Casa de Rosalía: Abride a fiestra 2018

Venres 13 de xullo
Quero ver o mar, CARRIL
12:00 h. Inaugúrase a exposición ‘Rosalía e o Carril’ (Museo do Ferrocarril).
21:30 h. Lectura de poemas, dramatización ‘Quero ver o mar’ e recreación da viaxe en lancha de Rosalía desde a praia á estación (Praia da Covacha).
22:30 h. Actuación musical de Najla Shami.

Sábado 14 de xullo
Inchadiña Branca Vela, DE VALGA A PADRÓN
15:30 h. Saída de Valga (Praia da Telleira, Vilarello) de dornas, galegóns, botes, bucetas e gamelas.
17:30 h. Chegada a Padrón (Espolón).
22:00 h. Concerto de Habelas Hainas (Praza de Macías).

Domingo 15 de xullo
Rosalía en Festa, CASA DE ROSALÍA
Con mercado de produtos rosalianos toda a xornada e teatralización de Mónica Caamaño como Rosalía de Castro, acompañada na música por José Luís do Pico Orjais.
11:00 h. Coral de Padrón.
11:30 h. Visita guiada de Carlos Dacal pola Horta da Matanza.
11:30 h. Visita guiada para familias pola Casa-Museo por Mónica Caamaño (como Rosalía) e José Luís do Pico Orjais.
12:00 h. Xosé Manuel Beiras comenta a proxección do filme Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos (1951), na que el estivo presente.
12:30 h. “A viaxe de Rosalía”, un espectáculo de monicreques para cativos (por Larraitz Urruzola).
13:00 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Pepe Barro.
13:30 h. Regueifas con Alba María e Xairo d’Herbón.
14:00 h. Concerto de Najla Shami.
17:00 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Manuel Lorenzo Baleirón (“Rosalía na súa terra”).
18:00 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Pilar García Negro (“Rosalía rebelde e feminista”).
18:30 h. “A viaxe de Rosalía”, un espectáculo de monicreques (+6).
18:30 h. Mini-concerto de Margarita Viso no piano de Rosalía.
19:00 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Xosé Luís Axeitos “Rosalía documentada”.
19:30 h. Entrega da Rosa de Galicia e presentación do Libro Escolar de Poesía.
20:00 h. Recital poético con Ana Blanco, Nuria Vil, Ismael Ramos, Paula Antía Rei e Cinta Adhesiva (espectáculo poético-musical).
20:30 h. Visita guiada pola Casa-Museo por Mercedes Peón: “Rosalía queer”.
21:00 h. Concerto de Mercedes Peón.

A Coruña: presentación do número 2 da revista de estudos rosalianos Follas Novas

A cuarta feira 6 de xuño, ás 20:00 horas, no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos 16-18, 1º), na Coruña, preséntase o número 2 da revista de estudos rosalianos Follas Novas. No acto participan Anxo Angueira, Xosé Luís Axeitos, Pilar García Negro e Diego Rodríguez González.

Xosé Luís Axeitos e Xosé Benito Reza gañan o Losada Diéguez de ensaio e creación

Desde Sermos Galiza:
“A biografía de Manuel Antonio e Terradentro, unha novela con misterio sobre a desaparición do mundo campesiño, veñen de ser recoñecidas co premio Antón Losada Diéguez. O galardón, que se fallou este sábado na Casa do Concello de Boborás, outórgase a obras publicadas e atinxe así a súa edición número 33.
Xosé Luís Axeitos (Asados, Rianxo, 1945), académico e ensaísta, é o autor de Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía (Xerais, 2017). O primeiro repaso integral á obra e á vida do autor de De catro a catro valeulle o Losada Diéguez na modalidade de investigación e ensaio. “Con este libro o profesor Axeitos culmina o seu proxecto de nos presentar a Manuel Antonio”, di a xustificación do xurado, “o poeta vangardista e o cidadán liberado de convencionalismos, sempre á procura da liberdade”.
Este “extraordinario traballo de investigación” acompaña a primeira novela de Xosé Benito Reza (Celanova, 1956) nas distincións do Concello de Boborás. Terradentro (Xerais, 2017), unha obra atravesada de memoria e certa intriga, “escrita nun galego de grande riqueza e cunha firme raíz na variante lingüística ourensá”, “achega un mundo a piques de desaparecer”.
Para o xuri, o traballo de Benito Reza inclúe “personaxes moi ben trabados” cun “ritmo áxil e atractivo”. “Terradentro recolle o mellor da narrativa galega do pasado, en concreto a descrición dos lugares e dos accidentes xeográficos, introducindo novidosos elementos de avangarda que fan da novela o retrato literaturizado da realidade da Galiza interior”, conclúe.
Os premios entregaranse o vindeiro 9 de xuño en Moldes. Do xurado da XXXIII edición dos Losada Diéguez fixeron parte Ana Patricia Torres, Diego Fernández, Manuel Doval, Chus Pato, Francisco Calo, Pegerto Saavedra, María Teresa López, Xosé Manuel Salgado e Henrique Costas.”

