Monforte: actividades máis destacadas do mércores 24 na Feira do Libro

A XIV edición da Feira do Libro de Monforte desenvolverase do mércores 24 ao sábado 27 de agosto, na rúa Cardeal, con horarios entre as 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas. Os actos máis destacados do mércores 24 son os seguintes:

19:30 h. Pregón da Feira a cargo de Marcos Calveiro.
20:30 h. Mesa redonda sobre Lois Pereiro, coa participación de Xosé Manuel Pereiro, Manuel Bragado, Jacobo Fernández Serrano, Iago Martínez e Marcos Calveiro.

Roteiros literarios por Compostela: Inma López Silva

O martes 23 de agosto, a partir das 20:00 horas, na Estatua de Rosalía na Alameda de Santiago de Compostela, terá lugar o último Roteiro literario por Compostela, actividade da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura de Santiago, aos que a cidadanía pode sumarse sen necesidade de anotarse, axudando a coñecer a Compostela literaria da man dos nosos autores e autoras. O Roteiro, da man de Inma López Silva, terá o seguinte percurso: Ferradura, Villar, Catedral, Acibechería, Cervantes, Cinco Rúas, Belvís, Mazarelos e Praza da Quintana.

Antonio Raúl de Toro: ”É moi orixinal que a idea desta obra galaicoinglesa xurdira de editores británicos”

Entrevista a Antonio Raúl de Toro en El Progreso:
“- El Progreso: Como xurdiu o encargo de dirixir a antoloxía galega máis completa, con máis de 280 textos, traducidos ó inglés, baixo o título de Breogan’s Liththouse, da editorial Francis Boutle Publishers?
– Antonio Raúl de Toro Santos: A idea partiu dun amigo de Plymouth que é o director, xunto a Alan Kent, dunha colección de literatura e linguas menos utilizadas en Europa e animeime ó saber con que colaboradores ía traballar e finalmente presentamos a obra a finais do ano pasado en varias cidades galegas, así como na Universidade de Oxford, na irlandesa de Cork e é probable que tamén o fagamos no Instituto Cervantes de Dublín. (…)”

Muxía: presentación de As crebas, de Miro Villar

O venres 19 de agosto, ás 21:00 horas, na Praza do Cabo da Vila de Muxía (en caso de choiva, a cita trasladaríase ao Salón de Actos), preséntase o libro As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior e premiado co XIII Premio de Poesía Concello de Carral. No acto participan, acompañando ao autor, Félix Porto, Xosé Henrique Rivadulla Corcón e Alexandre Nerium.

Santa Cruz, Oleiros: recital poético-musical na inauguración de Enarborar o bosque

O luns 22 de agosto, a partir das 20:00 horas, no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), terá lugar a inauguración da exposición Enarborar o bosque, na que se recollen os traballos feitos durante a xornada de Arte Reivindicativa ao Aire Libre na Carballeira de Chaián, o 5 de Xuño de 2011, formada por pintura, fotografía, escultura e escrita. Dentro dela terá lugar un recital poético-musical, no que participarán: Chelo Suárez, Francisco X. Fernández Naval, François Davo, Helena Villar Janeiro, Iolanda R. Aldrei, Lourdes Maceiras, Marina Cocós, Miguel Melero, Natalia Margalejo, Ramiro Torres e Xesús Rábade, e o poeta e músico Mou de Lugh, que acompañará os poetas cun hang drum. A exposición, que se poderá visitar até o 31 de agosto, e na que participan un total de 59 artistas, está organizada polo Colectivo Arteu.

