A Asociación Galega de Editoras, con stand propio nunha feira internacional

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““O libro galego ten que estar presente, esta (a presenza en Boloña) é unha proba de que somos capaces polos nosos medios de demostrar que o libro galego está vivo e que conta no mercado internacional”. Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras, entidade que por vez primeira conta cun stand propio nunha feira internacional. Comeza a feira do libro de Boloña na que participan nove empresas galegas. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Os editores galegos participan na Feira do Libro de Boloña

“A Feira do Libro para rapaces de Boloña é o evento máis importante do mundo adicado ó libro infantil e xuvenil. Profesionais de todo o mundo daranse cita entre o 19 e o 22 de marzo na cidade italiana. O evento conta cun espazo de 20.000 m2 nos que se ubican os pavillóns que acollen ós editores dos cinco continentes. Mil douscentos expositores procedentes de 66 países e 5.000 profesionais. A feira conta tamén cun centro de axentes literarios e un espazo propio para ilustradores no que cada ano se monta unha gran exposición de obras para álbums ilustrados. O peso da ilustración na feira é enorme. Están acreditados máis de 70 xornalistas de todo o mundo e no transcurso da feira vanse dar a coñecer os libros. Os gañadores dos Premios Hans Christian Andersen do ano 2012 serán anunciados na feira o 19 de marzo e a cerimonia de entrega terá lugar durante o 33º Congreso Internacional de IBBY, que vai ter lugar en Londres do 23 ó 26 de agosto de 2012. O candidato da sección española é Agustín Fernández Paz, autor que tamén  foi recoñecido na Feira Internacional do Libro de Guadalajara, México, do ano 2011, como Premio Iberoamericano de Literatura Infantil e Xuvenil. Varios editores galegos participan no stand patrocinado pola Consellería de Cultura. Contarán con libros na feira os editores de Biblos Clube, Baía Edicións, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, OQO Editora, Ouvirmos e Toxosoutos e Edicións Xerais de Galicia. Contarán con espazo propio na feira: Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións e OQO Editora. Amais dos editores destas tres empresas,desprázanse a este evento editores do Consorcio Editorial Galego, empresa distribuidora de máis de cen editorais e entidades galegas; Editorial Galaxia e Ediciones Linteo. O 20 de marzo será presentado o catálogo Galician Books for Children & Young Adults, unha publicación dos editores galegos patrocinada pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia  e elaborada por GÁLIX, entidade que traballa en Galicia a prol da LIX e que forma parte da internacional OEPLI, organización europea de promoción da literatura infantil e xuvenil.” Vía Asociación Galega de Editores.

A cultura galega estará presente nas feiras do libro Boloña, Bos Aires e Guadalaxara

“O DOG publica hoxe a licitación dun concurso para a organización dos actos da extinta Consellaría de Cultura e Turismo (agora Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria) nas feiras do libro de carácter internacional para este 2012. Segundo esta resolución, prevese a organización de actividades nos encontros de Boloña (50.000 euros), Bos Aires (60.000 euros) e Guadalaxara (México, por 45.000 euros). As tres feiras son de especial relevancia para o sector libreiro ás que a Galicia acode de xeito continuado. A cifra de licitación é inferior a de edicións anteriores polo descenso, non da contía destinada a cada feira, senón pola redución de citas ás que se acode. En 2010, o importe foi de 280.000 euros e incluía, ademais das tres citas ás que se acode este ano, Frankfurt e Líber (que alterna entre Barcelona e Madrid).” Vía Cultura Galega.

O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro, seleccionado nos White Ravens 2011

O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro, publicado en Xerais, foi seleccionado para a exposición The White Ravens 2011. Dende 1996 a Internationale Jugend Bibliothek de München selecciona, de entre os milleiros de libros publicados cada ano, 250 libros infantís e xuvenís en máis de 30 idiomas e de uns 50 países para organizar a exposición The White Ravens que cada ano se inaugura na Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna. Esta exposición acompáñase coa edición dun catálogo, en lingua inglesa, que contén as informacións bibliográficas e reseñas dos libros seleccionados. Na certificación enviada a Edicións Xerais a Internationale Jugend Bibliothek manifesta: “Pola calidade literaria de O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro foi seleccionado para a exposición The Withe Ravens, 2011 que se organiza anualmente no marco da Fiera del Libro per Ragazzi de Bologna”. A través de Xerais.