Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2016

DesdeFervenzas Literarias 2015 Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2016. En total, este ano recibimos 420 enquisas válidas.
Queremos agradecervos a todas e a todos as dez edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!

– Mellor libro de narrativa para A ferida do vento, de Antón Riveiro Coello.
– Mellor libro de poesía para Os fillos da fame, de Ismael Ramos.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Historia das historias de Galicia, coordinado por Isidro Dubert.
– Mellor libro de teatro para A filla de Woody Allen, de Santiago Cortegoso.
– Mellor álbum de banda deseñada para Presas fáciles, de Miguelanxo Prado.
– Mellor libro traducido para público adulto para Festa no xardín, de Katherine Mansfield, por Estela Villar Nogueira.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas.
– Mellor libro de literatura infantil para Esmeraldina, a pequena defunta, de Ledicia Costas.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Unha última carta, de Antonis Papatheodoulou, traducido por Manuela Rodríguez.
– Autor do ano para Diego Giráldez.
– Ilustrador do ano para Miguelanxo Prado.
– Mellor capa de libro para adultos para Galería de saldos, de Diego Giráldez, feita por Iago Sánchez Losada.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas, por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para o pasamento de Agustín Fernández Paz.
– Mellor Libraría para Libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para Criticalia, de Armando Requeixo.”

Víctor Freixanes: “Este é un país demograficamente pequeno que fai milagres”

Entrevista a Víctor Freixanes en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como se ve Galaxia fóra de Galaxia?
– Víctor Freixanes (VF): Realmente non me sinto fóra de Galaxia porque sigo sendo conselleiro, presidente da Fundación Otero Pedrayo, codirector de Grial e, ademais, participo moito neste proceso de transición que capitanea Francisco Castro. Síntome moi satisfeito de como unha empresa produce os seus propios mecanismos de renovación, que é do que se trata.
– VF: ¿Non lle quedou nada por facer?
– FC: Recollendo e ordenando os papeis con Francisco [Castro] atopamos a memoria que eu escribín cando cheguei no ano 2002. Do que era debuxar aquela realidade a hoxe cambiaron moitas cousas. Con todo, as grandes preocupacións e as liñas estratéxicas da editora que hoxe seguen vixentes estaban xa escritas nese momento. O cambio das tecnoloxías, os novos hábitos de consumo da sociedade lectora, as novas demandas das novas xeracións… Iso obriga a que a empresa editorial estea continuamente lendo a sociedade e transformándose.
– VF: ¿Que retos lle agardan a Francisco Castro?
– FC: Para min os novos desafíos que ten Galaxia son o cambio xeracional de hábitos de consumo da cultura, onde o libro está vivindo un momento de transformación, non me atrevo a dicir crise, porque non é certo, nunca se leu tanto como agora, nunca se produciu tanto libro como agora. Hai que traballar o mundo da lingua e da lectura. A lingua galega ten problemas que non temos solucionado. Despois están as novas tecnoloxías, o mundo xa non é Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense, o mundo é o mundo mundial. Con iso ti tes que competir dende a propia identidade dun país. (…)”

Eli Rios: “Porque a palavra é o meu lugar no mundo”

