Culturgal 2018, Pontevedra: actividades literarias destacadas do 30 de novembro

Do 30 de novembro ao 2 de decembro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, terá lugar o Culturgal 2018.

As actividades literarias destacadas do programa para o 30 de novembro son:
11:00 h. Espazo Foro. Ler o mundo. Editorial Galaxia. Con centros de educación secundaria. Conversa entre Francisco Castro, autor de Iridium, e Amparo Rodicio, neuropsicóloga da Asociación Alento de Vigo, sobre o Dano Cerebral Adquirido e sobre a diversidade funcional.
17:00 h. Espazo Foro. Un neno na emigración e Vasoiras Barreiro. Edicións Fervenza. Presentación de dous contos infantís/xuvenís da autoría de Francisco Álvarez-Koki. Escritos en galego, castelán e inglés. Co autor, María Dolores Estévez e Carlos Loureiro.
17:30 h. Espazo Libro. Eli Ríos presenta DX, publicada por Urco Editora. Estará acompañada por David Cortizo.
18:00 h. Espazo Libro. Presentación de A madriña. Edicións Fervenza. Con María Carmen Caramés Gorgal, autora, Xosé Manuel Lobato e Adrián Dono, ilustrador.
18:00 h. Espazo Libro. Colección Narrativa K (Kalandraka Editora). Coloquio con tradutores/as. Con Ramón Nicolás, tradutor e crítico literario, Laureano Araujo, profesor e tradutor, Xesús Fraga, xornalista cultural e tradutor, Antía Veres, tradutora, e Xosé Ballesteros, director da editorial.
18:30 h. Espazo Infantil Deleite. Lambetadas. Talía Teatro. Presentación do novo espectáculo dirixido por Diego Rey con Artur Trillo e María Ordóñez como intérpretes.
19:30 h. Espazo Foro. Máis que ver. Cen historias do deseño en Galiza. Xerais. Con Pepe Barro, autor. Presenta: Fran Alonso.
19:30 h. Espazo Foro. Presentación do libro A xestión cultural en Galicia. Unha visión panorámica e actual. Curso de Expertxs Universitarixs en Xestión Cultural da USC. Con Marcos Lorenzo e Sergio Lago, directores do curso, e autoras/es.
19:30 h. Espazo Infantil Deleite. Presentación da obra A fada pirata e representación teatral. Gañadora do Premio O Facho de Teatro. Edicións Fervenza. Con Estefanía Bustabad, Pablo Nuñez, Carlos Labraña e Paula Castro.
20:00 h. Espazo Libro. Presentación dos libros do Ciclo dos elementos: Xerais. A escritora María Reimóndez conversa coas súas lectoras; Ánxela Lema: En vías de extinción, Montse Dopico: Dende o conflito, Mercedes Peón: A música dos seres vivos, Montse Paz: As cousas que non queremos oír.
20:30 h. Espazo Libro. Conversa entre Antía Yáñez, autora de Senlleiras e Anna R. Figueiredo, autora de Os bicos feridos, publicadas en Galaxia.
21:30 h. Auditorio Pazo da Cultura. Sofía e as Postsocráticas. Inversa Teatro. Preestrea. Directora: Marta Pérez. Con María Roja, Silvia Penas e Marta Pérez. Espectáculo especial: prezo 10€. Entradas en Ticketea.

Ana Cabaleiro gaña o Premio García Barros 2018

Desde Galaxia:
“Reunido o 18 de xullo no concello da Estrada, o xurado do XXX Premio de Novela Manuel García Barros decidiu declarar gañadora a novela As Ramonas que, aberta a plica, resutou ser da autoría de Ana Cabaleiro.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Olalla Cociña e Carlos Loureiro, actuando como secretario, sinalou que a novela está “Narrada cunha prosa de extraordinario labrado, salienta polo fino trazado das personaxes e a nidia aposta pola forza dos vínculos que veñen da infancia e da adolescencia e tamén da familia e a tribo, especialmente aqueles que a unen ás súas devanceiras e compañeiras”.
As Ramonas é unha historia de protagonismo feminino onde unha fotógrafa experimentada se atopa nunha encrucillada vital e profesional que lle fai cuestionarse todo. Como unha antiheroína do século XXI, a protagonista simboliza no seu camiñar a vitoria da arte sobre as continxencias cotiás. (…)
O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e As Ramonas será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia. (…)”

Marcos Calveiro gaña o García Barros con O xardineiro dos ingleses

Desde Galaxia:
Marcos Calveiro gaña o XXIX Premio García Barros coa obra O xardineiro dos ingleses, que para finais de ano verá a luz na Editorial Galaxia. O xurado composto por Carlos Lema, Armando Requeixo, Mario Regueira, Inma Otero e Carlos Loureiro destacou esta novela entre todas as que se presentaron. (…)”

