Bases do VII Premio de Narrativa Breve Repsol

A Fundación Repsol, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, no desexo de contribuír ao desenvolvemento da literatura galega, convoca a sétima edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, de acordo coas seguintes bases:

1. A este premio poderán concorrer todos os autores e autoras que o desexen, excepto a persoa gañadora da edición anterior, cunha novela curta escrita en lingua galega, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega.
2. As novelas, que serán orixinais e inéditas en tódolos formatos, terán unha extensión non inferior a 50 folios nin superior a 120. Cada folio estará mecanografado a dobre espazo a razón de entre 28 e 32 liñas, de 60 a 70 caracteres por liña como termo medio no conxunto da novela presentada. Con caracter xeral, a extensión mínima e máxima de cada novela virá determinada polos valores de folios, liñas e caracteres antes concretados.
3. Presentaranse seis copias encadernadas de cada orixinal. En cada unha das copias figurará o titulo da novela e o lema desta.
Acompañarase tamén un sobre pechado no que figurará o citado lema e, no seu interior, o nome, enderezo, números de teléfono fixo/móbil do autor ou autora e recensión biográfica recente.
4. As novelas enviaranse antes do 19 de xullo de 2013, facendo constar no sobre Premio de Narrativa Breve Repsol, ao seguinte enderezo:
Refinaría Repsol A Coruña
Apartado 700
15080 A Coruña
5. Axuntarase aos orixinais, dentro do sobre pechado, una declaración xurada asinada polo/a autor/a onde declare a súa autoría sobre a novela, así como a súa orixinalidade. A non inclusión da dita declaración xunto coa novela será motivo para que a novela en cuestión sexa excluída automaticamente, considerarase non remitida e non presentada e destruirase.
6. Establécese un único premio dotado con 12.000 (doce mil) euros. Esta cantidade estará suxeita á retención a conta do IRPF que legalmente corresponda.
7. O premio poderá declararse deserto sempre que o xurado considere que as novelas presentadas non reúnen a calidade suficiente.
8. A contía do Premio inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición en galego de ata un máximo de 1500 exemplares do texto gañador. Estes dereitos corresponderanlle en exclusiva á Fundación Repsol. A novela premiada será publicada pola Editorial Galaxia segundo Contrato de Edición asinado ao efecto nos termos que acorden a Fundación Repsol e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. En todas as edicións que se realicen se fará constar o nome de Premio de Narrativa Breve Repsol 2013..
9. O xurado estará composto por:
– unha persoa nomeada por Política Lingüística,
– unha persoa nomeada pola Fundación Repsol,
– unha persoa nomeada pola Real Academia Galega,
– unha persoa nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e
– unha persoa nomeada pola Editorial Galaxia.
A decisión do xurado será inapelable e farase pública no mes de setembro do ano 2013.
10. A entrega do premio terá lugar nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña. A non ser por razóns de forza maior, a persoa gañadora deberá estar presente no acto de entrega do premio.
11. Os orixinais non premiados serán devoltos, sempre que os/as autores/as así o soliciten por escrito no prazo máximo de dous (2) meses a partir da data en que se faga pública a resolución do xurado. Os orixinais que non se retiren destruiranse.
12. Os datos achegados polos participantes no Premio incorporaranse a un ficheiro automatizado titularidade da Fundación Repsol, entidade con domicilio en Madrid, na rúa Velázquez, 166, 28002, cuxo tratamento estará suxeito á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, e a súa normativa de desenvolvemento, coa finalidade de utilizarse para a realización de cantas xestións sexan necesarias para o desenvolvemento do Premio, incluída a selección do gañador, a publicación da listaxe do gañador e a posterior entrega do Premio a este. Os participantes terán o dereito de acceder a este ficheiro e rectificar, cancelar e/ou opoñerse ao tratamento dos seus datos. Neste caso, deberán comunicalo expresamente, para o que enviarán unha comunicación escrita á antedita dirección.
13. Os participantes autorizan expresamente e con carácter indefinido a que a Fundación Repsol poida facer difusión, en calquera medio de comunicación interno/externo que estime oportuno, dos seus datos persoais consistentes no seu nome e apelidos como gañador do Premio, coa exclusiva finalidade de asegurar a divulgación por calquera medio e coñecemento da realización e fallo do Premio, sen que iso xere dereito de pago e/ou indemnización ningunha a favor dos participantes.
14. Nos aspectos non incluídos nestas bases ou naqueles que puidesen ser obxecto de interpretación, a decisión corresponderalles ás entidades organizadoras, as cales, unha vez consultados os membros do xurado, emitirán ditame que será inapelable.
15. A participación na convocatoria do Premio de Narrativa Breve Repsol 2013 implica a aceptación destas bases.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2013

Dumbría: Unha Semana para amar o Libro

Desde Que pasa na Costa:
“(…) O CEIP Santa Eulalia de Dumbría organiza a IV Semana do Libro, onde seis poetas pasarán polo centro dumbriés para compartir experiencias e desenvolver diferentes talleres literarios.
– O luns 15 abrirá a Semana Xosé Henrique Rivadulla “Corcón” cos de 5º curso.
– O martes 16 será Paula Carballeira os que faga vibrar cos seus contos aos de Infantil e 1º ciclo.
– O mércores tócalle o turno a María Lado cos de 2º ciclo.
Xurxo Souto estará o xoves 18 cos de 6º curso, e
– O venres 19 tócalle o turno pola mañá a Suso Bahamonde cos de 2º ciclo, e a Rocío Leira cos de 1º curso. (…)”

Arteixo: presentación de As Crónicas de Bran (I). A revolta dos Mestres, de Xosé Duncan

O sábado 13 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do Candil (Rúa Historiador Vedía, 3) de Arteixo, preséntase As Crónicas de Bran (I). A revolta dos Mestres, de Xosé Duncan, publicado por Contos Estraños. No acto, xunto ao autor, participa Modesto Fraga.

Comezan os VI Encontros Cidade da Coruña

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) anuncia que este xoves 11 de abril, a partir das 20:00 horas, terá lugar a conferencia inaugural dos VI Encontros Cidade da Coruña, organizados coa colaboración da Real Academia Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, coa presenza de Xosé Luís Axeitos, presidente en funcións da Real Academia Galega, do presidente e da secretaria xeral da AELG, Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas respectivamente, e da relatora, Pilar García Negro, quen desenvolverá o tema Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar.
A última das conferencias será impartida pola autora portuguesa Lídia Jorge, que recollerá o premio Escritora Galega Universal concedido pola AELG.

A seguir, o programa completo dos Encontros, que se celebrarán sempre ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega:
1. Conferencia inaugural. Xoves, 11 de abril: Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar, por Pilar García Negro.
2. Xoves, 18 de abril: Elas, as invisíbeis. Silencios e voces das represaliadas, por Aurora Marco.
3. Xoves, 25 de abril: As voces ausentes. Literatura restitutoria, por Antón Riveiro Coello.
4. Venres, 3 de maio: Quem guardará os livros, por Lídia Jorge, Escritora Galega Universal 2013.

Porque precisamos reconstruírmos os lugares máis escuros da memoria -as guerras, as mulleres represaliadas, as guerrilleiras, as voces enfermas, esquecidas ou simplificadas até o sometemento, as vidas vividas a contrafío na defensa dos dereitos- chegamos á escrita restauradora.
Velaquí a literatura a se converter nos óculos-ponte e no espello reflector que trace, desde a palabra, os lindes xeográficos e humanos dos territorios da invisibilidade.