Polafía en Cabana de Bergantiños, o venres 19 de agosto

O Auditorio Municipal de Cabana de Bergantiños (A Carballa, s/n., Cesullas) acollerá este venres 19 de agosto, a partir das 18:00 horas, a gravación dunha Polafía. O acto, que tamén está aberto a todo o público que queira asistir como espectador, está organizado conxuntamente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Concello de Cabana de Bergantiños. O evento servirá para lembrar a figura do acordeonista José María Álvarez Canto ademais de servir para poñer en valor a ricaz literatura oral e música tradicional de Cabana. En principio, estaba programado realizar esta gravación na praza de Neaño pero decidiuse cambiar ó Auditorio por mor da inestabilidade metereolóxica.
A xornada desenvolverá 26 espectáculos distintos centrados sobre a literatura oral e a música tradicional ofrecidos por persoas individuais e colectivos de gran parte do territorio de Cabana de Bergantiños. Haberá representantes das parroquias de Nantón, Cundíns, Cesullas, Canduas, Anos, Borneiro, A Silvarredonda e Riobó.
A tarde abrirase coas intervencións de Jacinto Paredes e María Álvarez Castro, quen lembrarán a figura de José María Álvarez Canto. Jacinto recordará a figura do mestre acordeonista, dado que el fora o seu alumno. Por outra banda, María lembrará ó acordeonista José María tanto no seu Corme natal como nos salóns de baile da redonda.
A música tradicional virá da man de varias agrupacións de gaiteiros, de cantareiras e pandereteiras. As cantareiras do Fol (Neaño, Cesullas) realizarán a representación etnográfica dunha fiada que engalanarán con cantos tradicionais de Bergantiños. As cantareiras de Nantón e de Anos subirán á escena diversos cantos recollidos na Costa da Morte. A representación dos grupos de gaitas recaerá nos gaiteiros de Anos e Borneiro. Os primeiros tocarán o Valse de Cabana e a Muiñeira de Cabana, mentres que os segundos interpretarán a Rumba de Neaño e a Xota de Neaño. Os aspecto máis etnográfico-musical será a actuación das pandereteiras de Cundíns (Pura e Hermosinda), dúas pandereteiras maiores que conservan intacto un máis que interesente repertorio musical da súa parroquia natal. Elas cantarán á pandeireta o Maneo de Cundíns e o Pasodobre corrido de Cundíns, xunto cunha peza de orixe portuguesa (A Portuguesa) que lles ensinou hai décadas un reparador de potas e cacerolas.
A literatura de tradición oral virá da man de regueifas, coplas e poemas populares. Para a actuación de regueifa contarase cos catro regueifeiros naturais de Cabana de Bergantiños: Fermín Calvo, Raimundo Cousillas, José Rodríguez e Manuel Fariña, representantes desta manifestación de literatura oral nas parroquias da Silvarredonda, Cesullas e Borneiro. Como representantes de literatura popular editada en libro lerán poemas Plácido Vigueret Villar, Fina Cousillas Baña (lerá textos de súa nai María Baña Varela) e Tamara Lema (lerá textos de Hermosinda Varela Lema). Matilde Vilariño Pose e Carmen Varela García lerán poemas de carácter popular que manteñen inéditos. Pilar Rama Pose, de Riobó, e Aurora Ramos e Dolores Macías cantarán coplas populares (sen compaña de pandeireta). José Rodríguez (José de Severo) ademais de regueifar, recitará o Romance da tía Pepa.
Como representante de literatura culta estará presente o poeta de Canduas Óscar de Souto, que recitará cinco poemas dos seus libros Latexos, Díxenllo á noite, En ausencia e Laios d’alma.
A música coral estará representada polas corais de Cesullas e Canduas, as cales subrián ó escenario os temas A branca gaivota e Cabana de Bergantiños. Raimundo Cousillas cantará á guitarra dous temas compostos por el: O emigrante e Máis bonito A Coruña. Sandra Alvarellos Varela lerá un texto sobre as tradicións do San Fins do Castro. Varias persoas do Centro de Día de Cabana narrarán contos e lembrarán vellas regueifas.
Nesta Polafía colaboran todos os colectivos musicais e persoas individuais participantes, así como o Centro de Día de Neaño.

Esta é a localización do Auditorio:

Soutelo de Montes: presentación de Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández

O venres 19 de agosto, ás 20:30 h., no Auditorio de Soutelo de Montes, preséntanse os libros Lume de cobiza, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia, e O bestiario máxico do abade Eliseo e outras narracións insólitas, de Francisco Rozados, Rochi. No acto, no que o autor estará acompañado por David Raposeiras Correa e Xosé Luna Sanmartín, haberá tamén unha actuación musical a cargo do dúo de guitarra e voz Andrea e Xavi.