Adolfo Caamaño gaña o VII Certame de poesía Manuel María

Desde Sermos Galiza:
Cartograma para contido primixenio, de Adolfo Caamaño Vázquez, é a obra gañadora da VII edición do Certame de poesía en lingua galega Manuel María, convocado pola Casa de Galiza de Gipuzkoa. Está dotado con 400 euros. Casa de Galicia en Gipuzkoa resérvase os dereitos de publicar calquera dos traballos presentados ao concurso na forma ou no medio que estime axeitado.
Lintel, de Manuel Antonio Piñeiro, obtivo o segundo premio; e baixo o lema A miña pel en tatuaxes, de Francisco Javier Fernández, está o terceiro premio.”

Obras premiadas no XXXII Certame de poesía en lingua galega Rosalía de Castro 2018

“O sábado 24 de novembro celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornella (Barcelona) que este ano acada a súa XXXII edición, no que se lle concedeu o primeiro premio a Isaac Xubín polo seu poema Antígona.
Un día que comezaba cheo de cultura e literatura galegas co recoñecemento e homenaxe que a A.C.G. Rosalía de Castro quixo ter co Patriarca das Letras Galegas en Cataluña, o Catedrático Don Basilio Losada Castro entregándolle a medalla da entidade de recoñecemento á súa labor de difundir e posta en valor a Cultura e a Literatura galegas en Catalunya, desde a súa actividade educativa na Universidade de Catalunya, así como a súa colaboración e apoio a colectividade galega a través das diversas entidades galegas, e moi especial coa A.C.G. Rosalía de Cornellà, acto ao que asistiron ademais dos compoñentes do Xurado do Certame de Poesía así como numeroso socios da Entidade tamén estivo presente o Secretario Xeral de política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, que se desprazou a Cornellà para imporlle a distinción honorífica ao homenaxeado.
Pola tarde, o acto de concesión dos premios, foi precedido dunha conferencia a cargo do Profesor Armando Requeixo, que baixo o titulo A Irmandade literaria Galego-Catalana nos deu unha exhaustiva e esplendorosa lección sobre as colaboracións culturais e literarias de ambas as dúas culturas, desde os tempos do medievo ata a actualidade, un relato de autores e textos nos que se amosa esa irmandade cultural. O acto contou coa asistencia de numeroso publico, así como a presencia do alcalde de Cornellà Antonio Balmón, que se encargou de pechar o acto agradecendo a colaboración do conferenciante coa diversidade cultural que a cidade de Cornellà representa, na que a Asociación Rosalía de Castro é fundamental.
Pola noite e no transcurso dunha Cea celebrada no restaurante da Asociación galega de Cornellà, e presidida polo seu presidente, Oliver Fernández, á que asistiron numerosos socios e amigos, así como diversas autoridades do mundo da cultura e a sociedade de Cataluña e Galicia, ademais de representantes da Corporación Municipal de Cornellà e delegacións doutras entidades galegas de Cataluña, o presidente do xurado do certame, composto por:
Presidente: Armando Requeixo, Investigador, Profesor e Crítico Literario.
Vicepresidente: Míriam Ferradáns, Poeta galega.
Vogal 1: Ana Vázquez, Documentalista, Licenciada e Doutora en Hispánicas.
Vogal 2. Xulio Simón, Profesor Licenciado en Galego e Portugués.
Vogal 3: Xosé Lamela, Enxeñeiro e Escritor galego.
Secretario: Xulio Cougil, Profe. Licenciado en Galego e Portugués, Xubilado.
Deu a coñecer aos gañadores deste ano 2018 na 32 edición do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, que son os seguintes:
– Primeiro premio: conseguiuno Isaac Xubín, da Coruña, polo seu poema titulado Antígona: o alento que embaza o vidro.
– Segundo premio: para Manuel Antonio Piñeiro, da Coruña, polo poema Larega.
– Terceiro premio: para Gonzalo Hermo, de Barcelona, polo seu traballo Memoria do Cervo.
Ademais, o Xurado concedeu unha mención especial ao poema Foise silandeira, mainamente, de Azucena Arias Correa, de Pontevedra.

Cornellà, 25 de novembro de 2018
Antonio Díaz Fernández”