Santiago: obradoiro Lecturas dende os Feminismos, con María Reimóndez

O sábado 13 de abril, de 11:00 a 14:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, terá lugar o obradoiro Lecturas dende os Feminismos, organizado por A Sega e dinamizado por María Reimóndez. O obxectivo é partillar o marco feminista coas lectoras para que poidan analizar como len e se cada engadirse ao grupo de lectoras con lentes violetas. O prezo é de 10 euros por participante (as persoas interesadas poden anotarse enviando un correo electrónico a liladelilith@gmail.com, indicando nome, e-mail e teléfono.

Lugo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O venres 12 de abril, ás 20:00 horas, na Librería Biblos (Rúa Salvador de Madariaga, 1, local 4) de Lugo, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Primitivo Iglesias Sierra e Manuel Bragado.

Jurjo Torres Santomé: “A LOMCE é a lei educativa que gostaría de ter aprobado Thatcher”

Entrevista a Jurjo Torres Santomé en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cal é a xustificación da LOMCE?
– Jurjo Torres (JT): A LOMCE non ten xustificación. Só se achegaron o que eles denominan “comparacións internacionais” que fai a OCDE, o informe Pisa. Porén, esa é unha organización que ten uns intereses moi concretos: promover o desenvolvemento económico.
Non se persegue o desenvolvemento integral da persoa. As materias que poderían axudar a conquerir tal obxectivo vanse varrendo do currículo: Educación para a Cidadanía desaparece; Ética muda de nome e pasa a ser optativa fronte a Relixión; e Filosofía é optativa en todos os niveis agás no bacharelato. En que momento o alumno vai aprender que é a democracia ou que é a igualdade? E agora a última proba de Pisa que nos introduciron: a Educación Financeira. (…)
– SG: Preténdese desdebuxar a realidade, convencer de que non existen outras linguas distintas do castelán, dunha maioría ultrarrelixiosa e conservadora, de que non hai desigualdades sociais?
– JT: As desigualdades sociais vai ser moi difícil velas cando na escola convivan só os fillos das familias de ben. A pobreza estará aí, mais será lonxe, nalgún país africano, e o sistema educativo non vai ensinar a entender por que túa nai ou teu pai foron despedidos do emprego. Pisa lévanos cara ás materias onde esa realidade non existe. Dinnos que temos que comer para estar sans, mais non se analiza por que hai uns señores empeñados en envelenar tales alimentos para obter un rendemento económico, poño por caso.
A educación debe ensinar por que a realidade é como é, non presentar só uns contidos para pasar de curso. Porén, hai un medo terríbel a que o alumnado entre en contacto con coñecementos que contradín verdades oficiais e van evitalo colocando até avaliacións externas para que aquel profesorado que se rebele non poida ensinar outra cousa. Sobre o papel está moi ben pensado. Agardo que na práctica lles estoure na cara. (…)”.

O Porriño: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao

O venres 12 de abril, ás 23:30 horas, no Pub Liceum do Porriño (Rúa Ramón González, 16), terá lugar o recital poético e musical Con dez poemas por barba, coa participación de María Lado e Lucía Aldao. O prezo da entrada é de 4 euros (2 para as persoas socias do Pub).

Colaboracións no Proxecto Xabarín 18

Desde o EEI Monte da Guía de Vigo e o CEP Sequelo-Marín:
“”Botando o carro antes que os bois”…poderíamos dicir que así comezou o noso proxecto, Xabarín 18, coa certeza e a ilusión de que non nos ían deixar sen elas a morea de ilustradores que queríamos convidar a participar nel…e así foi!
A ilusión e a confianza segue a latexar no noso equipo, máis aínda logo de vivir a implicación no proxecto non só das nosas pequenas comunidades educativas, senon de outras moitas, da TVG, do MARCO e outros Museos, de Bibliotecas, da Casa da Xuventude, da prensa, das redes sociáis…de todo tedes cumprida información no enlace que vos puxemos ao inicio desta mensaxe.
Neste intre, sentímonos por unha banda na “necesidade” de recoller nun libro o proxecto e as ilustracións (Ramón Trigo, Pepe Carreiro, Kiko da Silva, Carrabouxo, Abraham Carreiro, Carlos Taboada, Buceta…e un longo etc. ata as 21!) que o conforman, tanto por “obriga intelectual” como por gratitude, coa intención de que sexa un agasallo para todos aqueles que o fixeron e fan posible.
E por outra, non queremos que falte outra forma de expresión coa que nós, mestres, e vós, convivimos a cotío, a escrita…así pois, facemos un chamamento á vosa xenerosidade, pedíndovos unha pequena colaboración : un textiño, do xeito, amplitude e contido que vos pareza ben e que fale sobre o que vos poda inspirar o noso benquerido Xabarín. Neste intre, temos xa algunhas colaboracións que nos achegaron “voluntariamente” (Afonso Eiré, Xosé Carlos Caneiro e Miguel Ángel Alonso Diz). Pódense enviar ao correo xabarin18@gmail.com.
Moitísimas grazas xa por adiantado.”

Betanzos: inauguración da Libraría Carricanta

O venres 12 de abril, a partir das 18:00 horas, na Libraría Carricanta (Praza Doutor José Fariña, 1) de Betanzos, terá lugar o seu acto de inauguración. No mesmo haberá actividades para nenas e nenos, coas súas familias, e, sobre as 20:00 horas, falará para as persoas presentes Xurxo Souto.

Presentación de novidades de Urco editora

O venres 12 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII) de Santiago de Compostela, preséntanse as novidades editoriais en fantasía, ciencia ficción e terror de Urco Editora:
O clan dos lupercos, de William Morris.
O anxo da revolución, de George Griffith.
Os botes do Glen Carrig, de William Hope-Hodgson.
Fungos de Yuggoth, poemas impíos de H. P. Lovecraft.
Ninguén Lembra, de Vanesa Santiago.
Contos de Soños e Sombras, de Ariza Piñeiro.