Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do sábado 3 e domingo 4

O sábado 3 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 23:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para estes días dentro do seu programa:

Sábado 3
12:00 h. Conversa entre Rita Acevedo e María do Cebreiro arredor de Correspondencias.
20:00 h. Fernando Cimadevila. “Claves para a escrita e a publicación dunha novela”.
21:00 h. Carlos Meixide presenta Cans.
22:30 h. Roteiro Inge e Robbie.

Domingo 4
12:30 h. Recital. Rosalía Fernández Rial, Noelia Gómez, Alicia Fernández e Ismael Ramos: No seu despregar (Apiario).
12:30 h. Enrique López: Vida sana dende a infancia para sempre e J. Julio Fernández: Clara e o rapto do solpor (Aenea).
18:00 h. X. A. Perozo e Antonio Seijas: Onde vai Carlos?.
18:00 h. Lucía Cobo: O soño do merlo branco e Bruxa e familia (Aenea).
18:30 h. Contacontos. María Lado. Onde vai Carlos? (↑5 anos).
19:30 h. Marilar Aleixandre: Desescribindo e Dores Tembrás: Auga a través (Apiario).
20:30 h. Martiño Suárez: Bestiario do Vestiario e concerto de Grampoder.

Pontevedra: “Por un amor común. Homenaxe a Francisco Cortegoso”

As novísimas da poesía galega, reunidas no volume No seu despregar

Desde Sermos Galiza:
“(…) No seu despregar son 18 autores e autoras que naceron entre 1985 e 1997. No volume, publicado por Apiario, podemos atopar poetas xa recoñecidos e con obra publicada como Gonzalo Hermo, Rosalía Fernández Rial ou Ismael Ramos, entre outros, aínda que tamén novos valores curtidos en fanzines, blogs ou na propia revista Dorna. E un caído en combate, Fran Cortegoso, finado o pasado outubro.
Elas e eles son, por orde alfabética: Afonso Traficante, Afra Torrado, Alba Cid, Alicia Fernández, Antón Blanco, Celia Parra, Francisco Cortegoso, Gonzalo Hermo, Helena Salgueiro, Ismael Ramos, Jesús Castro, Lara Dopazo, María Vilas, Noelia Gómez, Olalla Tuñas, Paula Antía Rey Baliña, Rosalía Fernández Rial e Tamara Andrés.
Como xornalistas que somos buscamos unha traza común, unha etiqueta para os nomear, até que nos demos de fuciños coa realidade en forma de editora, Antía Otero, que negou a maior: “No seu despregar’ nace como unha idea de recompilación, de antoloxía, non con ningunha vontade de etiquetar. O propio título refírese a iso tamén, como unha idea de despregable, de mostra. No texto das editoras falamos precisamente disto. Creo que son autores que comparten un tempo, seguramente un espazo e seguramente uns referentes, unha ollada ou non. O único é que hai é un marco cronolóxico, pero non hai máis”.
E abonda: “Este libro, desde logo, non quere marcar unha xeración. Nace como unha mostra de cales son eses novos impulsos na escrita, pero sen vontade de xerar ningún nome nin etiqueta. É máis, nace con outra vontade, de que sexa o lector/a quen descubra os vasos comunicantes entre eles, que os hai”. (…)
Preguntada polas diferenzas desta xeración coa anterior, Otero considera que “para min a xente que escribe agora está moito menos encorsetada, moito menos acomplexada, que cren moitísimo máis no que fan, e cunha altísima calidade. Pero sobre todo esa idea de que non teñen corsé nin o queren. Creo que as voces deben ser individuais, compartes un tempo físico e non significa que sexas igual que o teu compañeiro. Non quere dicir nada que nazas parello a alguén. Por iso nos gustou a idea de despregar. Interesanos moito a idea non xerárquica, a idea transversal do despregable, coma quen desprega un mantel nunha mesa e séntanse todos a comer. E non hai postos de mellores nin peores e xenéranse sinerxias entre eles. Esa é a vontade deste libro. Non é a de buscar unha etiqueta en ningún caso”.”

Compostela: presentación de Mecanismo de Emergência, de Tiago Alves Costa

Atiago-alves-costa-mecanismo-de-emergencia quinta feira 6 de outubro, ás 20:30 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, Tiago Alves Costa presenta Mecanismo de Emergência, publicado por Através Editora. No acto participa, xunto ao autor, Alicia Fernández, quen lerá o texto preparado por Gonzalo Hermo.

