A Coruña: XVI Memorial de teatro Ibán Toxeiro

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro mércores 24 de outubro terá lugar o XVI Memorial de teatro Ibán Toxeiro. Será no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, ás 20:30 horas, con entrada gratuíta. Nesta ocasión terán lugar as seguintes actuacións:
– Grupo de teatro da A. C. Alexandre Bóveda, cun fragmento da Ópera do patacón.
– Casa Hamlet, con dúas obras: Boznia e Poe.
– Caramuxo teatro, con E de maior quero ser….
– Teatro Proscrito, con Inverno occidental.
– Entrega do V Premio Alexandre Bóveda de teatro amador Ibán Toxeiro para Manuel Lourenzo polo seu labor en Casa Hamlet.
– Todo aderezado coa música en directo de Factoría.

A Coruña: homenaxe a Rosalía no teatro do seu mesmo nome

Mañá xoves 10 de xuño, ás 21.00, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, terá lugar a homenaxe a Rosalía de Castro “AO RASO COAS LEBRES. Versos de Rosalía de Castro”.

FOI un empeño de Casahamlet, desde os seus inicios en 1998, o facer unha triloxía escénicasobre os tres grandes poetas do Rexurdimento. E así estreou ESCURO ENIGMA EU SON (Pondal, 2002), QUEN PUDERA CONVOSCO VOAR (Curros, 2008) e agora presenta AO RASO COAS LEBRES (Rosalía, 2010), un recital-concerto que tenta mostrar a lucidez e rebeldía dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvela a situación do pobo e da cultura galega, comezando pola lingua, que ten nela a primeira usuaria con forza suficiente para inaugurar un tempo novo marcado pola consciencia e polo orgullo, así como pola contundencia fronte ás agresións. Talvez non houbo nin chegará a haber en moito tempo unha voz tan escoitada con respecto e emoción polo seu pobo.
Con este recital-concerto, CASAHAMLET pretende facer chegar ao público, un exemplo de poesía e de compromiso que teñen na nosa escritora os seus acentos máis sonoros.