Ledicia Costas: “A vida de Florencio foi case unha especie de aventura e decidín que fose el mesmo quen a contase desde a visión infantil”

Desde a Real Academia Galega:
“«Vin a luz nunha aldea cun nome chulísimo: Córgomo. Pertence a Valdeorras, que é unha comarca de Ourense moi famosa polos seus viños. De feito, o viño e a natureza están moi presentes en toda a miña obra. Nese lugar hai un río precioso chamado Sil e unhas vides baixo as que fun moi feliz». Quen así se presenta é o propio Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), o protagonista do Día das Letras Galegas 2022, na biografía que Ledicia Costas escribiu para a páxina web Primavera das Letras, o proxecto da Real Academia Galega dirixido ao público escolar de infantil e primaria. A escritora, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, dálle voz ao propio homenaxeado, convertido nun neno máis para que sexa el mesmo quen lles conte a súa vida aos cativos e cativas do século XXI. E para iso sérvese dun trebello máxico, uns prismáticos que lle permiten viaxar no tempo e deterse en cada etapa dun periplo que arrincou nas terras valdeorresas e rematou no exilio mexicano.
«Para min escribir esta Primavera das Letras foi tamén un xeito de descubrir a vida e a obra de Florencio», confesa Ledicia Costas, que consegue transmitir o abraio da súa propia descuberta aos nenos e nenas nun texto igualmente atractivo para o público adulto. «Xunto a esa poesía tan pegada á terra, descubrín o seu afán de experimentación, porque eses “poemas crioulos”, nos que tira do exotismo e da musicalidade, foron un xeito de procurar outra maneira de comunicación. E fíxome rir coa súa poesía retranqueira e satírica, e descubrín que tamén fora un poeta político, con poemas moi ácidos como ese “Home pequeno – fol de veneno” sobre Franco», comparte.
A autora asumiu a encarga da RAG mergullándose na figura de Florencio Delgado Gurriarán a través da súa propia obra e mais de documentos e libros sobre o homenaxeado destinados a públicos de máis idade. E tamén documentándose sobre símbolos centrais na súa historia, que é dalgún xeito a historia de moitas outras persoas que se viron na obriga de fuxir dos seus fogares tras o golpe de Estado do 36. Iconas como o Ipanema, un dos chamados barcos da liberdade, no que escapou en 1939 a México canda outros galeguistas; ou como a revista Vieiros (1959-1968), editada polo Padroado Galego da Cultura Galega de México. «Queriamos que fose a máis impresionante do mundo galego e coidamos moitísimo a lingua. Xa sabes a rabia que me daba a min o castrapo (….). Non quero semellar un presumido, pero a revista era unha pasada!», conta sobre esta publicación emblemática o pequeno Florencio nesta biografía titulada Son o poeta que cruzou o océano.
A importancia do narrador neno
A elección dun Delgado Gurriarán neno como narrador foi unha decisión chave para facer a vida do autor interesante para a rapazada. «A súa vida foi case unha especie de aventura e pareceume unha boa idea que fose o propio Florencio quen a contase desde a visión infantil, considerei que era unha maneira de facela máis atractiva para o público de Primavera das Letras. O poeta neno é así quen relata a súa propia vida como unha aventura botando man deses prismáticos que lle permiten viaxar no tempo», explica Ledicia Costas.
Pero as palabras non o son todo. Blanca Millán foi quen creou as imaxes que acompañan o texto, que constitúen outro elemento central da propia biografía e de toda a páxina web de Primavera das Letras. «Como ilustradora deste proxecto, o meu maior reto foi dar con ese neno Florencio que, acompañado dos seus marabillosos prismáticos, guía os nenos e nenas nunha viaxe apaixonante pola súa vida», di a artista. «A aportación visual de Blanca foi moi importante. Creou unha vida chea de cor. Florencio, a quen lle gustaba tanto o baile, a música e a festa, estaría encantado con estas ilustracións tan coloristas, case como grilandas», compara Ledicia Costas.
Fichas para colorear e actividades interactivas
Xunto á biografía do autor, o proxecto Primavera das Letras ofrece tamén desde a súa páxina web fichas para colorear unha escolma de ilustracións de Blanca Millán, deseños de chapas e marcapáxinas e actividades interactivas para afondar en temas relacionados co universo vital e literario do poeta valdeorrés. Conta ademais cunha sección audiovisual, con vídeos protagonizados por nenos e nenas da súa comarca que cantan e recitan poemas da súa autoría, como «Aí vén o maio» ou «Casoiro».
Ao abeiro de Primavera das Letras, a RAG convoca ademais un concurso escolar arredor da celebración das Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán. Xa á volta do verán, Primavera das Letras estreará unha nova sección para achegar a lingua e a cultura galegas ao alumnado de infantil e primaria alén da festa do 17 de maio.”