Entrevista de Maria José Castelo Lestom a Eli Ríos no Portal Galego da Língua:
“(…) – Portal Galego da Língua (PGL): Como entendes a literatura em geral e a poesia em particular? Para que achas que podem valer nesta época convulsa e constrita em tudo quanto faz referência a direitos e liberdades?
– Eli Rios (ER): A poesia é inútil. Não serve para comer e também não para possuir milhões que alimentem caixas ou bancos. A poesia só é útil para sentir-se humana, para encontrar a nossa parte mais afetiva e lutar contra o esquecimento (de nós mesmas/da história). No tempo em que o corpo é o meio para os ganhos e os trabalhos, a poesia pergunta qual é a matéria bruta dessa corporeidade e de que estão feitos os seus sonhos e desejos. A poesia só é uma ética que acompanha no caminho. Uma forma de ver e apreender o quotidiano. (…)
– PGL: Na obra Marta e a píntega experimentas com a rutura dos corsés de género que a literatura infantil foi criando também como o cinema e o resto da produção cultural destinada a consumo infantil, qual foi a necessidade que viste para introduzires o feminismo?
– ER: Porque sou mulher, porque também quero identificar-me com uma protagonista, porque a voz de mulher tem o mesmo espaço que a do homem(algum dia), porque nom acredito em que uma menina seja um objeto, porque nom acredito que uma menina seja só uma roupa, porque nom acredito em que uma menina seja menos capacitada que um menino para imaginar aventuras. Porque é e será necessário para terminar com o inferno no que crescem e moram as mulheres.
– PGL: Não apenas aqui, mas em toda a tua obra temos uma fonda impronta do feminismo, da necessidade da deconstrução social do género, dos preconceitos, dos tabus que nos trouxeram onde hoje estamos. Como achas que a literatura pode nos ajudar a sairmos desta encruzilhada?
– ER: Criando referentes nos que possamos deitar a nossa olhada, levantando as figuras das mulheres ignoradas na História não só reclamamos um espaço mas também a possibilidade de que as meninas tenham ícones científicos, literários, etc, e nem só de beleza patriarcal ou de costumes ancestrais. (…)”

Marilar Aleixandre ingresa na RAG termando da paisaxe e da palabra

Desde a Real Academia Galega (foto da RAG):
“O respecto polo medio natural, a defensa da lingua e a ollada ao mundo coas lentes da xustiza social e do feminismo son constantes na vida e na obra de Marilar Aleixandre. E tamén son parte fundamental do ensaio co que ingresou hoxe oficialmente na Real Academia Galega, títulado Voces termando da paisaxe galega. A escritora, bióloga e catedrática de Didáctica de Ciencias Experimentais conciliou neste texto as ciencias e as letras para advertir que tanto a nosa paisaxe física como a inmaterial están ameazadas. Mais deixou espazo para a esperanza: é posible invertir a realidade e “termar da paisaxe”, en toda a amplitude polisémica dos dous termos.
Fina Casalderrey foi a encargada de darlle a resposta en nome da RAG á nova académica numeraria nunha cerimonia solemne que tivo lugar no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, onde ensina e investiga como profesora da Facultade de Ciencias da Educación. Ademais de congregar a representantes das distintas institucións da vida cultural, política e cívica do país, o acto, conducido polo presidente Xesús Alonso Montero, foi seguido por moitas outras persoas que quixeron participar nesta sesión pública da RAG.
Marilar Aleixandre ocupa desde o sábado 14 a cadeira que quedou vacante tras o pasamento de Xosé Neira Vilas. Na súa intervención non faltou unha homenaxe a quen sucede no posto, “unha honra e unha gran responsabilidade”, e comprometeuse a se esforzar arreo en continuar o labor do autor de Memorias dun neno labrego. A nova académica salientou a afouteza desta novela, que leu por primeira vez nada máis instalarse, en 1973, en Vigo, porque rachou coas historias bucólicas sobre a vida nas aldeas e deu voz aos máis desfavorecidos, aos “ninguén”. “Cómpre, benquerido Pepe, agradecerche que neste texto inaugural da literatura galega para nenos e nenas non falseases a realidade con azucre. Agasalláchesnos cunha chamada á rebeldía, a tomarmos partido contra o discurso da resignación e o medo. O discurso dos caladiños que mantén non haber nada que facer nin para defender a lingua galega, nin para defender os dereitos sociais, tan duramente conquistados”, expresou a autora nun discurso acabado de escribir o día do primeiro cabodano do académico, o 27 de novembro de 2016.
A alocución arrincou e concluíu escoitando as “voces silenciadas” a través da historia de Dolores Blanco, redeira e dirixente do sindicato La Reivindicadora, que sobreviviu a un paseo en agosto de 1936. Historias coma a súa pertencen á “paisaxe invisíbel que tamén forma parte do país”, esa “paisaxe soñada” por persoas coma ela que loitaron pola xustiza social, valorou rematando cunha chamada a “termar da memoria, termar dos nomes” e “exercer a resistencia”.
Marilar Aleixandre entra na Academia (con sede na que foi casa de Emilia Pardo Bazán) reivindicando tamén a pertenza “á estirpe das que Rosalía de Castro chamou as literatas”. “De Rosalía e de Emilia herdo o feminismo, a convicción de que as mulleres podemos acadar todo, unha idea expresada poeticamente no discurso de ingreso de Xohana Torres, Eu tamén navegar, e nos seus poemas”, declarou. Por iso advertiu que, malia sermos unha literatura que agroma dunha nai fundadora, “as institucións do noso país están demorando en recoñecer as mulleres hai tempo a exerceren como intelectuais”. (…)”

