Compostela: presentación de No seu despregar

O sábado 17 de decembro, ás 12:00 horas, en Hervorefervor Bar (Praciña das Penas, 2), en Santiago de Compostela, preséntase a antoloxía No seu despregar, editada por Apiario. No acto intervirán as coordinadoras do proxecto, Dores Tembrás e Antía Otero (Apiario), e escoitaranse textos de vari*s autor*s presentes na antoloxía da man de: Antón Blanco, Afra Torrado, Rosalía Fernández Rial, Ismael Ramos, Celia Parra, María Vilas, Tamara Andrés, Paula Antía Rey, Helena Salgueiro, Jesús Castro, Noelia Gómez e Alba Cid. A sesión vermú estará acompañada pola selección musical de Madreselva djs.

Radiocrítica do 16-12-2013, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o pasado luns día 16 de decembro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novelística de Manuel Darriba (0’45), os relatos de Antón Riveiro Coello (3’05), a poesía implicada de María Reimóndez (7’15), a Antoloxía de referencia. Etapa de expansión que Xavier Lama e Branca Novoneyra prepararon coas novísimas voces poéticas de Berta Dávila, Cristina Ferreiro, Xurxo Martínez González, Celia Parra, Elías Portela, Ismael Ramos e Helena Salgueiro (9’20), o teatro de Marcos Abalde Covelo (14’45), o ensaio filosófico de Carlos Lema (16’30) e mais a mitoloxía da vella Gallaecia para novos e non tanto de Manuel Gago e Manel Cráneo (18’30).”

Actos do Día de Rosalía para o sábado 23

O sábado 23, ás 12:00 horas, na Librería Lila-Lilith e Ciranda (Rúa da Travesa, 7) de Santiago de Compostela, terá lugar un acto coas poetas Rosalía Fernández Rial, Helena Salgueiro e Luz Fandiño, onde recitarán obra propia alternando con poemas de Rosalía. No acto proxectarase tamén Todas con Rosalía.

Helena Salgueiro faise co premio de poesía Avelina Valladares

“Fallouse a XIV edición do Premio de Poesía Avelina Valladares, cun xurado formado por Antía Otero, Andrea Porto Mato, Xosé Luna Sanmartín e Dolores Araújo Arias, quen actuou como secretaria. A obra seleccionada, por unanimidade, foi a presentada baixo o lema Estadio, que unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Helena Salgueiro Golán, na que o xurado destacou que a nivel constructivo está confeccionado a base de imaxes propias, artellando un discurso de temática amorosa sen caer nos tópicos e abrindo dende ela un abano a outros temas que reflicten unha visión particular da vida. A galardonada, a máis xoven da historia, será a pregoeira na vindeira Festa da Poesía da Estrada, un evento que se prevé para comezos de outono. Asimesmo este poemario será coeditado por Edicións Fervenza e o Concello.” Vía Concello da Estrada.