Gala do Libro 2019, o sábado 11 de maio en Compostela

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan a cuarta edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar o sábado 11 de maio de 2019 no Teatro Principal de Santiago de Compostela (Rúa Nova, 21 –como chegar-), onde se darán a coñecer as obras gañadoras. ​Ademais, entregaranse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes.

A Gala do Libro Galego conta co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela e a Deputación Provincial da Coruña.

Estes son os horarios e o programa previsto:

– 18.30 Sesión fotográfica á entrada do Teatro.

– 19.30 Comezo da Gala.

– 21.30-22.30 Sesión fotográfica.

A entrada é libre (agás no patio de butacas e nos palcos reservados pola organización) até completar aforo.

A Gala contará coa presentación de Iria Pinheiro e a parte musical correrá a cargo de Habelas Hainas.

As obras gañadoras dos Premios Gala do Libro Galego daranse a coñecer no transcurso da Gala, que se poderá seguir en directo a través de YouTube: https://www.youtube.com/channel/UCMwJ1VrGMrTPQlA1ocjgppA

A actualidade da Gala pode seguirse no perfil de Twitter: https://twitter.com/PremGalaLibro  / @PremGalaLibro

O cancelo nas redes sociais é: #GalaLibroGalego2019

 

Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2018 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.

Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo.

Ademais, a Gala do Libro Galego é o marco no que tamén se entregan os Premios Honoríficos de cada unha das entidades convocantes, e que a organización fixo públicos na rolda de prensa que tivo lugar o 7 de maio. Son os seguintes:

– Premio Honorífico á Editora, concedido pola Xunta directiva da Asociación Galega de Editoras a María Xosé Queizán.

– Premio Honorífico á Libraría, concedido pola Xunta directiva da Federación de Librarías de Galicia a Antonio Fernández Maira.

– Escritora Galega Universal, concedido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega á autora portuguesa Maria Teresa Horta.

A seguir, facilitamos as razóns polas que estas persoas resultarán distinguidas na Gala do Libro Galego, así como uns respectivos perfís biográficos.

Premio Honorífico á Editora

María Xosé Queizán

Cultivou todos os xéneros literarios, desde o teatro, pasando polo ensaio, a narrativa, a poesía e mesmo escribiu guións cinematográficos. Catedrática de Lingua e Literatura Galega, é unha importante figura do movemento feminista, e neste eido é onde cabe destacar o seu labor como editora: Feministas Independentes Galegas foi un colectivo creado en Vigo en 1979 da man de María Xosé Queizán, e que a partir de 1983-1984 ten como principal cometido editar un número anual da revista Festa da Palabra silenciada, co obxectivo de promover o pensamento, a investigación, o debate e a crítica feminista nos ámbitos da teoría, as ciencias sociais, as artes e a política, así como potenciar e visibilizar a creación das mulleres na literatura e as artes visuais, centrándose, sobre todo, en Galicia, mais tamén alén das súas fronteiras.

Os 29 números da revista editados entre 1983 e 2013 e o monográfico publicado en 2014 poden consultarse na web do Consello da Cultura Galega.

Festa da palabra silenciada conseguiu aglutinar moitísimas escritoras, crear un diálogo xeracional e foi fundamental para ver o que se estaba facendo en Galicia e no mundo desde unha perspectiva feminista. Nas súas páxinas reivindicouse tamén o papel da literatura infantil e xuvenil feita en Galicia, e tamén tivo moito que ver no espertar poético feminista dos anos noventa. Foi, pois, un proxecto editorial pioneiro que abriu camiño aos que viñeron despois, non só por ser levado a cabo por mulleres (editoras, maquetadoras, correctoras…) senón porque puxo en valor o traballo feito por elas en todos os ámbitos.

María Xosé Queizán foi, ademais, directora da colección de narrativa de escritoras universais As Literatas, de Edicións Xerais de Galicia.

Premio Honorífico á Libraría

Antonio Fernández Maira

Antonio Fernández Maira naceu entre libros… Poucas persoas teñen a oportunidade de nacer entre libros e criarse ao redor dun mundo cultural no que a protagonista é a lectura. Os andeis da librería do seu pai en Lugo foron testemuña da súa formación ao mesmo tempo que tamén o foron das súas primeiras vivencias infantís.

De observar e pasear na súa mocidade entre os andeis da librería do seu pai, pasou a transmitirlle o seu propio sinal cando el fíxose cargo da xestión desa Librería fundada polo seu proxenitor alá polo ano 1942 e que todos coñecemos co nome de Librería Lucus.