Marilar Aleixandre: “Creo que fixen bastante para dicir que son galega”

Entrevista de Noelia Gómez a Marilar Aleixandre en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Vas ingresar na Real Academia Galega en substitución de Neira Vilas. Que supón para ti?
– Marilar Aleixandre (MA): Entrar na Academia é unha honra. Supón un recoñecemento a unha traxectoria e neste caso, ademais, o número de mulleres na Academia é moi pequeno, comigo somos 6. Despois máis adiante entra Chus Pato e seremos 7, pero de 30. Eu creo que é importante que haxa mulleres, pero sobre todo que haxa feministas, mulleres que axuden a crear esa nova paisaxe cultural da Galiza. Neira Vilas é unha persoa moi especial coa que eu tiña relación persoal. A outra vez que eu estiven proposta hai 4 anos el foi unha das tres persoas que asinou a proposta e era unha persoa moi comprometida con todo o que é a loita social. (…)
– SG: Como escritora es máis coñecida polas túas obras narrativas, tanto para adultas e adultos como para mozas e mozos. Que achega a poesía a un perfil tan polifacético coma o teu?
– MA: A miña traxectoria é contraria á de moita xente que comeza facendo poesía e logo fai narrativa. Eu nunca escribín poesía cando era nova, escribín relato curto desde que estaba na universidade. Daquela era moi difícil publicar para a xente nova. Por iso eu teño dito en moitos sitios que eu comecei a escribir redactando panfletos para revistas clandestinas, porque realmente as primeiras cousas que publiquei eran sen nome. Mais despois de ter feitas cousas en galego e acadar premios como o Álvaro Cunqueiro, no ano 98 confluíron varias cousas. Por unha banda, as malas compañías, porque eu andaba coa xente do Batallón literario da Costa da Morte, o que despois foi Letras de Cal, ía a recitais con eles e lía un relato curtiño, pero non era o mesmo que a xente que lía poemas. Por outra parte, coincidiu que facía traducións para distintas revistas e publicaba unhas traducións de Sandra Cisneros, poeta e narradora estadounidense e publiquei dous poemas dela que estaban inéditos na Festa da Palabra Silenciada. Fran Alonso pediume que traducise o libro que se chama en galego Muller Ceiba e, xunto con iso, un irmán meu tróuxome coma un diario de neno que miña nai escribiu coma no meu nome, e dicía cousas como que eu collía un libro e non me decataba de nada do que pasaba ao redor. Ela morreu cando eu tiña 25 anos e eu collín todo iso. A primeira parte de Catálogo de velenos é un diálogo entre filla e nai. (…)
– SG: Outro tema a destacar na túa poética, mais tamén na narrativa, é o feminismo, que volta estar en Desescribindo. Con todo, hai poemas no que é máis explícito que outros. Por exemplo en ‘auga na lúa’ ou en ‘as debandadoras de seda’.
– MA: É interesante que o vexas aí. Eu son feminista, creo que hai que dicilo e eu non teño ningún medo. Ademais é o meu primeiro compromiso. Entrei en política por iso, o feminismo é o que percorre toda a miña vida, mesmo desde o punto de vista da investigación. Creo que na maioría das veces, por exemplo, en narrativa, non se dá un discurso sobre feminismo, senón que é algo que se manifesta na ollada. O que pasa é que estamos tan habituados a que a ollada sexa patriarcal que cando hai a ollada feminista parece unha cousa rara. Ideoloxía ten todo o mundo, pero parece que só temos ideoloxía a xente de esquerda. Pois isto igual. As feministas temos unha ollada particular. Pero hai moitos feminismos. Este ano coordinei o penúltimo número de Grial que se chama así, Feminismos. Un poemario, como por exemplo Mudanzas, que colle as metamorfoses, que basicamente é unha historia de violacións, colle a voz das violadas. Ou en narrativa A Cabeza de Medusa, que é unha novela xuvenil. O peor é a violación social. Eu teño varias cousas sobre o tema, o que pasa é que antes a crítica non o lía. En Lobos nas illas, que é unha das primeiras cousas que publiquei de adultos, hai unha historia que se chama ‘Terror na madrugada’ que é un conto contra os malos tratos. Gañei o primeiro premio de novelas por entrega de La Voz de Galicia con Unha presa de terra, que está centrado na violencia machista e nos malos tratos, pero iso a crítica non o viu. As mulleres que leron o libro si. Catálogo de velenos, cuestiona a relación entre nai e filla. Aquí, en Desescribindo, hai poemas como ’somos Verbo’ que son máis explícitos. As ‘debandadoras de seda’ foi escrito para o primeiro Implícate, pódese entender como feminista pero tamén trata a cuestión do colonialismo. ‘auga na lúa’ é un encargo, creo que é o último poema que escribín, tamén para un proxecto de Manuela Palacios de como afecta as migracións ás mulleres (…)”