Cuntis: homenaxe a Olimpio Arca Caldas

15055731_555635781304281_816691246167802927_n

A Estrada: presentación do libro Homenaxe a Olimpio Arca Caldas. Un mestre do pobo

Cj5KHqvWYAE4nFR.jpg:large

Entrevista a Mario Regueira en Noticieiro Galego

Entrevista deMario Regueira Carlos Loureiro a Mario Regueira en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Amigo Mario, nunha biografía túa figura que te caracteriza “o gosto pola subversión”. Que tes que dicir desta afirmación caracterizadora?
– Mario Regueira (MR): A cultura galega móvese habitualmente nunhas nocións do subversivo bastante peculiares. Dun lado, hai quen defende que calquera aposta pola lingua galega é, en si mesma, unha actitude subversiva. Hai algo de certo, xa que apostar por unha lingua minorizada é ir, en certo sentido, contra a orde das cousas. A pesar diso, a nosa cultura conformouse moi habitualmente con esa mínima rebeldía, e así acabamos canonizando persoas que, aínda contando cunha certa sensibilidade galeguista, en realidade foron cómplices dun estado das cousas opresivo e conservador. Por outra parte, a nosa cultura é particularmente impresionábel ante calquera xesto subversivo que exceda ese compromiso cultural e lingüístico. Imaxino que a miña caracterización vai máis no segundo sentido, aínda que en realidade é unha perspectiva que sinxelamente propón unha interpretación alternativa da realidade en relación ao reparto da riqueza, a loita de clases, a división dos xéneros ou o papel das culturas minorizadas no mundo. É dicir, é unha aposta por impugnar o estado actual das cousas e a perspectiva que o presenta como natural e como o único posíbel. Penso que ese “gosto pola subversión”, interpretado así, debe ser o punto de partida de toda literatura: sinalar as alternativas, desvelar o artificial das convencións e das explicacións vixentes sobre a realidade. E isto, ben complexo de facer, non é necesariamente o mesmo que facer literatura panfletaria. Para min esa afirmación, máis que unha caracterización, é unha meta, un proxecto, algo que non perder nunca de vista no traballo da escrita. (…)
– NG: Vimos que nunha entrevista che andaban a preguntar verbo de literatura “seria” e literatura de “entretemento”… Este último termo non leva a enfocar a literatura -neste caso a galega- dunha maneira un tanto enganosa ou manipuladora?
– MR: Se cadra o problema é identificar a literatura de entretemento como unha literatura mala por definición, algo que non fai xustiza a moitas obras que se poden encaixar nela. Tampouco creo que se poida opoñer á literatura “seria”, a literatura de entretemento pode ser seria até o dramatismo, e a literatura experimental pode facernos rir a gargalladas. Creo que esa contraposición entre o “serio” e o “entretido” é unha simplificación interesada dun debate que afecta de forma un tanto artificial á literatura galega nos últimos anos. Noutros contextos esa oposición está fondamente baseada no valor económico dunha proposta e no valor simbólico da outra. No contexto galego ambos valores están moi mesturados e significan cousas ben distintas. As súas relacións son ecos doutras realidades, e, en certo sentido, tamén son parte desa obsesión pola normalidade e a reprodución de debates que tanto triunfa por veces na nosa cultura.
– NG: E aínda que ti dis que ao mellor terminarás facendo este último tipo de literatura, poderá a túa pluma fuxir do compromiso do autor tanto como para simplemente procurar “entretemento”?
– MR: Se cadra a contraposición continúe a ser artificial. Non vexo por que non pode haber compromiso de autor en nutrirse de determinados xéneros ou en procurar unha finalidade determinada. De feito, nos últimos anos fixéronse cousas moi interesantes a base de subverter xéneros populares, en ocasións apropiándoos para unha perspectiva máis ambiciosa ou máis experimental, tamén politizándoos inesperadamente, é dicir, reivindicando as súas raíces populares e de cultura de masas. Creo que esa mestizaxe, como todas as mestizaxes, representa un camiño interesante no que me gustaría entrar algún día. Por suposto que na literatura de entretemento hai obras que, a pesar de vender moito, son malas como a fame, da mesma forma que as hai na literatura pretensiosamente experimental, moitas veces tan tópica e predicíbel como a outra. (…)”

