A Coruña: conferencia de Anxo Guerreiro

O martes 9 de febreiro Anxo Guerreiro Carreiras intervirá dentro do ciclo Economia, História, e Realidade Social. A súa palestra A involuçom do Governo de Feijoo reflexionará sobre a actualidade política galega. Será a partir das oito do serán no local da Fundación Caixa Galicia no Cantón Grande da Coruña. Organiza a Agrupaçom O Facho.

O Consello da Cultura aposta polo emprego progresivo da nosa lingua nas aulas

“Non se pode tratar igual aos desiguais”, sinalou Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, ao inicio da comparecencia de prensa na que daba conta, canda Henrique Monteagudo, do ditame do CCG sobre as polémicas Bases para a elaboración do decreto do pluringüismo que fixo públicas en Nadal a Dirección Xeral de Política Lingüística. Os pais non poden ser quen decidan en qué lingua se educan os seus fillos, e os alumnos non poderán escoller libremente o idioma que empregan na aula. Este é un dos puntos que recolle o Ditame do Consello da Cultura Galega sobre as Bases para a elaboración do decreto do pluringüismo no ensino non universitario de Galicia que se presentou esta mañá na sede da institución. O pleno do CCG aprobou onte sen ningún voto en contra un texto que recomenda recuperar o consenso arredor do idioma. Entre outras cuestións, o Consello defende que o emprego das linguas no ensino debe seguir o principio de progresividade do galego que recolle o Plan Xeral de Normalización, e que as porcentaxes concretas deberán ter en conta o contexto de cada centro. Ao tempo recomenda a creación dunha oferta educativa en galego para alumnos de entre 0 e 3 anos e a atención ás linguas minoritarias en contextos bilingües. Do mesmo xeito, apunta que a introdución dunha lingua estranxeira no ensino debe ir de xeito voluntario e gradual, e non se facer a costa dunha das linguas oficiais e regularse nunha norma separada.

Descargar DITAME DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA SOBRE AS “BASES PARA A ELABORACIÓN DO DECRETO DO PLURILINGÜISMO NO ENSINO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA”: PDF, 192 KB

A TVG promociona a lectura con microespazos dun minuto

A Televisión de Galicia emite dende onte e de luns a venres, despois do telexornal do mediodía, o espazo Palabra de autor, palabra de autora co obxectivo de fomentar o libro galego ao longo deste Ano da Lectura. A campaña difusora das nosas letras tamén se estende á Radio Galega, xa que cada mañá a emisora autonómica programará unha entrevista que, baixo o título Biblioteca aberta, achegará os gustos literarios de autores, ilustradores e editores. A Consellería de Cultura inviste 120.000 euros entre a promoción radiofónica e a televisiva. [Ler información completa en Xornal de Galicia]

Santiago: presentación da nova novela de Marcelino Fernández Mallo

Este martes terá lugar en Santiago a presentación de Klásicos, segunda novela de Marcelino Fernández Mallo. Ademais do autor na presentación intervirán Rafael Cuíña, empresario e colaborador de diversos medios de comunicación, e Chisco Fernández Naval. A presentación de Klásicos terá lugar mañá martes 2 de febreiro na Librería Couceiro de Santiago, ás 8.00 do serán.

Cid Cabido: ‘A memoria sempre se transforma en ficción’”

A Nosa Terra conversa co escritor galego Xosé Cid Cabido:

“Como sabemos, a organización de datos para crear un relato é sempre unha construción artificial, por moito que eses datos procedan dunha experiencia real. Sempre hai versións. E nesas versións hai un grao de distorsión da realidade, ou polo menos, sempre se detectan diferenzas de percepción. O que comprobas nunha investigación como esta é que as versións adoitan ser moi nebulosas en aspectos esenciais e moi precisas en cuestións completamente secundarias. Así confirmamos que a memoria posúe uns mecanismos que contribúen a construír o relato, a deformar os feitos de tal xeito que, claro, rematan por transformarse en ficción. A que a cada quen lle convén contar.” [Ler entrevista completa]