Cuestionario Proust: Antía Yáñez

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antía Yáñez:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Obsesiva.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-Que me fagan rir.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que estean nas boas e nas malas.
4.– A súa principal eiva?
-A pouca paciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
-Ler (e durmir, non necesariamente nesa orde).
6.– O seu ideal de felicidade?
-Ter a miña propia biblioteca. Levo desde os 12-14 intentando crear o meu propio índice bibliográfico (algún día…).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Non ser capaz de valerme por min mesma (en todos os ámbitos: o físico, o psicolóxico, o económico…).
8.– Que lle gustaría ser?
-Estudante de Hogwarts (pasóuseme o arroz).
9.– En que país desexaría vivir?
-Nun onde o verán non pase dos 27 graos nunca.
10.– A súa cor favorita?
-Augamariña.
11.– A flor que máis lle gusta?
-As calas… aínda que non son moito de flores.
12.– O paxaro que prefire?
-Tampouco son moito de paxaros. As gaivotas, porque me lembran Burela.
13.– A súa devoción na prosa?
-Demasiadas/os para quedarme con un/unha só. Sería inxusto.
14.– E na poesía?
-A poesía é unha asignatura pendente, pero A lista da compra da viúva de Emma Pedreira foi unha grande introdución á mesma.
15.– Un libro?
-Un só? Imposible.
16.– Un heroe de ficción?
-Se se poden considerar heroes, Mortadelo e Filemón.
17.– Unha heroína?
-A primeira que coñecín foi Juana de Arco. Algo relixiosa de máis para o meu gusto.
18.– A súa música favorita?
-En xeral, o pop.
19.– Na pintura?
-Non gasto diso.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Hoxe en día non sabería dicirche. Admiro a moita xente, sobre todo mulleres, pero heroínas…
21.– O seu nome favorito?
-Antía, Alba, Aroa, Area, Antón, Anxo… sinto especial predilección polo A.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Que me mintan, pero supoño que iso non é un hábito (sabelo non o sei, claro, por razóns evidentes).
23.– O que máis odia?
-Non ter razón (e case nunca a teño).
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Franco.
25.– Un feito militar que admire?
-En todo caso, as misións de paz. Son militares?
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Volverse invisible pode considerarse un “don natural”?
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Sen sufrimento. Téñolle pánico ao sufrimento.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Exaltada.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-A ignorancia, pero só nas persoas que non teñen ou tiveron medios para paliar ese defecto.
30.– Un lema na súa vida?
-Non fagas o que non che gustaría que che fixesen.”

A República como historia de amor

Entrevista de Daniel Salgado a Francisco Castro en Nós Diario:
“Emilio Varela é un doutor ilustrado. preocupado polo progreso social e os ideais republicanos. Ramón Gándara, un poeta inédito a quen, desde cativo, criou Varela. Igual que á súa filla Ana e a outro rapaz adoptado, Darío Rocha, despois militar alzado contra a democracia en 1936. Neste cadrado político sentimental, situado no imaxinario pazo de Vila Flavia naquel ano de Atila, sucede o núcleo da trama de Tantos anos de silencio (Galaxia, 2020), a novela coa que Francisco Castro (Vigo, 1966) quere afondar “na horríbel aldraxe que para as vítimas supón a súa ocultación” e, ao tempo, refutar discursos sobre que “non pasou nada” ou que “os dous bandos eran iguais”.
“Non é unha novela sobre a Guerra Civil. Creo que vou comezar así todas as entrevistas”, explica Castro, en plena promoción do libro, a Nós Diario, “a Guerra Civil é o marco, o escenario onde acontece a historia que conto”. E que, engade, ten un obxectivo claro: “Demostrar que a violencia, concretamente a violencia contra as mulleres, e mais concretamente a violencia contra as mulleres que pensan e son libres, é sempre a mesma”.
Os paralelismos aos que se refire o escritor e tamén director xeral da Editorial Galaxia aparecen na obra en diferentes planos temporais. Os sucesos de Vila Flavia no verán do 36 conectan coa actualidade a través da profesora Ánxela, que participa nunha excavación da Asociación pola Memoria Histórica no pazo. “E que sofre o seu propio inferno de violencia, o terrorismo machista”, di.
“O fascismo é sempre unha reacción contra a liberdade, sempre é o mesmo”, teoriza Castro, “e isto evidénciase no caso do patriarcado e na existencia, ao longo da historia, de leis concretas para reprimir a liberdade das mulleres”. Ou, acrecenta, no caso dos pobos que queren realizar un referendo de autodeterminación. “Cando alguén, colectiva ou individualmente, reivindica seguir o seu propio camiño, agroma o fascismo a dicir que non”, afirma.
A andamiaxe narrativa de Tantos anos de silencio é, porén, o terríbel triángulo amoroso que compoñen Ramón, Ana e Darío. Con certo aire melodramático e doses de intriga, empurra a novela cara á súa resolución. “O amor é un dos elementos cruciais en todos os meus libros”, considera, “que son xa 19. O amor e a liberdade, sempre estou escribindo sobre o amor e a liberdade”. Esténdese: “Ao cabo, o dereito dos pobos á liberdade ten moito que ver co amor. E a de Tantos anos de silencio é unha fermosa historia de amor. Como a República representa unha historia de amor”.
Contra algunhas opinións críticas, que se fixeron singularmente audíbeis hai algo máis dunha década, Francisco Castro non compoarte que haxa demasiada literatura galega sobre a Guerra Civil. “Tampouco creo que haxa moitas novelas negras ambientadas en Vigo, como comeza a dicirse agora”, anota, “sinxelamente creo que os escritores escribimos sobre o que representa o espírito do noso tempo”. E, para Castro, no espírito do tempo actual flota o fascismo. A empezar por Vox, formación de ultradereita “que se identifica cos vencedores do 36″.”