“Manuel Antonio, psicólogo do Alén”

Artigo de Xesús Fraga en La Voz de Galicia:
“Non é casual que a biografía de Manuel Antonio que vén de publicar Xosé Ricardo Losada (Rianxo, 1961) leve por título Vida e misterio dun poeta galego (Galaxia). «Eu quería que a palabra misterio aparecese no título», anticipa Losada, profesor de Filosofía no instituto Félix Muriel no seu concello natal. Unha palabra, misterio, deliberada e razoada: «Toda a vida e a obra de Manuel Antonio é un intento de superar o principio de realidade e acceder a ese ámbito metafísico que está máis alá da lóxica e do sentido común. Manuel Antonio é, como di el mesmo, un psicólogo do Alén». Pescudar nese misterio, trazar un perfil psicolóxico do escritor, foi o obxectivo de Losada, quen tiña claro que «quería facer unha biografía de lector, non de especialista». «Quería ler a súa vida e a súa obra, máis que estudala, intentando centrarme naquilo -De catro a catro, fundamentalmente- polo que merece ser recordado. Nada de biografías definitivas ou canónicas. Simplemente, o meu Manuel Antonio».
Nesa pescuda, a aparición do epistolario, ao coidado de Xosé Luís Axeitos -autor tamén da recente biografía Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía-, foi clave para o propósito de Losada. «Sempre me sorprendeu o pouco que se usou ata agora o epistolario para definir o seu perfil psicolóxico, supoño que debido a que non confirma o perfil que se lle ten atribuído», explica o biógrafo. As cartas entre o autor e a súa moza, Mercedes, son «o único lugar onde vemos como é realmente Manuel Antonio», subliña Losada, que dedica un capítulo á cuestión na que, malia os escasos datos que se conservan, resulta evidente que o poeta «non viviu o amor e a sexualidade en termos convencionais». «A dúbida cruel»
Pero se hai unha clave para tratar de entender ese enigma, esa é a perda de fe. «A renuncia ao catolicismo da súa infancia suponlle unha durísima escisión interior», expón Losada. «A dúbida cruel, di el, arrebatoulle esa firme convicción que a súa amada nai gravara no seu peito. Pero nunca o conseguiu. Renunciar ao catolicismo sería renunciar á nai devota e ao pai morto e aos seus queridos tíos cregos e a unha explicación da súa propia enfermidade. De aí moitas das contradicións coas que vive», amplía.
Esa contradición, xa que logo, preside a vida de Manuel Antonio e xera outras novas: «Non querer ser católico e selo, contradición que se traduce en querer ser apóstata da familia e non querer selo, querer ser revolucionario e non ser máis que un burgués… Ningún dos substitutos ideolóxicos do catolicismo (nacionalismo, anarquismo, panteísmo) consegue darlle ese alto sentido ao ordinario que el busca, tal e como llo dera o catolicismo». Esta fe debe entenderse ligada «a unha infancia feliz e protexida» e, xa que logo, ligada á nai.
Marcaron Manuel Antonio tanto a forte presenza da nai como a ausencia do pai, morto por enfermidade cando o futuro poeta tiña catro anos. Unha sombra que o habería de axexar e que máis tarde se confirmaría e, ao cabo, como a causa da súa propia morte: «A súa relación coa enfermidade é dun gran valor moral, moi en consonancia co que dicía o seu admirado Nietzsche: o que non mata, faite máis forte. Podería dicirse que ten unha relación pouco romántica coa enfermidade, xa que a leva practicamente en segredo, pero non é así. Eu creo que, como o grande individualista que era, gabábase da enfermidade só ante si mesmo, para sentirse ese heroe romántico que sempre quixo ser».
Loxicamente, a biografía tamén incide nos aspectos da vida de Manuel Antonio máis relacionados coa literatura. Por exemplo, a súa relación contraditoria -outra volta- con Rafael Dieste. «É o seu modelo na adolescencia. Representa todo o que el quixera ser a nivel intelectual e familiar. E, por riba, ten éxito, mentres el fracasa en todo. Dispáralle todos os complexos e inseguridades -describe Losada-. Acaban sendo antitéticos en todo (ideoloxía, estilo, talante), iso que comezaran tendo o mesmo proxecto vital: a civilización atlántica. Non creo que fose casual». O libro tamén examina outra fe, aquela coa que Manuel Antonio se entrega ás vangardas, «unha das grandes decisións da súa vida», malia ir á contra do consello que lle dá Vicente Risco, «o seu pai intelectual». «Eu creo que busca as vangardas por razóns non poéticas: ir máis alá de Dieste, evitar certos complexos, xustificar un posible fracaso, buscar un estilo propio inimitable, criticar poeticamente o mundo burgués… O máis lóxico sería que fracasase. Se non fracasou foi porque era realmente un poeta de raza». Outro fracaso é a recepción negativa entre os seus coetáneos do manifesto Máis alá, asinado con Álvaro Cebreiro: «Se non escribe unha obra que escureza ese pasado que tanto critica, ese manifesto é unha simple boutade. A grandeza é que acaba escribindo un dos mellores libros da poesía universal, demostrando que era un poeta de raza, e non un falabarato como moitos pensaban». Luces e sombras dun escritor singular. «Mentres non teñamos biografías que mostren, ao lado dos seus acertos e virtudes, as debilidades, mesquindades e defectos dos nosos grandes escritores, seremos unha literatura insegura», conclúe Losada.”

Xosé Luís Axeitos fala do número 2 de Follas Novas

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
‘A revista quere ser esa plataforma que acolla as novas lecturas que se están a facer (da obra de Rosalía de Castro)’. Xosé Luís Axeitos dirixe Follas Novas. Preséntase o segundo número da Revista de estudos rosalianos. Pode escoitarse a entrevista aquí.”