A Coruña: recital de Gonzalo Hermo e Andrew McMillan no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 18 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Gonzalo Hermo e o poeta inglés Andrew McMillan (as versións en galego dos textos recitados son autoría de Isaac Xubín). Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos marzo 2019.

Patricia Mallo: “A rapazada debe ter un pouco de man esquerda”

Desde Radiofusión:
“A rapazada debe ter un pouco de man esquerda para integrarse no seu grupo e na sociedade, afirma Patricia Mallo, a autora do libro Os Fantom. Ainda que haxa na escola abusóns, prevalece o compañeirismo. “Todas as persoas por moi fortes que sexamos temos algún punto fraco”. A rapazada amosase moi receptiva e identificase moito co protagonista, indica a escritora.
Na historia de Os Fantom tamén se fala de solidaridade. Son uns fantasmas un chisco peculiares. Máis que medo… dan risa. Iso é o que atopa a persoa lectora nesta novela coa que Patricia Mallo gañou a primeira edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. Unha historia que se move ás veces polo máis acó, ás veces polo máis aló, pero sempre, sempre, no territorio da gargallada máis terrofífica.
Sobre Os Fantom, de Patricia Mallo, falou a propia escritora e tamén Tatty Lavandeira, Esther Val, Andrés C. M. Riveira e Henrique Sanfiz.”
O podcast pode escoitarse aquí.

O 29 de marzo finaliza o prazo para o envío de orixinais ao Premio Viadutos de Novela 2019


PRIMEIRA. Poderá concorrer calquera persoa maior de 18 anos na data de resolución do premio que presente a súa obra en lingua galega conforme ás normas ortográficas vixentes.
Os textos presentados serán inéditos e totalmente orixinais. Non poderán ter sido publicados ou divulgados en todo ou en parte por calquera medio físico ou electrónico nin premiados en data anterior á resolución do xurado.
Os textos han ter unha extensión mínima de cen (100) páxinas, tamaño folio DIN A4, fonte Times New Roman tamaño doce (12), interliñado dobre (2), mecanografadas por unha cara. As follas deberán estar paxinadas. Os textos levarán escrito no encabezamento o pseudónimo da autora ou autor, e o título da obra.
SEGUNDA. De cada obra achegaranse seis copias en papel impreso debidamente encadernadas, e unha en soporte dixital (pendrive) nun documento de procesador de textos.
Co texto en papel e en formato dixital xuntarase un sobre pechado co nome do relato e o pseudónimo elixido escrito por fóra. No seu interior incluiranse os seguintes datos: nome e apelidos da autora ou autor, enderezo postal, correo electrónico, teléfonos de contacto, e copia do DNI ou pasaporte.
TERCEIRA. Os textos remitiranse en sobre ou paquete por correo postal sen remite, ou indicación que permita identificar a súa autoría, só figurará PREMIO VIADUTOS DE NOVELA 2019 co enderezo de destino:
Premio Viadutos de Novela 2019
Edificio Multiusos da Xunqueira
Departamento de Xuventude
Paseo da Xunqueira s/n,
36800 Redondela.
A recepción de orixinais rematará o día 29 de marzo de 2019.
CUARTA. Concederase un único premio en metálico, indivisible, de 3.000 euros suxeito á retención correspondente a efectos de IRPF.
QUINTA. O Xurado, nomeado polo excelentísimo Concello de Redondela, estará composto por cinco persoas relacionadas co mundo da cultura, lingua, e literatura galegas, unha delas en representación da Editorial Galaxia. Actuará como secretaria/o, con voz e sen voto, persoal técnico da Concellería de Xuventude do Concello de Redondela. O premio adxudicarase á obra que por unanimidade, ou no seu defecto por maioría de votos o xurado considere merecedora do mesmo. O xurado poderá declarar o premio deserto, para tal caso a decisión terá que adoptarse por unanimidade. A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer durante o mes de xuño de 2019.
SEXTA. A obra premiada será editada e comercializada pola Editorial Galaxia na súa colección literaria. Segundo Convenio asinado co Concello de Redondela, a Editorial Galaxia en calidade de entidade colaboradora, terá o dereito de publicación da primeira edición e reimpresións así como os dereitos preferentes de publicación en lingua galega. Todo isto sen menoscabo dos dereitos morais e patrimoniais da gañadora ou gañador do premio.
Sobre calquera controversia atenderase ao regulado na Lei da propiedade intelectual vixente.
SÉTIMA. Os orixinais non premiados poderanse recuperar pasado un mes desde o veredicto do xurado. Transcorrido o prazo, os textos serán destruídos.
A participación neste premio implica a completa aceptación das presentes bases e da decisión do Xurado que será inapelable.”

Pontevedra: Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita, os 15 e 16 de marzo

O Parlamento de Escritoras-es. Identidade e dereitos civís desde a escrita é unha actividade da AELG, co apoio do Concello de Pontevedra e CEDRO, que terá lugar os 15 e 16 de marzo de 2019, en Pontevedra.

