Arquivos mensuais: Abril 2013
Convocatoria Un milladoiro para Corcoesto, dentro da III edición de Enarborar o Bosque
O sábado 1 de xuño terá lugar a III edición de Enarborar o Bosque en Corcoesto, Cabana de Bergantiños, con recitais poéticos, pintura ao vivo, música, maxia… unha verdadeira romería artístico-reivindicativa ao aire libre. Os organizadores, Delio Sánchez, de Factoría DELIdeas, e os compoñentes do colectivo arTeu, Xacobe Meléndrez e Inma Doval, convocan explicitamente a levar versos escritos sobre croios, ou mesmo pequenas pedras intervidas, coas que se montará unha instalación adicada á protección de Corcoesto e o seu entorno natural frente ao proxecto de explotación mineira de ouro a ceo aberto. Tamén se pode enviar a pedra ao Apartado 223, C. P. 15660, de Cambre – A Coruña antes do 28 de maio.
Máis información aquí, ou tamén no evento creado en facebook.
Vigo: presentación do número 197 da revista Grial
O venres 26 de abril, ás 12:30 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, coincidindo coa inauguración da exposición 50 aniversario da Fundación Penzol, presentarase o número 197 da revista Grial dedicado aos 50 anos da Fundación, a cal, un 7 de abril de 1963, hai medio século, se formalizaba en Vigo, mediante escritura notarial. A ese acontecemento dedica Grial as súas páxinas monográficas, coordinadas por María Dolores Cabrera, Henrique Monteagudo e Ramón Villares.
Ribeira: presentación de Olladas, de Adelaida Vidal
Betanzos: presentación de Meliflua Moradía, de Lino García Salgado
O venres 26 de abril, ás 20:30 horas, no Salón Azul do Liceo de Betanzos, preséntase Meliflua Moradía, de Lino García Salgado, publicado por A Porta Verde do Sétimo Andar, nun acto organizado pola Asociación Cultural Eira Vella, onde participa, xunto ao autor, Manuel López Foxo.
Gondomar: Poesía e chocolate: dous praceres intensos e escuros, obradoiro de poesía para mozos e mozas dirixido por Carlos Negro
O xoves 25 de abril, ás 19:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, o poeta Carlos Negro estará cos mozos e mozas do Comando Le para conducir un obradoiro co suxestivo título de Poesía e chocolate: dous praceres intensos e escuros. Faremos unha indagación sensual e gorentosa no vicio da poesía, suxerindo definicións, lendo textos, saboreando palabras… Misterio, emocións, amor, unha sesión chic e fashion. E quizais algunha sorpresa que aínda non aparece nos papeis.
O obradoiro inscríbese dentro da Semana do Libro e a Lectura 2013 que Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, organiza dende o 22 ao 27 de abril con motivo da celebración do Día do Libro.
Santiago: terceira xornada do Congreso Internacional Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada
Chega a terceira xornada de Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada, congreso internacional dividido en 5 xornadas e un congreso virtual, organizado polo Consello da Cultura Galega. Contará coa participación de especialistas na obra rosaliana de diferentes xeracións e de dentro e fóra de Galicia que achegarán olladas renovadoras desta autora única. O programa é o seguinte:
XOVES 25 DE ABRIL
CARA A UNHA INTERPRETACIÓN GLOBAL DE ROSALÍA: HERMENÉUTICA, FONTES E EDICIÓN. Coordinador: Anxo Angueira.
– 10:00 h. Para unha interpretación integral da obra rosaliana, por Xesús Alonso Montero,. Retrucante: Dolores Vilavedra.
– 12:00 h. Mesa redonda: Editar Rosalía. Moderador: Anxo Angueira. Con Henrique Monteagudo, Aurora López, Ana Rodríguez Fischer e Juan Barja.
– 16:00 h. Mesa redonda: O mundo editorial da época. Moderador: Andrés Pociña. Con Xurxo Martínez González, Santiago Díaz Lage e Carmen Pérez Pais.
– 18:30 h. Gótico e romantismo alemán en Rosalía:
* Rosalía e o Volksgeist; resonancias do romanticismo alemán no contexto galego, por Derek Flitter.
* A cuestión do gótico nas novelas de Rosalía, por César Domínguez.
