Entrevista con Calros Solla, autor do libro A gran mortaldade (Ed. Morgante, 2019)

Desde Tabeirós Montes:
O escritor Calros Solla vén de publicar en Edicións Morgante A gran mortaldade, un conxunto de dezaseis relatos e un micropoemario co que se estrea no eido da narrativa de ficción.
En opinión do autor, o libro pode administrarse como menciña para soportar o trauma da decadencia e desaparición de Cerdedo. Segundo Armando Requeixo, mesturando feitos e personaxes reais cunha imaxinación prodixiosa, Solla debuxa un mapa sociolóxico e identitario no que a evidencia do fracaso e a esperanza da resistencia son os ingredientes principais dun cóctel literario servido con grandes doses do máis ácido humor (Diario Cultural-Radio Galega, 26-3-2019).
A gran mortaldade integra, canda outros dezaoito volumes, a colección Cerdedo in the Voyager, un proxecto editorial de características únicas que converteu Cerdedo en selleira paisaxe literaria e nun dos territorios mellor estudados dende o punto de vista histórico e etnográfico. O libro será presentado proximamente na Estrada, Cerdedo, Pontevedra e Vigo. A súa lectura suscitounos as seguintes preguntas:
– Pregunta (P): A gran mortaldade é a súa primeira aposta pola narrativa, que supuxo para vostede enfrontarse a un xénero literario inexplorado?
– Calros Solla (CS): Certamente, cada xénero literario ten o seu código de expresión. Enfrontei a angueira da narración co mesmo entusiasmo co que enfronto a miña afección pola exploración e a descuberta. Non obstante, n’A gran mortaldade tamén son evidentes as concesións ás disciplinas poética e ensaística. Tiña moi claro o que quería transmitir en cada relato, mais procurei non coartar a súa canle de expresión; deixei que, capítulo a capítulo, a mensaxe hibridase ou se acomodase ao leito que, insospeitadamente, escolleu para discorrer.
– P: O libro desprende un ton apocalíptico, cales foron as súas motivacións?
– CS: Entre os personaxes históricos e lendarios que o pobo de Cerdedo lle legou á galeguidade, a figura do Tecelán de Carballás é unha das que mais éxito colleitou. Integrado no aparato mitolóxico do monte do Seixo, o Tecelán vaticinou a fin dos tempos, a fin do mundo, e da súa atinada clarividencia valémonos para facer de fío condutor (v.g.: “Os tres misterios da Moura”). Ben interpretado o prognóstico, as “cuartetas” do vedoiro de Carballás adiantaban a desaparición dunha forma de vida, dunha maneira de estar no mundo, de interaccionar coa natureza. Por desgraza, a profecía cumpriuse. O modelo de globalización imposto polos poderes financeiros, fundamentado no consumismo sen escrúpulos, outorgoulle a bitola antisistema a toda actitude que avogue pola sustentabilidade e a convivencia harmónica co medio. En Cerdedo non se lle quixo ou non se lle soubo pór couto a esta inanición disfrazada de progreso. Afogada a inherencia agropecuaria, vivir en Cerdedo volveuse inviábel. Ao longo destas décadas de investigación e divulgación do noso pasado e da nosa tradición, procuramos tecer un Cerdedo honroso e alternativo co obxectivo de espertar conciencias, porén tampouco tivemos éxito. Mesmo así, úrxenos aprender dos erros cometidos e emprestarlles máis atención ao refraneiro, á sapiencia ancestral destilada das vellas fabulacións e menos ao discurso suíño e interesado da política convencional, instalada na autocompracencia. Máis alá das nomenclaturas, Cerdedo deixará de ser o Cerdedo que coñececemos tras a morte da derradeira vaca e o apagamento da memoria oral.
– P: O libro está ateigado de símbolos. Como explica a figura do mecanismo da Antiguidá?
– CS: Nese relato non se eluden responsabilidades. A Cerdedo todos o matamos e el soíño acabou morrendo. O mecanismo da Antiguidá representa o noso reloxo biolóxico que interrompeu o tictac en faltando quen lle dese corda. O declive vénse como a noite no inverno. Facer revivir un territorio moribundo é un arduo labor colectivo. Para mudar este estado, para pór Cerdedo en hora, cómpre encomendármonos á ciencia e á maxia. Soa paradoxal, mais o Cerdedo 4.0 deberá esconxurar o meigallo oportunista que nos fixo desaparecer como institución. De nada vale escenificar o pranto desconsolado de portas para dentro. Para que no pobo fragüe a necesaria revolución, débese propiciar o cambio no celme de cada individuo. Para que o morto resucite, antes ten que decatarse de que está morto (“O sono eterno”, “Chamada de socorro”, “A casa que come”…). Cerdedo está enfermo de inercia: mortos sepultados, mortos esquecidos, mortos de corpo presente, mortos ausentes, mortos en vida… Xa digo, a tarefa é titánica, mais ineludíbel.
