A Biblioteca de Galicia porá ao dispor da cidadanía o legado bibliográfico de Agustín Fernández Paz

Desde a Xunta de Galicia:
“A Xunta de Galicia vén de aceptar a doazón do Fondo Agustín Fernández Paz, que permitirá coñecer o importante legado literario e pedagóxico do escritor vilalbés finado en Vigo en 2016. Trátase dunha biblioteca de autor creada ao longo dos anos polo escritor e pedagogo e que reflicte o seu mundo e os seus intereses e que contén unha colección completa dos seus traballos. É, polo tanto, un instrumento valioso para calquera estudo sobre a súa figura.
A colección doada polas herdeiras do patrimonio de Agustín Fernández Paz, valorada en 25.000 euros, conta cun fondo de máis de 5.000 volumes onde destacan as series sobre literatura contemporánea, cómic en galego e pedagoxía. Moitas das publicacións son obras en galego e exemplares dos libros de Fernández Paz editados por editoriais non galegas que aínda non estaban dispoñibles na Biblioteca de Galicia. Cómpre destacar que a incorporación desta biblioteca aos fondos da Consellería de Cultura e Turismo tamén permitirá o estudo do nacemento e evolución do libro de texto galego ao incorporar moitos dos primeiros exemplares que foron editados na nosa lingua.
O proceso desta doazón comezou en novembro de 2017, cando os técnicos da Biblioteca de Galicia visitaron os lugares onde estaban os documentos bibliográficos, situados en Vigo e Redondela, para valorar o interese deste fondo. Tras os informes favorables, comezouse o traslado dos fondos a biblioteca situada na Cidade da Cultura. (…)”

Compostela: A Lei do libro 2006 a debate, o 19 de abril

Co gallo do Día Mundial do Libro e a Lectura, a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza unha xornada de avaliación do desenvolvemento da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, un texto que foi elaborado colectivamente no seu día e aprobado no Parlamento en 2006.

A partir da análise dos datos empíricos e dos obxectivos que a Lei pretendía e permitía acadar, valoraranse tamén os contidos desta dende a perspectiva legal e administrativa, así como a súa vixencia, fortalezas e feblezas a partir dos puntos de vista achegados polos distintos axentes públicos e privados relacionados con este ámbito.

PROGRAMA

Sesión de mañá

10:00
O proceso de elaboración da Lei do Libro 2006
Presenta: Manuel Bragado
Cristina Novoa, Asesoría de Bibliotecas Escolares
Xavier Senín, subdirector xeral de Cultura en 2006

11:00
Datos da edición en Galicia 2006-2016
Observatorio da Cultura Galega, CCG

11:30. Pausa

12:00
Contidos da Lei do libro 2006
Presenta: Alba Nogueira
Carlos Amoedo, Universidade da Coruña

Sesión de tarde

16:30
Lei do libro 2006, vixencia e perspectivas de reforma
Modera: Marcos Lorenzo
Xosé Ballesteros, AGE
José Daniel Buján Núñez, xefe de servizo da Biblioteca de Galicia
Susana Castro Barral, subdirectora xeral de Centros
Mercedes Queixas, AELG
Pilar Rodríguez, Federación de Librarías
Dolores Tobío Barreira, xefa do Servizo do Libro e Publicacións

Debate final

Inscrición aquí.
A inscrición é gratuíta.
O número de prazas é limitado (100 persoas).
As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Entregarase diploma acreditativo de asistencia á xornada.
Para obter o diploma é preciso asistir ao 75 % das sesións.

Lugar
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela
Tel.: 981 957 202 / Fax: 981 957 205