A Coruña: actividades do 8 de agosto na Feira do Libro 2023

Compostela: actividades do 7 de maio na Feira do Libro 2023

Ferrol: actos destacados dos 22 e 23 de abril na Feira do Libro 2023

Marilar Aleixandre: “Se Juana de Vega fose inglesa tería unha cantidade enorme de películas sobre a súa vida”

Entrevista de Laura Veiga a Marilar Aleixandre en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xorde Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo?
– Marilar Aleixandre (MA): Eu sempre digo que todo o que escribimos parte do mesmo texto. As malas mulleres é unha novela que ten base histórica na que aparece Concepción Arenal como visitadora de prisións. Eu sei do cárcere da Galera, situado na Coruña, por primeira vez pola súa biografía e é un traballo que ela fai con Juana de Vega. Querendo ler máis cousas sobre esta muller chego ás súas memorias, que están en internet na Biblioteca Nacional.
Pareceume unha personaxe fascinante porque desde os trece anos xa anda metida nas revolucións liberais que hai no século XIX, acaba sendo exiliada e sufrindo a represión…
Na súa casa é onde se organiza a revolución de 1846 que despois dá lugar aos mártires de Carral. Este ano será o 150 aniversario da súa morte e por iso propúxenlle a Emma Pedreira facer este libro.
Non é unha biografía como tal, esta publicarase en novembro da man do investigador Xosé Ramón Veiga. Aquí hai partes biográficas e cousas recreadas. Emma tamén tivo a idea de falar das cidades e, se ben nun principio queriamos que se visen as costuras, ao final foi un remexido porque as dúas metemos man no da outra. Tamén nos pareceu moi importante incluír documentos da época, traducidos do castelán, porque hai xente que ten a idea de que Juana de Vega era unha beata e non é certo.
– ND: Hai que entender as persoas no seu contexto, non?
– MA: Nesa época non podías ir por aí dicindo que eras agnóstica, mais ela nas súas memorias critica de forma moi dura a moitos cregos. Estas sociedades que ela organiza son creadas porque era a única forma de participación das mulleres, entón é evidente que ela era unha muller moi política. Inclusive, falando da revolución de 1846, o capitán xeneral di que ela é precursora e directora da sublevación e pide en varias ocasións que a desterren. Pois dalgún modo houbo persoas que entenderon que ela era oposta a esta rebelión e inclusive que era oposta ao galego.
Os pais é certo que fixeran cartos en Cuba, mais viñan dunha orixe humilde e ambos falaban galego, e ela tamén; iso é o que di o biógrafo. Nese momento a xente escribe en castelán, inclusive Murguía, mais non se pode negar a boa predisposición. E cando se di que ela era unha aristócrata, por favor: recibe o título cando morre Espoz y Mina, mais deixa dito que na súa tumba non se poña ningún título.
Por que se xulga tan distinto aos homes e ás mulleres? Porque é certo que o seu título de condesa permítelle facer cousas que outra xente non podería, mais tamén axudou nos hospitais cando o cólera e a xente fuxía da cidade. Sen que se me entenda mal, porque eu son admiradora da súa poesía, Pondal viña dunha familia que fixera moitos cartos tamén e viviu toda a súa vida de rendas: tivo suficientes cartos como para dedicarse só a escribir; mais non vexo que sempre ao falar de Pondal se diga isto.
– ND: A dobre vara de medir.
– MA: Eu creo que no século XIX houbo catro mulleres excepcionais: Juana de Vega, Concepción Arenal, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. E Juana de Vega, tal e como o vemos Emma e eu, non é tan coñecida como debería. Se Juana de Vega fose inglesa tería unha cantidade enorme de series e películas sobre a súa vida porque é interesantísima. Forma parte da nosa historia e a xente ten que saber todo o que as mulleres achegaron neste século.
Hai moitas outras impresionantes como Nicolasa Añón, unha poeta analfabeta da que conservamos textos porque un mestre os recolleu, ou a mesma Pepa a Loba, da que aínda hai quen di que é unha figura mítica, mais eu pregúntome: que tería pasado se algunha destas catro mulleres tivese irmáns varóns?”

Lugo: O pazo das musas nº 39

DesdeChucu chucu chu o Museo Provincial de Lugo:
O pazo das musas, nº 39, terá lugar o xoves, 24 de setembro de 2015, ás 20:00 horas, no Museo Provincial de Lugo. Será un monográfico dedicado ao 140 aniversario da chegada do tren a Lugo.
Era o 5 de outubro, o convoi viña desde A Coruña (non se inaugurara a Ponte da Chanca), pero aínda así aquel día foi festa en Lugo por partida dobre: santo patrón e apertura dun camiño de ferro para activar o comercio local.
Contamos coa axuda do historiador Xosé R. Veiga, do xornalista e escritor Xesús Fraga, do pintor de trens e estacións, entre outros temas, Xoán Guerreiro, e coas narracións e sucedidos de Lois Pérez. O músico Vadzim Yukhnevich vai ambientar os escenarios do tren, os sons das máquinas, o “chucu chucu chu” do tren.
Ademais, nestas datas e ata o próximo día 12 de outubro pódese ver na sala de exposicións do Museo Provincial de Lugo unha exposición de xoguetes doutras épocas, nas que os trens son os protagonistas.”

Leiras Pulpeiro, sempre na memoria, por Armando Requeixo

Reportaxeactas-leiras de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Escribo estas liñas en rematando o día do aniversario do pasamento de Manuel Leiras Pulpeiro, ao que honramos en Mondoñedo nunha xornada memorable con diversos actos que lembraron a súa figura e confirmaron, máis unha vez, a vixencia non só literaria, senón humana e cívica de quen foi republicano, federalista, laicista, filántropo e decido defensor da lingua nosa, das tradicións etnográficas propias, da idiosincrasia antropolóxica que máis xenuinamente nos caracteriza.
Pola mañá, ás 12:00 h., o Salón Nobre do Concello de Mondoñedo acolleu a presentación dun volume colectivo de interese para o coñecemento e análise da obra do persoeiro mindoniense: Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912). O poeta e o cidadán ao cabo dun século. O libro, que coordinaron Xe Freyre e Abel Vigo García e editou o Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo coa supervisión de Xoán Ramiro Cuba, reúne unha parte substantiva das conferencias e relatorios do congreso leirasiano que, por mor do cumprimento do centenario do autor, tivo lugar en Mondoñedo nos primeiros de novembro de hai dous anos.
Así pois, neste volume poden lerse traballos de Xe Freyre, Andrés García Doural, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán, Isabel Morán, Camiño Noia, Antonio Reigosa, Ramón Reimunde, Armando Requeixo, Alicia Tella-Villamarín e Xosé Ramón Veiga, textos e achegas que convidaron a coñecer no acto de presentación o propio Freyre, amais de Reimunde e Meilán, todos tres con alocucións complementarias, pois á acuidade na síntese de contidos do coordinador seguiu a reivindicación leirasiana do seu editor e aínda o discurso emotivo, vibrante e entregue de quen se criou na casa do poeta. (…)”