Marcos Abalde Covelo gaña o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo 2011

O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo reuniuseo luns 2 de maio para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 48 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra Diario, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia, ao artigo titulado Empoderármonos, de Marcos Abalde Covelo. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese ao “paralelismo entre a situación das mulleres e a da lingua galega, adentrándose na violencia simbólica exercida contra o galego e contra as mulleres”. Na acta do xurado sinálase que o artigo “fala sobre a hibridación do galego co castelán, ten interesantes conexións intertextuais e chama a atención individual fronte a esa situación”. Ademais, “destaca a súa calidade lingüística, a linguaxe directa e a capacidade de incidencia no público”.
O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo Gas, do autor Diego Giráldez, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación. O accésit concédeselle “pola necesaria reivindicación dos medios en galego, nun momento difícil para eses medios” e pola “calidade de estilo e as referencias intertextuais, tanto a ámbitos literarios como científicos”.
O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa, redactora da revista Tempos Novos; Marica Campo, profesora, escritora e gañadora da edición 2010 do certame; Iván Méndez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cerceda e colaborador en prensa; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.
A entrega do premio terá lugar no transcurso da Festa da Lingua, que terá lugar o sábado 7 no Pazo da Cultura de Carballo, e na que actuará o grupo musical Marful, o teatral Berrobambán e será presentada por Yolanda Castaño.