– P: Canto hai de realidade nesta ficción?
– CS: No libro conviven personaxes reais e imaxinarios. Tanto uns coma outros foron utilizados simbolicamente. Así mesmo, conxúganse os feitos históricos coa ficción verosímil, combinando o “pasou o que pasou” co “non pasou pero podería ter pasado”, e todas as tramas se van engrenando cun obxectivo: salientar que Cerdedo (ou Galicia) non poden aturar por máis tempo esta prostración.
– P: Entenderase este libro fóra de Cerdedo?
– CS: Indíxenas ou foráneos, o autor encarécelles aos lectores o esforzo necesario para desentrañar os misterios da nosa triste circunstancia, en troco de aprender na cabeza doutro (na nosa). O mal non é endémico de Cerdedo; en Cerdedo, o virus mutou e fíxose resistente. É certo que A gran mortaldade permite diferentes lecturas, atendendo ao grao de vinculación co territorio e a súa problemática. Secasí, o despoboamento, a impostura política, a resignación, a ocaso das culturas minoritarias… son temas universais. Aínda que nada é o que parece, os ollos informados e perspicaces axiña darán coas claves interpretativas, recreándose no exercicio de ler entre liñas.
– P: Que repercusión está tendo o libro?
– CS: En Cerdedo, a de sempre, a que se lles vén dispensando, dende 2002, a todos os títulos da colección Cerdedo in the Voyager. Silencio medroso ou militante. Hai dezasete anos, a autoridade decretou a inconveniencia destas lecturas. Pola súa condición de proscritas mesmo se lles negaron os andeis da biblioteca municipal. Coñecendo o talante, asumo tal decisión como a máis gloriosa das distincións. Fronte á cerrazón, a crítica literaria deste país leva tempo gabando este libérrimo proxecto editorial, facendo fincapé en que non hai concello (ou semiconcello) ao que lle teña emprestado unha atención tan esmerada. En 2014, Ramón Nicolás escribía: a todas luces supón un proxecto singular e mesmo diría que exemplarizante no que atinxe ás posibilidades divulgativas que encerra, de existiren -claro é- persoas voluntariosas como Calros Solla que levan a cabo iniciativas deste xorne en base á riqueza -só hai que saber buscala- que desde diversas perspectivas atesouran territorios ou comarcas de noso, proxectando así a inxección das necesarias doses de orgullo polo propio que estes traballos, sen dúbida, provocan (Caderno da crítica, 22-12-2014). Pola súa banda, Manuel Gago falaba do caso máis asombroso de fidelidade a un concello (Galiciaé, 14-2-2018).
No libro noméase “gran mortaldade” o que outros denominan “sangría demográfica”. En Cerdedo, na comarca de Montes, a perda de poboación non só repercute nas cifras do censo; o despoboamento das aldeas é unha grande extinción de índole identitaria e cultural. Así e todo, ao libro agárdalle unha asimilación lenta e silandeira, porque o asunto que se aborda é a inexorábel desaparición dun pobo, e a morte, no rural, volveuse un tema tabú.
– P: Bótalle en cara algo a Cerdedo?
– CS: Non. Traendo a colación as reminiscencias bíblicas d’A gran mortaldade, o pobo é libre de adorar os ídolos da súa predilección. Á luz dos feitos e tamén das feitorías, eu tamén son libre de opinar que eses ídolos son falsos. Outros, ben seguro, deben ser os referentes nos que basear o noso rexurdimento posíbel: a luminosa erudición do Padre Sarmiento, a ardencia emancipadora do movemento agrarista, o étnico cosmopolitismo de Otero Espasandín, os ideais democráticos dos nosos mártires republicanos, a xenial retranca dos arghinas, o vitalismo de Manuela de Barro e toda a sabedoría popular escolmada nos catro Retrincos publicados (e un quinto en preparación). É gozoso salientar que, en Cerdedo, alén do inmobilismo maioritario, existen honrosísimas e anónimas individualidades cuxo irredutíbel compromiso actúa de antídoto contra a desesperanza.
– P: Unha curiosidade, hai alieníxenas en Quireza?
– CS: (Risas). Eu non creo neles, mais habelos hainos. Entre outras leccións, do episodio dos extraterrestres asimilados aprendemos que cando unha anomalía se prolonga no tempo, o seu veriño recasta, vaise volvendo sangue do noso sangue. Chegados a este punto, para combater a iniquidade cómprenos unha transfusión vivificadora de coraxe e amor propio.
– P: Poeta, ensaísta, narrador; para cando unha peza teatral?
– CS: Se está de saír, sairá. Polo momento só aspiro, humildemente, a seguir de xira pola comarca coa compañía teatral do Capitán Gosende e interpretar o meu pequeno papel nesta traxicomedia. O público a quen lle dedicamos o espectáculo é difícil, pero o escenario é un dos máis fermosos que coñezo.”

