“Pilar Pallarés, radical intimismo”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Apenas en cinco libros Pilar Pallarés construíu unha das xeografías máis singulares da poesía galega actual. Radical, arrasada, indagadora, intimista e aberta ao outro, obra e autora son obxecto das honras da AELG como Escritora na súa Terra. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza.
“Un espasmo de luz incendia o bosque”, remata o primeiro poema de Leopardo son (Espiral Maior, 2011). Espasmos de luz no corazón do bosque da poesía galega contemporánea, eis unha definición posíbel da obra de Pilar Pallarés (Culleredo, 1957), cuxos cinco libros delimitan un singular e celebrado territorio lírico. Intimismo radical, desposesión, arrasamento, o que o profesor Arturo Casas denomina, con eco a Deleuze, devir animal. A súa escrita é unha indagación brutal no eu e no desexo, na destrución e na intensidade, que comeza na década dos 80 e agora homenaxean as súas colegas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
“Na xeración dos 80 non hai moitas voces femininas”, describe a crítica Teresa Seara para este semanario, “a súa vivencia tan radical do intimismo distínguea. Os homes escriben sobre o erotismo, pero dun xeito completamente diferente”. Ningún como Livro das devoracións (Espiral Maior, 1999), desde logo, peza maior do seu traballo e páxinas de enorme potencia imaxinista: “a beleza dos corpos ten ángulos que doen // corazón: fica imóbil”. A profesora Kathleen March sinalou no seu día a “sorprendente complexidade dos seus referentes” e un campo de batalla “entre Eros e Thanatos, liberdade e opresión, sensualidade e soidade, lingua e silencio”.
Arturo Casas lembra que, na Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (Tris Tram) coordinada por el mesmo en 2003, foi “o cuarto libro de poemas máis considerado polas especialistas que participaron, case un centenar”. Por diante, só títulos de Cunqueiro e Ferrín. Sétima soidade antes das devoracións, Pallarés, que descubrira a lingua e a conciencia da mesma grazas a Moncho Valcarce, publicara o iniciático pero aínda á procura Entre lusco e fusco (Do Castro, 1980) e mais Sétima soidade (Sociedade de Cultura Valle‑Inclán, 1984), co que consagrou a súa voz.
“Naquel tempo falouse de neorromanticismo, leuse noutra chave”, relata a Sermos a profesora e crítica María Xesús Nogueira, “pero ese intimismo tan singular xa estaba aí, como estaba esa tensión do discurso, do verso, e ese mundo animal que creou”. E que Nogueira relaciona con coetáneas como Xela Arias. Foi a época en que Pallarés era a única poeta da súa promoción con certo relevo público. E a única muller do grupo De amor e desamor e da escolma Desde a palabra, doce voces. Nova poesía galega (Sotelo Blanco, 1986), preparada por Luciano Rodríguez con evidente vontade canonizadora.”

Chus Nogueira: “A poesía non debe, segundo Xela Arias, ser condescendente nin reflectir falsos equilibrios ou visións edulcoradas da realidade”

Entrevista de Montse Dopico a Chus Nogueira en Praza:
“(…) – Praza (P): Tras salientar a dimensión “pública e comprometida” do traballo de Xela Arias como poeta, escribes que “algunhas das súas palabras a respecto da necesidade de procurar novos espazos para a poesía lembran consignas repetidas polas escritoras e escritores que comezaron a publicar a comezos dos 90”. Por que dis isto?
– Chus Nogueira (CN): Estas prácticas desenvolvidas no espazo público, que coñeceron manifestacións diversas como o recital, a exposición de fotografía e poemas ou o espectáculo poético musical (estaba a preparar un, con Fernando Abreu, sobre Intempériome) anticipan e converxen con actitudes moi estendidas nos anos 90 que se resumían ben naquela consigna de “sacar a poesía da súa torre de marfil” para levala a outros espazos menos “sacralizados”. Neste sentido Xela Arias constituíu, ao meu entender, un modelo para novas escritoras e escritores.
– P: A autora desbotou a publicación de Lilí sen pistolas ou Maldito lindo, e na vosa edición optastes por respectar as súas decisións. Polo demais, como foi o proceso de busca de todos os materiais que precisabades para facer unha edición completa? (No limiar do propio libro hai algúns agradecementos que teñen relación, supoño, con isto).
– CN: O feito de deixar fóra aqueles libros que a autora non quixo publicar no seu momento obedece, como dis, ao desexo de respectar a súa vontade. Tal determinación vese meu entender avalada polo feito de ser Xela Arias boa coñecedora do mundo editorial e unha escritora moi consciente en todo momento das súas decisións.
O proceso de procura dos materiais dispersos é debedor da axuda de moitas mans, algunhas delas recoñecidas nos agradecementos. De todas elas é de xustiza recordar a de Valentín Arias, pai da escritora e custodio dunha importante parte do seu material disperso e tamén da súa memoria. A el dedico, por telo soñado, o libro, concibido antes como unha obra reunida que completa.
A “Poesía dispersa”, sobre todo aquela publicada con anterioridade a aparición de Denuncia do equilibrio (1986), achéganos unha produción iniciática apenas coñecida na que é posíbel identificar xa trazos como a vontade de elaborar un imaxinario singular, a querenza polos escenarios urbanos ou a tensión da linguaxe.
– P: “A distancia existente entre o primeiro libro de Xela Arias” (Denuncia do equilibrio) “e a estética dominante -e canonizada- nos anos 80 suscitou unha certa incomodidade á hora de situar a escritora nas coordenadas poéticas da década”, escribes. Por que?
– CN: A incomodidade ten moito que ver coa tendencia a articular a poesía galega máis recente en décadas, así como coa identificación reducionista da “poesía dos oitenta” coa súa liña dominante na que Xela Arias, que comezou a publicar a comezos en 1982 e deu ao prelo Denuncia do equilibrio en 1986, tiña difícil encaixe. Un dos trazos máis característicos desa estética como é o culturalismo ten un peso moi escaso na obra da escritora.
Tampouco se aprecian na súa poesía tematizacións decadentistas do paso do tempo, barroquismos formais, nin o preciosismo verbal co que tantas veces se asociou coa poesía dos oitenta. É precisamente na elaboración do discurso, orientado cara á innovación polos camiños da distorsión sintáctica e o neoloxismo, onde radica ao meu ver a principal distancia a respecto dos poetas da xeración na que debera integrarse de maneira natural. (…)”