A Coruña: lectura pública da obra de Florencio Delgado Gurriarán, o 15 de maio

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e o grupo Valdeorras Infinda celebraremos as Letras Galegas coa lectura pública da obra de Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado este 2022, na cidade da Coruña.

Será o domingo, 15 de maio, ás 12:00 h, diante do Teatro Rosalía de Castro. Estades convidadas todas as persoas que queirades ler poemas deste autor valdeorrés, figura clave do exilio mexicano. Pregamos que as persoas interesadas comuniquen o texto que queren ler, enviando un correo electrónico a acab@mundo-r.com

Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2022, con Manel Cráneo, o 14 de maio

Os Paseos pola Coruña Literaria Primavera 2022 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, que permiten coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

– Todos os paseos comezan ás 12:00 h., cunha duración aproximada de hora e media.
–  As inscricións faranse exclusivamente a través do correo electrónico inscricionslingua@coruna.gal desde o luns anterior a cada un dos paseos, ata que se esgoten as prazas. A duración é de aproximadamente unha hora e media. O lugar de saída para comezar o paseo comunicarase no correo de confirmación da inscrición.

Os paseos son os seguintes:

14 de maio, ás 12.00 h. “A Coruña, capital da banda deseñada galega”, con Manel Cráneo.  Máis información aquí.
Reimundo Patiño, as Xornadas de cómic que se realizaban no Fórum Metropolitano a primeiros dos 90, o festival “Viñetas desde o Atlántico”, as librarías especializadas, Polaqia, Demo Editorial e a plataforma Coruña Gráfica. Unha volta polo panorama autoral local.

21 de maio, ás 12.00 h. “Paseo imaxinario pola vida e obra de Luz Pozo Garza“, con Susana S. Arins.
Os paseos imaxinarios (ou non) son unha versión fantasiosa das rutas biográficas. Exixen por parte das participantes a capacidade de se desprazar a outros lugares, pois o espazo en que se desenvolven non deixa de ser unha metáfora doutros espazos. Este paseo imaxinario (ou non) nace da lectura atenta da obra de Luz Pozo Garza e non é outra cousa que unha escusa para compartirmos os seus textos.

28 de maio, ás 12.00 h. “As malas mulleres“, con Marilar Aleixandre.
A novela recibiu o Premio Blanco Amor en 2020, e con ela recuperamos a memoria das excluídas, reclusas no cárcere da Coruña, onde Concepción Arenal e Juana de Vega foron pioneiras.

A Baña reivindica a figura de Avelino Pousa Antelo co nomeamento de fillo predilecto

Desde o Concello da Baña:
“O pleno do Concello da Baña nomeará a Avelino Pousa Antelo fillo predilecto nun acto que se celebrará o próximo sábado, 14 de maio. O intelectual, escritor e mestre recibirá deste xeito unha merecida homenaxe póstuma da veciñanza do lugar que o veu nacer hai 108 anos, un recoñecemento que se prolongará coa colocación dunha placa conmemorativa na casa da cultura, cun xantar de irmandade e cunha presentación literaria.
Pousa Antelo (A Baña, 1914 – Teo 2012) foi un dos intelectuais máis activos na Galicia do século XX. O seu traballo como mestre e como dinamizador do rural loce a carón da súa talla intelectual e do seu labor en favor da cultura galega. A Baña quere honrar o seu percorrido vital co nomeamento de fillo predilecto, por acordo plenario o próximo sábado 14 ás doce da mañá.
Despois da cerimonia no salón de plenos, na casa da cultura descubrirase unha placa conmemorativa dedicada a Pousa Antelo. Intervirán no acto Quico Domínguez (representante da Fundación Penzol); Miguel Anxo Seixas Seoane (Fundación Castelao); Xosé R. Fandiño (Fundación Padroado Pedrón de Ouro); Amancio Liñares (historiador e escritor, autor de traballos e libros sobre a figura do homenaxeado); César Ramos (concelleiro da Baña); un representante do Concello de Teo, no que Pousa Antelo viviu os seus últimos anos; o cantor Xosé Luís Rivas ‘Mini’; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Carme Varela, filóloga e escritora; e un familiar do celebrado intelectual. O músico Emilio Lois acompañará o acto coas súas pezas e interpretará o himno galego.
Para despois deste acto está prevista a celebración dun xantar de irmandade. Xa pola tarde, a escola vella de Barcala acollerá a presentación do libro As paroladas de Avelino Pousa Antelo na Radio Galega (Ed. Valentín Arias / Amancio Liñares), na que se recollen as súas intervencións nas ondas. Participará o alcalde da Baña Andrés García; o portavoz socialista e exalcalde José Antonio Pereira; Ángeles e Nora Pousa, fillas do homenaxeado; familiares de Valentín Arias; o poeta Xoán Xosé Fernández Abella e o editor Amancio Liñares.”

Ribadeo: Letras no Campo. VIII Feira Ribadense do Libro 2022