Alba de Gloria no cumio do Pico Sacro 2018, o 21 de xullo

PROGRAMA

12:00 h. Chegada ao Pico e concentración na fonte roubada do Pico Sacro. Recitado dun poema adicado a este monte a cargo do taller de poesía da AVC. Agra do Orzán da Coruña, asociación invitada este ano a partillar a lectura do discurso Alba de Gloria.
12:15 h. A escritora Mercedes Queixas daranos a benvida. De seguido, subida do último treito do cumio do Pico Sacro.
12:45 h. Izado da bandeira e lectura de Alba Gloria. Intervirá pola AC. O Galo de Santiago, Elvira Cienfuegos, ecoloxista; pola AVC Agra do Orzán da Coruña, Belén Núñez Romero e pola AC. Vagalumes da Estrada David Otero, escritor. Canto do himno galego e baixada con visita ás covas da raíña Lupa, e intervención da escritora Iolanda Aldrei sobre as lendas e historia deste espazo.
14:00 h. Actuación do grupo Bico de Mar no adro da capela do Pico Sacro.
– Xantar e roteiro literario pola Ulla
(Organizado por A. C. O Galo, A. C. Vagalumes)
15:00 h. Xantar no restaurante Aldea Grande, en Stª Cruz de Rivadulla (a 300 m do pazo de Ortigueira), telef. 669-523488 e 609-906623; na sobremesa volta a actuar o grupo Bico de Mar.
17:30 h. Saída do restaurante. Ofrenda literaria no adro da igrexa de Berres nos enterramentos de Avelina e Marcial Valladares.
Visita guiada ao pazo de Vilancosta de Avelina e Marcial Valladares.
Recital poético no Areal de Berres á beira do Ulla.

* Xantar:
Para participar no xantar debe aboarse por transferencia antes do día 19 de xullo ás 15:00 h. na conta que se indica no seguinte formulario no que anotarse e escoller o menú.

“O ascenso ao Pico Sagro resgata o espírito de Castelao”