Con esta actividade preténdese reflexionar, nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais, políticos, etc., sobre a vinculación entre a escrita literaria e a defensa dos dereitos civís e identitarios, da xustiza social e da liberdade de expresión nas súas máis diversas formas. A defensa destes dereitos humanos é a cerna dos valores irrenunciábeis, que guiarán este parlamento na súa temática e convocatoria, así como nas súas reivindicacións e pronunciamentos.

PROGRAMA

Venres 15 de marzo no Pazo Mugartegui (Praza da Pedreira). Entrada libre e gratuíta até completar o aforo.

Tarde

16:30 Mesa redonda. Liberdades civís e dereitos nacionais. Moderador: Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG).
– Relatoras-es: Carme Adán (ensaísta e filósofa), Laura Mintegi (narradora vasca) e Clàudia Pujol (novelista e historiadora catalá, da directiva do Òmnium Cultural).

18:30 Mesa redonda. Violencia institucional, violencia estrutural na sociedade. Moderadora: Mercedes Queixas (secretaria xeral da AELG).
– Relatoras-es: Joan Elies Adell Pitarch (poeta, tradutor, filólogo e director da Institució de les Lletres Catalanes), Ana Luísa Amaral (poeta portuguesa) e Suso de Toro (narrador e ensaísta).

Sábado 16 de marzo

Mañá. Pazo da Cultura. Seminarios 2 e 3. (Rúa Alexandre Bóveda, s/n.).

10:30 a 12:00. Grupo de traballo Feminismos. Identidades. Coordinadora: Marta Dacosta.
– Relatoras-es: Daniel Asorey, María Reimóndez e Antía Yáñez.

10:30 a 12:00. Grupo de traballo Desposesión da terra e da identidade. As migracións de hoxe. A emigración galega no século XXI. Coordinador: Xoán Carlos Domínguez Alberte.
– Relatoras-es: Ana Acuña, Vicente Araguas e Afonso Becerra. Incluiranse comunicacións escritas de varias persoas residentes fóra de Galiza, para completar a perspectiva deste grupo de traballo (María Alonso Alonso e Helena Miguélez-Carballeira).

12:30 a 14:00. Grupo de traballo Lingua e patrimonio cultural. Papel do/a creador/a na sociedade actual e exercicio de dereitos nacionais. Coordinador: Antonio Reigosa.
– Relatoras-es: Pilar García Negro, David Otero e Diana Varela Puñal.

12:30 a 14:00. Grupo de traballo Cultura, medios de comunicación e poderes. A literatura e a creación/expresión literaria como ferramenta construtora dunha sociedade libre. Coordinadora: Rosalía Fernández Rial.
– Relatoras-es: Manuel Bragado, Camilo Franco e Ana Romaní.

Tarde. Teatro Principal (Rúa Paio Gómez Chariño, 6). Entrada libre e gratuíta até completar o aforo.

17:00 a 19:00 Lectura e debate das achegas das mesas e grupos de traballo anteriores. Cesáreo Sánchez, Mercedes Queixas, e as/os coordinadoras/es dos grupos de traballo da mañá.

19:30 Acto literario e musical. Con Xosé María Álvarez Cáccamo, Tamara Andrés, Marica Campo, Berta Dávila, Estíbaliz Espinosa, Antonio García Teijeiro, Antía Otero, Eli Ríos, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Rafa Vilar. Conducen: Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado).

Monterroso: IV Feira do Disco e Libro Galego

11:00 h. Obradoiro gastroliterario Cociñando con Bolboretas no bandullo, (para nen@s de 5 a 12 anos con reserva previa). Reservas e info 630 65 04 19 / 699 69 14 47
11:00 h. Presentación de Hotel para coleccionistas discretos, de Diego Giráldez, publicado por Galaxia. Acompañan ao autor Manrique Fernández e Francisco Castro.
11:30 h. Presentación de A gotiña viaxeira, de Toño Núñez, publicado por Edicións Fervenza.
12:00 h. Presentación de Monstros, con ou sen consentimento, de Chuches Amil. Con Fran Amil. Concerto para nen@s.
12:50 h. Presentación de Chámame señora, pero trátame coma un señor, de Inma López Silva, publicado por Galaxia.
16:10 h. Presentación da Colección Cámara Escura, con Eutropio Rodríguez (aCentral Folque).
16:30 h. Contacontos + actividade: A manchas ou a raias, con Estefanía Padullés.
16:45 h. Presentación de Cairón nº 3. Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns. Con Xesús Alonso Montero, Daniel Salgado e Francisco Pardo.
18:20 h. Presentación de O puño e a letra, con Yolanda Castaño, publicado por Xerais.
20:00 h. Presentación de Memoria do silencio, de Eva Mejuto, publicado por Xerais.

Entrevista con María Xosé Queizán no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Falamos coa escritora María Xosé Queizán que recibiu o sétimo premio de Igualdade Ernestina Otero que concede o Concello de Vigo. Ademais celebrouse unha mesa redonda ao redor do seu traballo na Casa Galega da Cultura de Vigo. A entrevista pode escoitarse aquí.”