Breizh, de Miro Villar
Entrevista a Miro Villar en Fervenzas Literarias:
“- Fervenzas Literarias (FL): A primeira dúbida á que se enfronta o lector que se achega a este libro é se estamos ante un libro de haikus ou ante un libro de viaxes. En Breizh a viaxe consiste en transitar polo haiku ou é o haiku quen nos convida -non tanto a facer a viaxe- senón a vivir a viaxe?
– Miro Villar (MV): En Breizh hai dúas viaxes: a primeira delas sería unha viaxe física á Bretaña realizada a través do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte. Trátase dunha serie de viaxes que nos levan polas diferentes fisterras atlánticas e desta volta tocaba pola Bretaña.
Esa sería a viaxe física, pero logo está a viaxe literaria, que ten moito que ver coa nosa propia tradición. A Bretaña é un territorio que un galego e unha galega senten como moi próximo. A influencia de Bretaña é moi evidente tanto na literatura medieval galega como na contemporánea. Velaí está o libro de As cruces de pedra na Bretaña de Castelao ou a obra de poetas máis recentes, como Olga Novo. Porén, a min o libro que máis me inspirou para escribir Breizh foi Laio e clamor pola Bretaña de Manuel María.
A razón pola que foi escrito en haiku é posterior á viaxe. Nun congreso de escritores celebrado en Coimbra coñezo ao poeta coimbrense António Jacinto Pascoal. Pascoal estaba facendo unha antoloxía do haiku mundial para traducila ao portugués e solicitoume información sobre autores galegos que cultivasen o haiku en Galicia, ao que eu lle respondín que non había moita cousa e faleille de Uxío Novoneyra e de Ricardo Martínez-Conde.
Jacinto Pascoal insistiume de que tiña que escribir un libro de haikus. Entón, no transcurso desta viaxe a Bretaña, onde non tes moito tempo de escribir, onde o único que fas son anotacións breves e concisas, a estrutura de haiku amoldouse a esa brevidade e concisión que eu precisaba. (…)
– FL: No limiar Xosé María Lema indica que este libro nace dunha xeira de viaxes polas fisterras atlánticas. Por que deterse en Breizh en lugar doutras fisterras percorridas polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte como Cornualles, Eire …?
– MV: Esta viaxe tiña un substrato e unha vinculación moi importante coa nosa tradición literaria e cultural. Todos eses sitios que ti ves de nomear evidentemente tamén son fisterras atlánticas, pero a min apetecíame poetizar Bretaña, principalmente por iso que veño de te comentar, por ser partícipe dunha tradición cultural e literaria que ven dende atrás. Evidentemente tamén hai unha vinculación de Galicia con outras terras, como con Irlanda, por exemplo. Pero é sen dúbida moito menor que con Bretaña. (…)”
Adianto do documental Un chapeu negro e un nariz de pallaso, sobre Roberto Vidal Bolaño
Ferrol: actos destacados da VI Semana de Poesía Salvaxe
En Ferrol terá lugar a VI edición da Semana de Poesía Salvaxe. Do programa, que se pode descargar completo aquí, destacamos a participación de:
– Mércores 24 de abril, ás 23:30 horas, no Pub Cazadores (Rúa Magdalena, 114). Recital poético coa presenza, entre outros, de Séchu Sende.
– Xoves 25 de abril, ás 12:30 horas, no Mercado da Magdalena. Recital poético coa presenza, entre outros, de María Lado e Lucía Aldao.
– Venres 26 de abril:
– 12:30 horas. Mercado de Recimil. Coa presenza de Estevo Creus.
– 18:30 horas. Praza de Armas. Con Xiana Arias e Olalla Cociña.
– 23:00 horas. Pub Carteles (Rúa Sol, 139). Con Xiana Arias e Olalla Cociña.
– Sábado 27 de abril:
– 13:30 h. Pub Cazadores. Recital con Ramiro Vidal, entre outros.
– 18:30 h. Ateneo. Recital con Olalla Cociña, Xiana Arias e Ramiro Vidal, entre outros.
– 21:00 h. Cafelito de Gloria (Rúa Sol, 199). Con Ramón Blanco e Pablo Sax.
– 23:30 h. Festa final no Pub Carteles. Todos e todas.