Propostas con premio: Funambulistas, de Mercedes Leobalde, premio Ánxel Fole de narrativa curta

Entrevista de Ramón Nicolás a Mercedes Leobalde, en Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): -Tras Chamádeme Eva chega agora esta proposta narrativa…, o cultivo da literatura para vostede é recente ou vén de atrás?
– Mercedes Leobalde (ML): Eu escribía, gustábame escribir, pero non era “cultivar a literatura” nin moitísimo menos, só unha necesidade de verbalizar o pensamento, algo que me axudaba a reflexionar, a ordenarme. Outras veces podía tratarse simplemente de plasmar unha lembranza repentina, un soño desacougante ou unha sensación agradable, por preservalos. Pero en todo caso era algo íntimo, non sentía a necesidade de darlle eses textos a ler a ninguén e moito menos de publicalos, non foran concibidos para iso. Por tanto, tampouco precisaba revisalos cunha vontade literaria, os pobres estaban condenados a non pasar da fase de borrador. Un día apunteime a un obradoiro literario impartido por Antía Otero que resultou para min máis importante do que podería prever. Á segunda clase había que levar un texto no que se recrease un escenario e eu describín unha chuvia de estrelas contemplada desde o xardín da casa. Non sen pudor, lin o meu pequeno relato e, cando rematei, unha compañeira do curso que agora é amiga comentou: “estabamos todos contigo nese xardín”. E nese momento cambiou algo. Empecei a intuír que podía ser gratificante compartir o que escribía.
– RN: Os títulos adoitan orientar ao lectorado. Por que Funambulistas?
– ML: O funambulista camiña, avanza pola corda frouxa, esforzándose por manter un equilibrio que ao cabo é sempre inestable, pois cada novo paso abre unha incógnita. O perigo existe sempre, no aire que te envolve, o aire é o baleiro. Non hai chan, non hai paredes, só o medo a fallar e precipitarte desde as alturas. Pero existe tamén a vontade férrea de chegar á outra punta, e esa é a única certeza, o que fai que ignoremos o medo ou o releguemos a un segundo plano. É coma na vida, non? Os personaxes de Funambulistas adoitan ser así, manteñen o equilibrio como ben poden cando a corda máis abanea pero sen cederen na súa determinación. (…)”

Funambulistas gaña o XVI Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole de Lugo

Desde Noticieiro Galego:
“O 22 de marzo outorgouse o XVI Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole, convocado polo Concello de Lugo á novela curta de Mercedes Leobalde Funambulistas. (…) Nesta edición presentáronse ó premio un total de 62 orixinais entre novelas curtas e libros de relatos.
O xurado deliberante, composto por Olga Novo, Marica Campo e Manuel Bragado (representante de Edicións Xerais de Galicia que publicará o libro premiado), acordou concederlle o premio nesta XVI edición, primeira do novo estilo, a Mercedes Leobalde, pola súa novela breve titulada Funambulistas.
Do xurado formaron parte tamén, pero sen voto, Carmen Basadre Vázquez, Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que actuou como presidenta, e Darío Xohán Cabana, Coordinador de Publicacións do Concello, en funcións de secretario.”