Ourense: actividades destacadas da Feira do Libro o 2 de xuño

O 2 de xuño finaliza a Feira do Libro de Ourense (na rúa do Paseo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. Sinatura de exemplares de Galeguia, de Manuel Miragaia, publicado por Chiado Editora, na caseta da Libraría Pedreira.
20:00 h. Presentación e coloquio arredor de As sete mortes de Leopoldo Pardo, de Jorge Emilio Bóveda, publicado por Xerais. Acompañarán ao autor David González Couso e Manuel Bragado.
21:00 h. Presentación da obra gañadora do XVIII Premio Risco de creación literaria: A simetría das bestas, de Alberto Ramos. No acto participan Luís Martínez-Risco, David Cortizo e Belén Iglesias Cortés.

Crónica videográfica da III Gala do Libro Galego (IV)

A III Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 19 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Premio na categoría de Ensaio: Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento):

Premio de Tradución: Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).

Premio á Obra de Divulgación: Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia).

A Coruña: Libros a monte 2018

“Uxía Casal: concisión é fluidez”

Crónica de Erik Dobaño en EntreNós:
““Son moi curiosa e observadora”, di Uxía Casal na Livraria Suévia acompañada por Emma Pedreira e polo editor de Urco, David Cortizo. “A tenrura é para min o sentimento máis gratificante”, engade. “Quero dignificar, non amolar a lingua”. Uxía Casal vén de lonxe. “Son filóloga”, repite. E por iso discutiu, confesa, cada coma co seu editor. Por iso e porque a súa escrita lese, harmónica, en voz alta. E esixe precisión, atención en cada coma. O libro que trouxo de lonxe para presentar este xoves 1 de marzo na Suévia rodeada de chuvia e vento neste inverno intermitente é un libro de relatos sombrío, elegante e frío. Os adxectivos póñenos Pedreira e Cortizo que ponderan até as páxinas en branco, necesarias, coma a coma, para respirar entre tanta densidade desacougante. Hai morte e silencio e dor neses contos. “A literatura non está feita só de libros”, anota Pedreira. Uxía Casal vén de lonxe; e hoxe, de Ribeira, “onde o vento non ten máis para onde ir e dá a volta”. Uxía Casal publicou este mesmo volume (con un conto menos) hai vinte anos nunha colección que tomou o nome de Descubertas e sentiuse maltratada pola editorial e abandonada despois. “Penso que non entenderon o libro, empezando polo que me presentou en Ourense”. Agora Urco recuperou a obra e puxo coidado na edición. “Véxome viva mesmo na foto”, di Uxía. “O que dá de si unha vida… agora, cando escribo, son máis consciente do que estou facendo”.
Pedreira pregunta pola técnica, pola frialdade, a sobriedade e o machetazo que bota o lector fóra da vía contra o final de cada conto. E a autora asinte desculpándose. “Gústame ir directa, ao gran, aborrezo a verborrea e a pedanterías… esas machiruladas. Encántame a concisión, traballar nesa palabra que transmita todas esas sensacións que bulen aquí dento”, dentro da súa cabeza, curiosa e observadora.
Pero á autora tamén lle gusta a fluidez, que a prosa soe como a música e se lea en voz alta, tenra, gratificante… inda que fale das zonas escuras da vida, do inquietante que pode ser unha cama. “Non hai nada seguro”, advirte coma se estivera encetando un conto.”