Arquivos mensuais: Marzo 2019
Un estudo sobre o entroido ourensán, premio Risco de ciencias sociais
Desde Sermos Galiza:
“Festividades de inverno na provincia de Ourense é o título do ensaio co que Carlos Xabier Ares Pérez (Viana do Bolo, 1971) vén de se facer co premio Vicente Risco de ciencias sociais, outorgado pola Fundación Risco.
Subtitulado Máscaras, personaxes e rituais, a obra baséase, explica o xurado, “nun extenso traballo de campo, unha catalogación dos personaxes e figuras do entroido e das festas de inverno ourensás”. “O traballo poderá ser moi interesante para un coñecemento das figuras que protagonizan estas festividades”, engade o fallo.
Carlos Xabier Ares Pérez publicara numerosos achegamentos ao entroido en xornais ou publicacións periódicas. Escribiu ademais varias contribucións á historia da súa localidade natal, Viana do Bolo, onde a máscara tradicional é o boteiro.
O xurado da XXIII edición do premio Vicente Risco formárono Luzia Oca, da Universidade de Trás-os-Montes; António Carlos Gomes, do mesmo centro; Teresa Devesa, polo Concello de Allariz -sede da fundación-; Manuel Carrete, polo de Castro Caldeas; e con José María Eguileta, da fundación, como secretario.”
A Coruña: presentación de As ramonas, de Ana Cabaleiro
Noia: presentación de Tu contas e eu conto, de Susana Sanches Arins
Lugo: presentación de Piratas no recreo, de Miguel Ángel Alonso Diz
Ferrol: presentación de No perfil das verbas, de Baldomero Iglesias, “Mero”
Lalín acolle esta fin de semana #camiños, de ButacaZero en coprodución co CDG
Rematada a xira de Voaxa e Carmín, ButacaZero, non para. Catro meses despois de estrear Na butaca [fantasía nº3 en Dor Maior], chegou aos teatros #camiños, unha peza de teatro físico, poético e moi político que pecha unha triloxía sobre a memoria e que chega agora a Lalín. A cita será o venres 15 de marzo ás 21:30 no Salón Teatro de Lalín.
A nova peza da compañía vén avalada ademais polo Centro Dramático Galego, que coproduce da obra. Foi precisamente no Salón Teatro onde veñen de estar durante dúas semanas de residencia técnica no mes de xaneiro, cando se estreou a obra, o pasado 25 de xaneiro de 2018. Para este 2019 a xira contempla, entre outras, as paradas en Arteixo, Ponteareas, Lalín, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa ou Tomiño
Con Voaxa e Carmín, Esther F. Carrodeguas quixo abordar a memoria histórica. Con Na butaca, a memoria individual. E desta vez, trátase de levar a escena a memoria do noso pobo: o galego. #camiños nace dunha investigación sobre a multitude de aldeas abandonadas que, cada día máis e máis, enchen a nosa terra. E percorrendo eses camiños na procura de lugares deshabitados, Carrodeguas e Castiñeira foron tecendo unha peza que nos leva, precisamente, de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser. Quen somos os galegos do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade. Para tecer este mapa, ButacaZero bota man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.”
Dublín: recital poético de Manuel Rivas e Lorna Shaughnessy
O 14 de marzo, ás 18:30 horas, no Instituto Cervantes de Dublín (Lincoln House, Lincoln Place), terá lugar un recital de Manuel Rivas e Lorna Shaughnessy.