Alicia Fernández: “O público de poesía está formado por clientes militantes”

Entrevista Alicia Fernándezde Alberto Ramos a Alicia Fernández:
“(…) – Praza (P): Falamos dunha libraría e dunha editorial [Chan da Pólvora] que conforman un proxecto conxunto, pero que manteñen a autonomía. Como encaixan as pezas? Como organizan o traballo?
– Alicia Fernández (AF): Procuramos que o traballo sexa asembleario e idílico. Xuntámonos, falamos e consensuamos. Malia todo, queremos que os traballos sexan separados. No caso da editora, lévaa principalmente Antón Lopo. A libraría, pola contra, levámola Eduard e mais eu. Iso non quere dicir que haxa unha separación total definida. Estamos todos pendentes do traballo de cada unha das partes, propoñemos ideas dunha vertente a outra. Por exemplo, Antón tivo moito que ver co local e, loxicamente, Manolo moitísimo coa súa estética. Gonzalo Hermo, pola súa banda, propuxo que fose Antón Blanco o primeiro autor para publicar. Nós tamén participamos nas ideas editoriais, encargámonos de corrección… É dicir, procuramos conservar e diferenciar os traballos, pero implicámonos todos en todo. (…)
– P: Que teñen en mente á hora de crear unha programación?
– AF: Vimos de abrir hai nada e, realmente, non tivemos tempo material de idear a programación. Temos axendadas presentacións e actos, pero a verdade é que tamén se vai construíndo de forma espontánea. É dicir, Elías Portela escoitou falar de Chan da Pólvora, pasou un día por acó, quixo coñecer o local e pregunteille se quería recitar aquí. Pareceulle unha fantástica idea e organizouse axiña. Despois, no campo dos obradoiros gustaríanos desenvolver algún no verán. Non obstante, temos que sentar, pensar, decidir e programar. Cando comece o curso, en setembro, si que queremos ter catro sesións ao mes. Queremos ter obradoiros todos os meses e que realmente haxa movemento. Refírome a obradoiros de escrita creativa, de introdución á poesía para cativos… Penso que hai que cubrir un oco en Santiago, xa que agora mesmo hai pouca oferta de obradoiros de escrita. Este ano houbo algún de Suso de Toro, outro de Olalla Cociña, pero pouca cousa máis… Non é como na Coruña, que ten maior oferta e un público que responde, que vai sempre e encantado. (…)
– P: Que significa para poetas como vostedes, nun sistema no que vivir da literatura é ben complexo e da poesía imposible, converter a poesía no seu mundo laboral?
– AF: Non se pode pedir máis. Facemos o que nos gusta. Vimos de materializar un proxecto que estaba no aire, que se reducía de cando en vez a dicir “Que bonito sería ter unha libraría de poesía”. Meses despois, atopámonos no número 74 da Rúa de San Pedro facendo esta entrevista. Unha loucura, a verdade.”

Crónica videográfica da I Gala do Libro Galego (I)

O GalaDoLibroGalego2016sábado 14 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela, tivo lugar a I Gala do Libro Galego, convocada conxuntamente pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa do acto, da que destacamos hoxe as seguintes intervencións:
– Entrega do Premio na categoría de Ensaio (recollen Antía Otero e Dores Tembrás):

– Entrega do Premio na categoría de Tradución (recolle Alejandro Tobar):

– Entrega do Premio na categoría de Proxecto Literario na rede (recolle Fran Alonso):

Nova editorial especializada en poesía, Chan da Pólvora

DesdeChan da Pólvora logo Sermos Galiza:
Chan da Pólvora “estará centrada na poesía, que será o seu eixo, o que non impide que publiquemos textos teóricos relacionados coa poesía ou outros que se movan nos lindeiros do xénero”, segundo nos explicou o escritor e xornalista Antón Lopo, promotor do proxecto, xunto cos tamén poetas Eduard Velasco e Alicia Fernández, que levarán a parte da libraría.
A nova editora sairá á rúa con dous poemarios este xuño. O primeiro será a opera prima de Antón Blanco, un poeta vilagarcián de 20 anos, gañador do Premio Minerva. En opinión de Lopo, “é unha das voces máis orixinais dos poetas novos. Queremos que a editorial teña unha liña de aposta por explorar o que se está construíndo e á vez ofrecer espazos a voces que xa teñen unha traxectoria consolidada”.
A este segundo obxectivo responde Urania, a segunda obra a publicar por Chan da Pólvora. Trátase dunha reedición do primeiro poemario de Chus Pato, publicado en 1991 nunha “edición case de autor”. “É un expoñente dunha Chus Pato en ebulición, que é unha illa nova e que hoxe conserva toda esa forza primixenia”, defende o monfortino.
O terceiro libro, que sairá a luz o 28 de xuño (Día Internacional do Orgullo LGBT), verá a luz a correspondencia de Eduardo Blanco Amor con Ramón Suárez Picallo dentro da colección Rabo de Egua, “que acollerá textos que non están estrictamente encadrados na poesía”.
Outra das coleccións será Caniveliñas, que editará plaquettes (pequenas edicións), que botará a andar coa tradución dun poema de Pere Gimferrer.
A outra vertente do proxecto, homónima, é unha libraría que abrirá na compostelá Rúa de San Pedro número 74, tamén especializada en poesía e que inclúe espazo de creación poética e de presentación de libros.
O nome da editorial e das coleccións remiten a topónimos da illa de Ons. “Nunha casa de María Salvado -persoa vinculada ao proxecto- no lugar de Chan da Pólvora ideamos o proxecto hai agora un ano, con todo o simbólico de concebir algo así dentro dunha illa”, conta Lopo. Desde aquela foron desenvolvendo un universo ao que se foron unindo persoas como o poeta Gonzalo Hermo ou o deseñador Manuel Martínez. (…)”