Desde Sermos Galiza:
“Malia a chuvia, foron perto de dúas centas as persoas que asistiron á convocatoria da federación Galiza Cultura, da A. C. O Galo de Santiago e da A. C. Vagalumes da Estrada para ascender ao Pico Sagro e rememorar así o Alba de Groria de Castelao. Unha actividade de marcado carácter reivindicativo que ten lugar desde 2011 e que recupera a subida á montaña, fonte de numerosas lendas e contos populares, de Castelao e outros membros das Irmandades da Fala, en plena ditadura de Primo de Rivera.
Castelao e os membros das Irmandades que aquel 19 de xullo de 1924 coroaban o Pico Sagro “coñecían os mitos asociados a este cume e entendían que a lenda da raíña Lupa, recollida no Códice Calixtino, aínda con todos os seus elementos fantásticos, o que simboliza é a historia, ou mesmo a prehistoria, da nosa nación”, explicou na súa intervención a escritora Marica Campo, a encargada de dar lectura ao manifesto de benvida na chaira da capela deste monte. Unha intervención de marcado carácter literario.
“Cando a montaña é un símbolo”, salientou, “o que importa é a ascensión, a tensión de avance”. “Convídovos a subir ao Pico Sagro, símbolo o seu cumio dos soños do país. Coroalo e coroalos. Agarrando a bandeira, coma funambulistas na corda frouxa, para non perder o equilibrio, para entendermos desde a perspectiva histórica a conexión co futuro”, agregou.
Marica Campo lembrou como as citadas asociacións “pretenden reavivar aquel espírito de outrora para reivindicar que temos que recuperar os nosos, seguir construíndo a historia, ascender á posesión dos atributos propios da dereitos nación que somos” e apelou a que “nada nin ninguén nos coute o ascenso”. “Somos estirpe de liberdade. Temos un lugar na Alba de Groria que Daniel soñou por e para nós. Somos nós. É tempo de chegarmos ao cumio”, finalizou a escritora, cuxa intervención completa está dispoñíbel en Sermos Galiza.
En declaracións a este medio, María Pilar García Negro, presidenta de Galiza Cultura, sinala que a subida ao Pico Sagro, un símbolo do nacionalismo galego desde o citado ascenso de 1924, é “un prólogo á celebración do Día da Patria Galega”. “Desde Galiza Cultura e as asociacións O Galo e Vagalumes, temos todo o interese en resgatar datas significativas da nosa historia e sempre cun espírito non unicamente de recordación, senón de reivindicación e modernización, entendendo por tal que toda a defensa política e patriótica da Galiza que eles fixeron hai case cen anos hoxe continúa tendo non só sentido senón aínda moitísimos máis argumentos a favor”, afirma. (…)”

Xosé Manuel Lobato: “O Pico Sacro sempre foi espoliado, é un gran símbolo pero non está protexido”

Desde Sermos Galiza:
“Alvarellos e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio veñen de publicar Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, un libro coordinado por Xosé Manuel Lobato -presidente desta sociedade- e Miro Villar, que reúne a obra de noventa autores e autoras arredor deste outeiro. Inclúe textos éditos desde Marcial Valladares até Murguía, Suso de Toro ou María Solar; e inéditos xuntados para a ocasión, asinados por autoras como Rosalía Fernández Rial, Xavier Queipo ou Emma Pedreira.
Todo partiu desta asociación, que leva ben anos defendendo e divulgando os valores culturais asociados a este cume. Lobato explica a orixe do proxecto: “Para min é unha experiencia vital porque eu nacín mesmo na aba do Pico Sacro e desde sempre nas miñas lecturas observaba que practicamente todos os autores se referían ao Pico Sacro nas súas obras. Ese foi o aliciente para empezar a investigar e ao final publicamos este libro no que fixemos unha escolma do que hai publicado sobre este monte”.
E hoxe segue a ser unha referenza, afirma Lobato, tanto en obras literarias de Galiza coma de fóra, “porque neste libro temos colaboracións de Portugal e tamén obras tamén en español que traducimos”. E, alén desta obra, Lobato apunta dous libros recentes con presenza importante deste accidente xeográfico: Bótame deste mar fóra, de Ricardo Losada, ou Once portas, de Héctor Cajaraville. Aínda que quizais foi no tempo das Irmandades e do Seminario de Estudos Galegos cando máis atención se lle prestou, Lobato defende que hai probas da súa importancia xa desde os romanos, aparece no Códice Calixtino… “Eu sempre poño o mesmo exemplo: no preito Tabera-Fonseca de 1526 practicamente máis do 8% das testemuñas que declararon nese conflito coñecían o Pico, e moitas eran de lugares ben apartados como Lugo ou Tui”.
Un dos sucesos máis coñecidos arredor deste outeiro é a excursión de Castelao en xullo de 1924, cuxa crónica se glosa tamén no libro. E desde 2011 vense recuperando cun acto que a A. C. Vagalumes e O Galo organizan para lembrar esta visita (este ano será o 22 de xullo) e tamén o ‘Alba de Groria’ no que o rianxeiro dicía así: “Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, dun culto panteísta, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sacro (…)”.