requeixo. Igualmente, nesa xuntanza en homenaxe ao estimado poeta e estudoso da tradición oral farase entrega do I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, certame que ten rexistrado unha moi alta participación que alcanzou o medio cento de orixinais. (…)”.

Crónica posterior de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia.