Cuestionario Proust: Raúl Dans

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Raúl Dans:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Conciliador.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-Xenerosidade, sentido do humor, empatía.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
-Veño de descubrir que son máis preguiceiro do que cría. E túzaro.
5.– A súa ocupación favorita?
-Confesable? Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Ver felices as persoas que quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Quitando perder as miñas fillas, que ninguén me quixese.
8.– Que lle gustaría ser?
-Un escritor deses que se seguen lendo dentro de cen anos.
9.– En que país desexaría vivir?
-Galicia non está mal, aínda que cadra un pouco lonxe de todo.
10.– A súa cor favorita?
-As do outono.
11.– A flor que máis lle gusta?
-A flor do lirio.
12.– O paxaro que prefire?
-No mar, as gaivotas; nos parques, pombas e estorniños; o merlo, o pardal e a pega, no eido. E así.
13.– A súa devoción na prosa?
-Sempre me asombrou que Jan Potocki puidese escribir o seu Manuscrito atopado en Zaragoza sen usar metáforas nin comparacións.
14.– E na poesía?
-Emily Dickinson.
15.- Un libro?
-Un que lin recentemente: Stoner de John Williams.
16.– Un heroe de ficción?
-Gulliver. Todo o que viaxa. E a min hai que me sacar da casa a empurróns.
17.– Unha heroína?
-Alicia. As cousas inquietantes que lle pasan e con que enteireza as afronta a rapariga. Se son eu, nin con terapia electroconvulsiva me recupero de semellante pesadelo.
18.– A súa música favorita?
-Ramones, Patti Smith, Leño… Bach, Mozart, Schubert…
19.– Na pintura?
-O Bosco, Van Gogh, Pollock… Hai dous cadros que me gustan especialmente: “A orixe do mundo” de Courbet e “Nachtmahr” de Füssli.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-De cativo coñecín un heroe: Esparza. Salvou un amigo meu de morrer afogado no río.
21.– O seu nome favorito?
-Os nomes así, sen persoa, non me din moito.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Impuntualidade.
23.– O que máis odia?
-Non poder comer todos os doces e as lambonadas que me pete.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Os ditadores e os xenocidas.
25.– Un feito militar que admire?
-A vitoria aliada na batalla das Ardenas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Saber pintar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Morrer? Quen? Eu?
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Bastante murcho ultimamente, pero adoitaba ser un tipo alegre e disposto.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Na ficción practicamente todos, pero na vida real cada día aturo menos até o defecto máis insignificante.
30.– Un lema na súa vida?
-Deixa vivir.”

Entrevista a Daniel Asorey en Zig-zag

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Nordeste, de Daniel Asorey, é dunha novela que se ocupa da interconexión entre Galicia e o Brasil a través dunha ucrónica República galega de expansión ultramariña e da que terras coma Bahía, Río Grande do Norte e o mesmo São Paulo son colonias. Pode accederse á entrevista aquí.”

Mina Loy. Futurismo-Dadá-Surrealismo, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“É moi importante, neste preciso momento, que as mulleres nos liberemos da nosas faixas. Non nos favorecen por moito que nos prometan, senón que contribúen a facer un monumento ao contrincante e mesmo a darnos unha rancia sombra. Falo desas faixas vermellas que nos libros delimitan os contributos das autoras, como esa ultimísima e tan polémica que di de Elena Garro esposa de, amante de, filla de, ou aqueloutra de Simone que falaba tanto de Jean Paul que non deixaba espazo para ela.
A de Mina Loy (Londres, 1882- Colorado, 1966) falou durante moito tempo de Cravan e, por fin podemos ver con este libro publicado por La Linterna Sorda en edición de Ana Muíña e apertura da poeta galega Ana Cibeira, o que ela foi e que o seu legado é enorme, interdisciplinar e si, existe.
A faixa vermella actual de Mina Loy –a politicamente incorrecta– diría que desafiou a Marinetti, pasou de Tristan Tzara e que sobreviviu a Breton, Duchamp, Man Ray e ao desaparecido Cravan. (…)”

