Tabela dos Libros de outubro, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a primeira Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os títulos que, ao ver d@s crític@s participantes, son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas.
Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos e así sucesivamente.”

Cangas: presentación de Bernardino, mariñeiro do verbo, de Héitor Mera

O xoves 27 de setembro, ás 20:00 horas, no Café-Librería Rinoceronte (Avenida de Bueu, 15) de Cangas, preséntase o libro Bernardino, mariñeiro do verbo, de Héitor Mera, publicado en Morgante, biografía sobre Bernardino Graña.

Berta Dávila gaña o XV Premio de Poesía Johán Carballeira

O xurado do XV Premio de Poesía Johán Carballeira, constituído por Calros Solla (gañador da edición anterior do premio), o crítico literario Héitor Mera e o poeta Alfonso Láuzara, reuniuse nesta data para resolver o dito premio, actuando como secretario, en representación do Concello de Bueu, Xabier Framil Barreiro.
Tralo pertinente debate resultou gañador por unanimidade o traballo Raíz da fenda, de Berta Dávila Fernández. O xurado valorou a mensaxe, o ton, a boa estruturación e en definitiva a sensibilidade que amosa o poemario no seu conxunto. Destaca especialmente que se trate dun poemario limpo de artificio, carente de adobíos innecesarios.

A Solaina de Piloño (Vila de Cruces): recital poético musical na X Forxa Literaria da Solaina

‘A Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño (Vila de Cruces) organiza a X Forxa Literaria. Encontros culturais no rural. O xoves 7 de xullo inaugurouse coa proxección do documental Luís González López “Ferreiro”.
O venres 8 de xullo María Dolores González Pérez presenta o seu libro O vento do Nordés, acompañada por Héitor Mera, Tino Vaz e Raúl Belloso.
O sábado 9 de xullo acolle, entre outros actos, unha mesa redonda con Daniel González González, Xosé Vázquez Pintor, Ana Ulla e Daniel González Alén.
O domingo 10 clausúrase esta nova Forxa literaria, coa presentación do libro Cambio de estrela, de Iria Pedreira, publicado en 3C3, e o monólogo de Cándido Pazó titulado Falar non ten cancelas. De seguido celebrarase un recital músico poético onde intervirán Andrés Lareo Jr., Tamara Soto Soto, Nicolás Soto Mazás, Cristina Gende, Alba Payo Froiz, María Lado, Celso Fernández Celsiño, Andrea Porto Mato e José Luís Taboada Areán. Outro dos actos máis significativos son as entregas das medallas Amigo da Solaina, que este ano recaen, entre outras persoas, en Xosé Luna e Xoán Xosé Fernández Abella.’ Vía Fervenzas Literarias.