Entrevista a Andrea Porto Mato en Noticieiro Galego

EntrevistaAndrea Porto Mato de Carlos Loureiro a Andrea Porto Mato en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Ti mesma tes dito que a túa vida viaxa entre “notas, palabras e acordes”… Que supuxo, e supón, a arte musical para as túas palabras, para os teus versos?
– Andrea Porto Mato (APM): A música é a miña forma de vida, é a miña profesión e ao mesmo tempo unha das miñas principais afeccións. Resúltame imposible pensar como sería eu se non tivese cantado, tocado e bailado como fixen ata o momento. Tendo en conta isto, tampouco podo imaxinar como escribiría se non estivese a música tan presente na miña vida.
Nos meus primeiros libros, Eco in aeternam e SaLGada, a música está presente dun xeito explícito, sendo no segundo deles un dos eixos temáticos que van tecendo o poemario. En Caleidoscopio, fuxín desa presenza musical explícita para dar paso a outras experiencias. Aínda así, a música é o prisma de cores a través do cal vexo o mundo que me rodea polo que, dun xeito ou outro, a música sempre está presente no que escribo. (…)
– NG: Ti soes traballar abondo cos sentidos (oído-música, pintura-vista, tacto…). Que ten a túa obra de toda esta sinestesia?
– APM: Persoalmente, paréceme que esa posibilidade de interconectar os sentidos é marabillosa. Un dos primeiros recordos que teño sobre a poesía é un poema de Pimentel que fala dun “fagot de noces”. Supoño que ese poema foi o que fixo “clic” na miña cabeza servindo como punto de partida nese camiño de procura sinestésica. No eido da música tamén me sinto moi atraída pola teoría de Skriabin sobre as cores na música. Este compositor ruso gabábase de poder “oír cores” e eu, dalgún xeito, sempre sentín ese tipo de conexións, por iso, á marxe da intención literaria, que obviamente tamén está presente, simplemente polo que me afectan e me atraen, este tipo de relacións adoitan aparecer nos meus textos.
– NG: Sempre falamos de que en lírica son máis que importantes os premios para unha futura publicación… Non cres que apenas temos certames que conleven publicación e que a maior parte deles son efémeros?
– APM: Supoño que toda axuda é pouca. Persoalmente, os certames e premios brindáronme a oportunidade de publicar os meus traballos, igual que lle aconteceu a outros creadores e creadoras noveis, polo que creo firmemente no papel que xogan este tipo de iniciativas para promover a cultura e a creación. Porén, penso que o verdadeiro quid da cuestión é que non existe un público amplo lector de poesía. De habelo, a demanda de textos poéticos favorecería a ampliación do mercado editorial máis ligado á poesía e sería, por tanto, e tal e como ocorre actualmente con outros xéneros, máis doado publicar que na actualidade. (…)
– NG: A nosa lírica contemporánea está a vivir un momento doce, especialmente porque vemos como escriben as plumas nacidas a fins do século pasado… que lle falta para dar ese forte chimpo que a universalice?
– APM: Gustaríame ter a resposta a esta pregunta pero non a teño. Supoño que tempo. Sempre se di que o tempo pon a cada quen no seu lugar e pode ser que así sexa. As nosas letras están vivindo un momento doce, como dis, no que respecta á produción pero non será ata dentro de anos ou décadas que saibamos o impacto deste momento. (…)”

