Baiona: presentación do número 18 da Revista REM

O 7 de xuño, ás 20:30 horas, na Biblioteca de Baiona, presentarase a revista REM nº 18 (2019) do Instituto de Estudos Miñoráns. O acto contará con colaboración musical e as intervencións de Xulián Maure Rivas, Natalia Jorge Pereira, Xilberte Manso de la Torre, Soledad García Riveiro e Antonio Soliño Troncoso, que farán unha breve presentación das súas colaboracións. Conduce o acto María Lemos Cerqueira.

Bases do XII Premio de poesía Victoriano Taibo

“O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en colaboración co Concello de Gondomar, convoca o XII Premio de poesía Victoriano Taibo, dotado con 3000 € e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo. Rexerase polas seguintes

BASES:

1. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións nin ter sido premiados noutro certame no momento da decisión do xurado. Estarán escritos en lingua galega, de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galegoda Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).
2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos con unidade temática.
3. Os traballos presentaranse por quintuplicado, mecanografados a dobre espazo, con letra Times New Roman e corpo 12 nun sobre pechado identificado co lema, alcume, pseudónimo ou o título elixido polo autor/a.
Así mesmo, dentro deste sobre, xunto cos traballos incluirase outro sobre pechado identificado co devandito lema, título…, que conterá os datos persoais (nome, apelidos, copia de DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico. O xurado só o abrirá no caso de ser premiado.
Os traballos enviaranse por correo ao seguinte enderezo:
Apartado 30
36380 Gondomar (Pontevedra)
4. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de xullo de 2019.
5. Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado, período durante o cal poderán recollerse no local do IEM en Gondomar. Transcorrido ese prazo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.
6. O xurado estará constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
7. A obra premiada publicarase polo IEM na Colección Victoriano Taibo e non xerará dereitos de autor durante os primeiros 1500 exemplares editados. A publicación non pode superar o máximo de 250 páxinas.
8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
10. O feito de participar supón a aceptación destas bases.”

Gondomar: Mostra de Teatro Afeccionado do Val Miñor e Oia

Laura Ramos Cuba gaña o XIº Premio de poesía Victoriano Taibo coa obra presentada baixo o título de A situación actual

Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O xurado do certame poético Victoriano Taibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, integrado polos escritores e escritoras Iria Misa, Gonzalo Navaza, Miguel Anxo Mouriño, Marta Dacosta en nome do IEM e Rafa Vilar, gañador da Xª edición, resolveu que o libro gañador desta XIª edición era o presentado co título de A situación actual que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Laura Ramos Cuba.
O xurado valorou que se trata dunha obra absolutamente contemporánea en que atopamos unha voz intimista moi forte. Unha voz dunha grande radicalidade, capaz de reflectir unha situación límite, unha crise emocional. Destaca a capacidade de poetizar o cotián con sinxeleza e fondura a un tempo. O xurado tamén salientou a unidade do libro, que mantén ao longo da lectura o pulso e o ritmo.
Laura Ramos Cuba é unha moza burelá graduada en xornalismo e comunicación audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Este é o seu primeiro premio e, será, o seu primeiro libro publicado, co que o certame Victoriano Taibo ten a satisfacción de permitir que saia á luz esta voz actualísima que nos fala desde as súas propias coordenadas inseridas neste século XXI.
A entrega do premio será o día 17 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.”