A fascinación polos libros e a preocupación por un sector pouco comprometido, levárono a converterse en Presidente da Agrupación de Libreiros de Lugo no ano 1978.

A principios dos anos noventa incorpórase á Federación de Libreiros de Galicia da man do entón presidente José Manuel Alonso Martinez, primeiro en diversas tarefas administrativas e máis adiante como técnico profesional. Os cambios empézanse a notar debido á demanda dun sector permanentemente en crise pero tamén en plena efervescencia. O seu traballo é definitivo para afrontar novos retos neste colectivo, entre os que destaca a posta en marcha das Feiras do Libro.

Mención á parte merece sen dúbida o traballo desenvolto por Antonio como promotor da creación dos Premios “Irmandade do Libro”, que desde a súa dirección organizáronse durante 24 anos.

Escritora Galega Universal

Maria Teresa Horta

Figura central da literatura de expresión portuguesa, alén do profundo respecto e afecto á súa persoa e da valoración da altísima calidade literaria da súa obra, valórase tamén súa incontestábel defensa feminista dos dereitos civís, sociais e culturais na sociedade portuguesa actual.

«Ler O segundo sexo de Simone de Beauvoir fez-me ver mais claro dentro de mim aquilo que eu ainda não sabia explicar, não sabia expressar. Na altura só sabia que as mulheres eram discriminadas, marginalizadas, sacrificadas, tornadas em sopro, num pequeníssimo nada. É quando me torno numa feminista.»

Escritora, xornalista e poeta, estudou na Faculdade de Letras da Universidade de Lisboa. Dedicouse ao cine-clubismo, como dirixente do ABC Cine-Clube, ao xornalismo e ao feminismo, tendo feito parte do Movimento Feminista de Portugal con Maria Isabel Barreno e Maria Velho da Costa, as Três Marias. En conxunto publicaron o libro Novas Cartas Portuguesas, que, na época, xerou forte impacto e contestación.

Teresa Horta tamén fixo parte do grupo Poesia 61.

Publicou diversos textos en xornais como Diário de LisboaA CapitalRepúblicaO SéculoDiário de Notícias e Jornal de Letras e Artes, tendo sido tamén xefa de redacción da revista Mulheres, iniciativa persoal de Maria Teresa Horta que consistiu nun proxecto feminista, de forte cuño esencialista.

En 2004 foi feita Grande-Oficial da Ordem do Infante D. Henrique. Foi galardoada co Prémio D. Dinis da Fundação Casa de Mateus, pola súa obra As Luzes de Leonor.

Maria Teresa Horta súmase en 2019 ás escritoras e escritores que recibiron este nomeamento: Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia e Isabel-Clara Simó.

 

Esta é a relación de obras finalistas por cada modalidade dos premios.

 

OBRAS EDITADAS EN 2018

Ensaio e investigación

As orixes da fotografía en Galicia: estudos composteláns do XIX, de Carlos Castelao (Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago).

Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González (Edicións Xerais de Galicia).

Contra todo isto. Un manifesto rebelde, de Manuel Rivas (Edicións Xerais de Galicia).

Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia, de Montse Pena Presas (Edicións Laiovento).

Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo, de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez (editores) (Editorial Galaxia).

Vivir a galope, de María Xosé Queizán (Edicións Xerais de Galicia).

Divulgación

Castelao na arte europea, de Siro López (Garañón Editora).

Galaicos. Un pobo entre dous mundos, de Xurxo Ayán, María Luisa Castro, Antoni Nicolau, Diego Piay e Rafael Rodríguez (Alvarellos Editora-Deputación de Pontevedra).

Galiza 1968. A consciencia avivada, de Xosé Ramón Ermida Meilán (coord), Pilar Allegue Aguete, Vicente Araguas, Nemésio Barxa, Xaquín Campo Freire, María do Carme García Negro, Henrique Harguindey, Camiño Noia, Manuel Romero, Xesús Sanxoás Formoso (Sermos Galiza).

Máis que ver. Cen historias do deseño en Galiza, de Pepe Barro (Edicións Xerais de Galicia).

Maternidade fóra de catálogo, de Marga Tojo (Edicións Xerais de Galicia).

Memorias dun loitador antifranquista, de David Álvarez Carballido (Alvarellos Editora).

Narrativa

Besta do seu sangue, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia).

Bonus Track, de Rosalía Fernández Rial (Editorial Galaxia).

Fóra de si, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia).

Guías caninos, de Bieito Iglesias (Aira Editorial)

Natura, de Iolanda Zúñiga (Editorial Galaxia).