Entrevista a Vítor Vaqueiro en Noticieiro Galego

EntrevistaVítor Vaqueiro de Carlos Loureiro a Vítor Vaqueiro en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Falarmos da poesía galega dos anos 70-80 é falarmos dunha das súas etapas cume e ademais dunha clara transición poética que ía da man dos cambios sociais. Que lembras daquel movemento poético que tanto supuxo para a nosa lírica contemporánea?
– Vítor Vaqueiro (VV): Em realidade eu sempre fui uma pessoa com pendor a me isolar de movimentos e grupos literários, o qual não quer dizer, como bem sabem as pessoas que me conhecem, que militasse no individualismo ou na insolidariedade. As minhas amizades sempre estiveram condicionadas pola relação pessoal e não pola questão da escrita, ainda que teria de sinalar que a literatura me deu excelentes, embora escassas, amizades que sigo a conservar no dia de hoje. Provavelmente o que lembro com maior claridade, do ponto de vista pessoal, foi a posta em marcha da AELG, o I Congresso de Poio no ano 1981 e os começos da revista Escrita —junto com Afonso Pexegueiro, Alberto Avendaño, Margarita Ledo e Pepe Cáccamo— a qual, infelizmente, faleceu ao cabo de dous anos por falta de generosidade, de visão cultural e de perspectiva de futuro e de cujo falecimento todas as pessoas que protagonizamos o seu nascimento somos, em diferentes proporções, culpáveis.
– NG: Erades conscientes que estabades a crear un novo elo na nosa lírica cara unha clara renovación e universalización?
– VV: Não é fácil essa resposta, porque me estás a perguntar por ocorrências de há quase quarenta anos. Ora, há uma questão que compre considerarmos: não gostávamos do panorama da poesia galega, com forte pegada de social realismo. Deixa-me que pense na gente da minha idade, concretamente em algumas pessoas, cuja amizade se remonta décadas atrás e que vivêramos os acontecimentos do 68 em Compostela: vou escolher um par delas: Xabier Paz e Pepe Cáccamo; em certa maneira, também dum excelente leitor de poesia que, porém, nunca chegou a publicar livro nenhum, Xulio Taboada. Há que considerar que líamos a Vallejo, a Eliot, a Ory, a Cesaire, a Quasimodo, a Valente, a Pound ou a Ferlinghetti e, como compreenderás, o que estava a ocorrer na poesia galega, com uma legião de imitadores de Celso Emilio, resultava um pouco alheio a nós. O qual não quer dizer desprezo polo que outras pessoas faziam, mas constatar um diferente ponto de vista estético. Mesmo essa pegada de social-realismo é mui presente no meu primeiro livro, Lideiras entre a paisaxe, o qual implica que não era fácil desprender-se da pressão ambiental, por muito que desejássemos fugir dela. (…)
– NG: No 2004 a túa obra poética foi recolleitada por “Espiral Maior” so o título Traxectorias. Obra poética (1977-2002). Sentiches que esta recompilación xa era algo máis ca unha simple obra? Un recoñecemento e unha mostra para futuras xeracións?
– VV: Quando a um se lhe oferece a possibilidade de publicar toda a obra produzida até um determinado momento, pensa-se, inevitavelmente, em termos de balanço, de feche de um ciclo. Traxectorias era o resumo de 25 anos de atividade poética, ainda que não continuada. Era também a possibilidade de dar a conhecer dous livros, um deles inconcluso, A fenda no horizonte, e outro o que era uma primeira entrega dum projeto ainda em percurso: Teoria do coñecemento, que formulava, e segue a formular, uma proposta que eu já tratara, como é a questão de um livro de poemas em prosa —se calhar em falsa prosa—. E é, finalmente, a constatação de que, como sinala o limiar, alguns poemas são “não só de conceição abjeta, mas de execução execrável”, porque o transcurso do tempo é equivalente —se queremos mover-nos num plano terráqueo — a uma térmita gulosa que todo engole ou —de desejarmos níveis cósmicos— a um buraco preto que consome todo quanto se achega ao seu horizonte de acontecimentos. A publicação duma recompilação é também, se sabemos interpreta-la, um brilhante antídoto contra a soberba. (…) Sigue lendo

Eva Moreda: “Unha das grandezas da literatura é que dá cabida á contradición”

EntrevistaEva Moreda de Carlos Loureiro a Eva Moreda en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Dende moi nova a emigración formou parte da túa vida… ti mesma escribiches verbo deste feito… Que supuxo para a túa literatura esta realidade persoal?
– Eva Moreda (EM): A emigración foi o mellor que me pasou na miña vida adulta. Transformou para ben a miña vida e a min mesma ata uns extremos que non podía nin soñar. Pero penso na literatura e, a primeira vista, o balance semella ser máis ambiguo. Anos en que a penas escribín ao comezo da miña experiencia migratoria; agora ando na aventura de escribir nunha lingua estranxeira e imaxino que iso tardará tempo en dar os seus froitos, se os dá. Espero, que a longo prazo, o resultado sexa tan positivo e transformador coma o foi sobre o resto de aspectos da miña vida. (…)
– NG: E, de novo, a voz feminina, a visión feminina… Compromiso feminista?
– EM: Considérome feminista pero non sei ata que punto a miña literatura o é, supoño que na medida en que reflicte preocupacións de meu. A Veiga foi, con Organoloxía, o meu intento máis obvio de escribir unha historia declaradamente feminista, pero creo que cansei axiña diso. Para min, unha das grandezas da literatura é que dá cabida á contradición dun xeito que o ensaio non o fai, e isto, penso eu, non casa ben con facer literatura de tese. Por exemplo, hai pouco decateime de que nos últimos tempos teño escrito varias pezas sobre mulleres de dereitas, e non foi algo deliberado, pero, a posteriori, ten moita lóxica, porque me permite verme de fronte coas miñas contradiccións e as de outros e mirar atentamente unha parte do mundo, unha parte da sociedade, á que se cadra non podería mirar con tanta atención fóra da literatura. (…)
– NG: Na literatura cobran peso a imaxinación e loxicamente a propia vida… Que é máis importante para ti á hora de escribires, a propia vida, a sociedade da que te ves rodeada, ou a imaxinación que poida dar cobertura a esta realidade narrada?
– EM: As tres, e non sabería dicir cal é máis importante. A sociedade percibímola na nosa propia experiencia e o noso propio corpo, e a imaxinación literaria é o único que pode transformar esta experiencia en literatura. Gústame deixar esta imaxinación literaria libre, non actuar moito sobre ela, permitir que me sorprenda. (…)”