Cuestionario Proust: Iria Misa

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Iria Misa:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O inconformismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O sentido do humor. Paréceme síntoma doutras boas calidades.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Agarimo de balde. Compartir moitas risas e tamén algunha bágoa, claro.
4.– A súa principal eiva?
– A inseguridade. A indecisión.
5.– A súa ocupación favorita?
– Argallar. En moitas e moi variadas formas.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar soa con alguén e sentirme tan cómoda como para non ter nin que falar.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– O sufrimento ou a perda de alguén querido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Compoñente dunha banda Punk dos 70, ou dunha banda da Movida nos 80.
9.– En que país desexaría vivir?
-En Inglaterra pero cincuenta anos atrás. No Londres dos Swinging 60s, para vivir a revolución da mini-saia e o nacemento do rock.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As papoulas.
12.– O paxaro que prefire?
– As pegas, esas que andan sempre polo xardín dos meus pais.
13.– A súa devoción na prosa?
– As escritoras de comezos do século XX. As súas fillas, as súas netas…
14.– E na poesía?
– Os combates de versos dos Poetas da Hostia.
15.– Un libro?
– Un só? Non se pode…
16.– Un heroe de ficción?
– Rüdiger Von Schlotterstein.
17.– Unha heroína?
-Mary Poppins.
18.– A súa música favorita?
– O glam rock, o punk rock, o britpop, o electro pop, o indie-rock… Que teña potentes guitarras é fundamental.
19.– Na pintura?
-O Impresionismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as persoas podemos ser heroes ou heroínas, non?
21.– O seu nome favorito?
– Os que comezan por “M” non adoitan fallar.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A condescendencia.
23.– O que máis odia?
– A falla de empatía.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– FF.
25.– Un feito militar que admire?
– “Militar” e “admirar” para min non caben na mesma frase.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da teletransportación!
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo, co cabelo branco e a pel toda engurrada.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A expectativa, a transición.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que causan sufrimento a quen os posúe.
30.– Un lema na súa vida?
– De verdade, de verdade, de verdade pode pasar.”