Infantil

Kusuma, de Héctor Cajaraville (Edicións Xerais de Galicia).

Música no faiado, de Miguel Ángel Alonso Diz (Edicións Xerais de Galicia).

O ladrón de voces, de María Canosa (Edicións Embora).

Os contos da avoa Pepa, de Francisco Xosé Fernández Naval (Kalandraka Editora).

Pioneiras. Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez Rodríguez (Edicións Xerais de Galicia).

Xuvenil

A balada dos unicornios, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia).

A filla do minotauro, de Marilar Aleixandre (Editorial Galaxia).

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio M. Fraga (Urco Editora).

Palabra de bruxa, de Andrea Barreira Freije (Editorial Galaxia).

Street Poems, de Fran Alonso (Edicións Xerais de Galicia).

Libro ilustrado

Macedonia de versos, por Lidia Nokonoko (Aira Editorial).

Man de Camelle, por Carmen Hermo (Kalandraka Editora).

O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, por Víctor Rivas (Urco Editora).

Pioneiras. Galegas que abriron camiño, por Nuria Díaz (Edicións Xerais de Galicia).

Libro de banda deseñada

Animalia I. Verde, por Xosé Tomás (Edicións Xerais de Galicia).

O bichero VIII, por Luís Davila (Edición do autor).

O puño e a letra, por VV. AA.(Edicións Xerais de Galicia).

Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia, por Alberto Varela Ferreiro (Edicións Xerais de Galicia).

Iniciativa bibliográfica

A gotiña viaxeira, de Toño Núñez (texto) e Miguel Anxo Macía (ilustración), por Edicións Fervenza.

Biblioteca de Pedagoxía, por Kalandraka Editora.

Colección Feminismos, por Editorial Galaxia.

Lorca, Poeta galego (Edición facsimilar dos Seis Poemas Galegos e posta en marcha do “25-0 Día de FGL en Galicia”), por Alvarellos Editora.

Mulleres bravas da nosa historia, por Urco Editora.

Tradución

A cámara do sangue e outros relatos, de Angela Carter, por María Reimóndez (Urco Editora).

A señora Dalloway, de Virginia Woolf, por Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné).

Momentos estelares da humanidade, de Stefan Zweig, por Laureano Araujo (Kalandraka Editora).

O tesouro de Lucio. Vida de Lucio Urtubia, de Mikel Santos, “Belatz”, por Manel Cráneo (Demo Editorial).

Pedagoxía do oprimido, de Paulo Freire, por Ramón Nicolás (Kalandraka Editora).

Poesía

…as neuronas irmás…, de Estíbaliz Espinosa (Centro PEN Galicia, Afundación, Xunta de Galicia)

Cara de velocidade, de Marga Tojo (Kalandraka Editora).

Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes (Editorial Galaxia).

Poesía reunida (1982-2004), de Xela Arias (Edicións Xerais de Galicia).

Tempo fósil, de Pilar Pallarés (Chan da Pólvora).

Todo isto antes era noite, de Lucía Aldao (Apiario).

Teatro

A fada pirata, de Carlos Labraña (Edicións Fervenza).

A formiga fóra do carreiro, de Raquel Castro (Editorial Galaxia).

Eroski Paraíso, de Chévere (Kalandraka Editora).

Memorias da árbore e da noite triste. Último acto de don Ramón del Valle-Inclán, de Fátima I. Rey Blanco (Alvarellos Editora).

Obra teatral, de Manuel María (Casa-Museo Manuel María).

Libro mellor editado

Galicia mártir, de Castelao (Editorial Galaxia).

Man de Camelle, de Carmen Hermo (Kalandraka Editora).

O puño e a letra, de Yolanda Castaño (Edicións Xerais de Galicia).

Poesía mínima/Minimal Poetry, de Helena Villar Janeiro (Alvarellos Editora).

Seis Poemas Galegos, de Federico García Lorca (Alvarellos Editora).

 

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura

Asesoría de Bibliotecas Escolares.

Chan da Pólvora (libraría e editora).

Kalandraka TV.

Libraría BD (Vigo).

Libraría Cartabón (Vigo).

Salón do Libro de Pontevedra.

Proxecto literario na rede

BiosBardia, dirixida por César Lorenzo Gil.

Brétemas, de Manuel Bragado.

Galicia Encantada. Enciclopedia de fantasía popular de Galicia, dirixida por Antonio Reigosa.

Kalandraka TV.

ogalego.eu, por Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel.

Xornalismo cultural

Daniel Salgado.