Bases do Concurso de Poesia convocado pola A. C. O Facho 2017

“A Agrupaçom Cultural O FACHO convoca o Concurso de Poesia 2017, que se regerá polas seguintes bases:

1º) Ao prémio de poesia d’O Facho poderám concorrer qualquer pessoa até os 35 anos de idade e sempre que nom tenha publicado nengum livro individual de poesia e a obra seja inédita e nom ter sido premiada com anterioridade em qualquer outro concurso ou certame.
A obra presentada deve estar escrita em língua galega em qualquer das três normas ortográficas (AGAL, PADROM, RAG) e com um máximo de umha obra por autor. É responsabilidade do júri do prémio determinar se algum dos trabalhos apresentados possui ou nom as características para ser considerado “livro”. Porém, recomenda-se que tenham umha extensom mínima de 300 versos.
2º) Os originais para o Concurso enviaram-se por triplicado devidamente encadernados, em formato DIN A4, a dobre espaço e mecanografados por umha soa cara ao Apartado de correos, 1320; ou também à Caixa de Correios n.º 46, Oficina Principal d’A Crunha. Apresentaram-se sob um lema, que figurará na portada dos textos enviados, e viram acompanhados de um envelope fechado que contenha no exterior o lema da obra e, no interior, o nome, apelidos e telefone do autor ou autora.
3º) Estabelece-se como prémio único a ediçom da obra premiada. O Facho fará a entrega ao/à autor/a de 25 exemplares.
4º) O prazo de admissom de originais finda o dia 15 de Abril do 2017 às doze da noite. O falho do prémio fará-se público no mês de Maio.
5º) Os ganhadores serám elegidos por um júri nomeado pola Associaçom Cultural O FACHO. O mesmo estará composto por pessoas de reconhecido prestígio no âmbito da escrita literária, da ediçom ou da crítica.
6º) O júri poderá declarar deserto o prémio do concurso e resolvera aquelas situaçons que se pressentem e que nom esteiam contempladas nestas bases, assim como as duvidas que podam existir na sua interpretaçom. Assim mesmo, o júri escolherá de entre os trabalhos apresentados um único libro. Ademais, poderá deixar constáncia na acta outros títulos considere merecedores de ser publicados, nom significando isto nengum compromisso por parte d’O Facho. Nom se fará referência na acta ao nome dos autores ou autoras dos livros mencionados.
7º) O Facho disporia do prazo de um ano para editar o livro. Transcorrido esse tempo, o autor ou autora poderá dispor da obra com a única condiçom de que deverá deixar constáncia do galardom em sucessivas ediçons do livro.
8º) A participaçom neste Certame implica assumir as bases do mesmo.
9º) Os originais nom premiados poderám ser retirados, no prazo de 30 dias, no local de O Facho, prévio correio dirigido ao endereço postal da Agrupaçom. No caso de que o autor o autora nom resida na Corunha poderá solicitar que lhe sejam enviados por correio postal.
10º) Esta convocatória entrará em vigor ao dia seguinte da sua publicaçom nos médios.

Agrupaçom Cultural O Facho
Na Crunha, 18 Janeiro 2017″

A Coruña: presentación de A relixión do mar, de Xosé Iglesias

O venres 20 de xaneiro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, Xosé Iglesias presenta A relixión do mar, obra coa que gañou o 9º Premio Victoriano Taibo de poesía. No acto, o autor estará acompañado por Felipe Senén.

Pontevedra: relatorio arredor de 1936. O Estatuto esquecido

O xoves 19 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa de Don Filiberto, 9-11), en Pontevedra, terá lugar un relatorio arredor do libro 1936. O Estatuto esquecido, coordinado por Xosé Fortes Bouzán (historiador), e editado por Guiverny. No acto, coorganizado polo Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao coordinador, Miguel Anxo Fernández Lores e Belén Fortes.