Montse Dopico.

Ramón Nicolás.

Revista Luzes.

Táboa redonda (Diario de Pontevedra e El Progreso).

“A familia das excelencias”

Artigo de Santiago S. Montes en Cultura Galega:
“Mateo, María e Martín poderían ser tres nomes comúns dun grupo de amigos calquera, ou de tres irmáns tal vez. Cando falamos da cultura galega e dos sectores profesionais nos que esta se desenvolve os tres nomes xa toman outro cariz e son, efectivamente irmáns nunha familia cultural na que tamén hai un importante sitio para o Libro de familia. Catro sectores profesionais -o audiovisual (Premios Mestre Mateo), o teatro (Premios María Casares), a música (Premios Martín Códax) e a literatura (Premios Gala do Libro)- reparten cada ano distincións para recoñecer de entre todas as producións, traballos e achegas aquelas que concitan unha admiración máis ampla en base a múltiples criterios, case tantos como votantes as elixen. Son nomes que despois se usan como reclamo en carteis de cine e teatro, en lapelas de libros e discos. Co mes de maio rematado xa están todos estes recoñecementos repartidos no que ten que ver coa produción cultural de 2017, a última foi a Gala do Libro que ven de celebrarse o pasado día 19 de maio. Agora xa toca mirar para adiante e empezar a preparar os seguintes mentres as persoas encargadas da parte creativa van presentando e preparando creacións neste 2018 que tal vez reciban un destes galardóns en 2019. No outro lado, as entidades organizadoras e convocantes, tamén fan reflexión sobre a situación que teñen os premios que representan á cultura galega profesional. (…)
No que se refire ao futuro de cada un destes recoñecementos da excelencia nos sectores da cultura profesional en todos os casos desde as organizacións e entidades que os impulsan falan de procesos de continua reconsideración e mellora á hora de pensar novidades ou evolucións de cada un deles. “É un proceso vivo do que nos estamos pendentes”, di Nieves Rodríguez, e lembra que xa este ano introduciron modificacións nas bases co fin de velar pola profesionalidade dos espectáculos presentados e por que os espectáculos participantes cumpran o convenio de teatro. Desde a Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares avanza que abriran nos vindeiros meses un “período de reflexión” sobre os Premios Mestre Mateo entre os membros da entidade para xeitos de mellora dos galardóns nos “novos tempos”. Para a máis nova das celebracións, os Martín Códax, a voceira entende que “estes primeiros anos foron de experimento, aprendizaxe e consolidación” e que agora a nova directiva, proclamada na ultima gala precisamente, “fará un traballo profundo de análise dos obxectivos e posibles cambios de cara ao futuro”. Tamén na Gala do Libro se van facendo cambios e melloras como é o feito de que nesta edición incorporou novos galardóns, como o premio á obra de divulgación, á banda deseñada, ao libro mellor editado e a división do anterior premio de literatura infantil e xuvenil en dúas categorías diferenciadas. Martín, María, Mateo e o Libro buscarán seguir representando o mellor dos seus campos e visibilizando as excelencias da cultura galega nunha constante mellora e adaptación as cambiantes circunstancias de cada sector e da sociedade na que se insiren.”

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (VIII)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Premio na categoría de Teatro: Río Bravo, de Chévere (Kalandraka Editora):

Premio na categoría de Narrativa: A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo (Edicións Xerais de Galicia).

Premio na categoría de Poesía: Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (VII)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Premio á Iniciativa bibliográfica: Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia).

Premio na categoria de Banda deseñada: Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).

Premio ao Libro mellor editado: Lumes, de Ismael Ramos (Apiario).

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (VI)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións nos premios ás seguintes traxectorias:

Premio á Iniciativa cultural ou de fomento da lectura: Viñetas desde o Atlántico.

Premio ao Proxecto literario na rede: Caderno da crítica, de Ramón Nicoláshttps://cadernodacritica.wordpress.com/

Xornalismo Cultural: Ana Romaní

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (V)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Premio na categoría de Literatura Infantil: A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia):

Premio na categoría de Literatura Xuvenil: Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia):

Premio na categoría de Libro ilustrado: Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora):

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (IV)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Premio na categoría de Ensaio: Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento):

Premio de Tradución: Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).

Premio á Obra de Divulgación: Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia).

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (III)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Premio Honorífico á Edición: Xavier Senín:

Premio Honorífico á Libraría: Xurxo Patiño, de Librouro:

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (II)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe esta intervención:

Premio á Escritora Galega Universal: Isabel-Clara Simó: