Carmen Caramés: “Quixen ser a voz das que non a teñen porque unha relación de dominación non lles permite alzar a súa”

EntrevistaMaría do Carmen Caramés de Montse Dopico a Mª Carmen Caramés en Praza:
““Primeiro foi a necidade de non asumir os indicios,/ despois a covardía de baixar a voz e erguer os cóbados, /logo a catalepsia brutal do medo,/ e, sempre,/ o satélite orbital da vergoña.” Mª Carmen Caramés tenta, con palabras coma estas, poñerse no lugar dunha muller maltratada no seu poemario Dos días escuros (Xerais), co que gañou o XVII Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu. A autora tratou, neste libro, de “entender”. De reparar no medo ou na indiferenza dos demais “que poden resultar tan paralizantes para a vítima”. Falamos con ela. (…)
– Praza (P): Parece un libro escrito moito desde a emoción, o estilo é moi directo, malia estar coidado. Era a túa idea, ou simplemente saíu así?
– María do Carmen Caramés (MCC): Non tiña unha idea preconcibida de como ía resultar. A empatía foime marcando o camiño e, salvadas todas as distancias, tentei meterme nos zapatos das vítimas, sentir o que elas podían sentir, ver o mundo da maneira en que elas o verían…, tentei sobre todo entender. Recoñezo que chegou a resultarme doloroso porque reparei en aspectos nos que ata entón non reparara como son o medo, a vergoña ou a indiferenza dos outros que poden resultar tan paralizantes e perniciosos para a vítima do maltrato.
– P: O libro é como un percorrido polas fases do maltrato, (os sucesivos desenganos…). Podes explicar, nese sentido, como concibiches cada unha das partes?
– MCC: Eu quería contar unha historia na que calquera muller maltratada puidese espellarse, e entendo que esa historia comeza sempre nunha relación afectiva, nun, ás veces, mal concibido amor. A primeira parte, Incipit, fala precisamente dese comezo, cando nada fai presaxiar o deterioro da relación; na segunda parte, que dá título ao libro, Dos días escuros, a vítima empeza a ser consciente, asume e narra a súa condición de muller maltratada; na terceira busca os motivos externos da súa situación, rastrexa especialmente o legado das Testadoras que contribuíron á xénese da súa identidade; pero a busca de respostas require tamén un exame da propia conduta e actitude ante o maltrato: Reflexións sobre un tratado de (meta)física cuántica; finalmente, a última parte, Explicit ou o último desengano, é un chamamento desesperado á sociedade indiferente que xa non se asombra ante a barbarie. (…)”

Propostas con premio: Dos días escuros, de María Carmen Caramés Gorgal, por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Posúe unha traxectoria literaria marcada por conseguir numerosos premios literarios. Unha opción para publicar?
– Carmen Caramés (CC): A primeira vez que me presentei a un certame buscaba o recoñecemento de alguén (que non fosen amizades e familiares) que me indicase que o que eu escribía tiña algún valor literario. Saíume ben e iso animoume a seguir probando sorte. O que máis me satisface dos premios é, sen dúbida, o feito de que xente de moi recoñecido prestixio no ámbito literario, como é a que adoita formar parte dos xurados, considere que eu teño algo que achegar e, certamente, tamén é a opción para autores e autoras descoñecidos coma min poidamos publicar pois é difícil que as editoras aposten por nós. (…)
– RN: Dos días escuros, premio Johán Carballeira, aborda os malos tratos como temática e coido que un asunto reiterado noutras obras da súa autoría. Por que?
– CC: Porque me quedan cousas por dicir, porque me proe a súa dor e quero ser, humildemente, a voz das que calan, das que perdoan máis de sete veces, das que non denuncian, das que non teñen alternativas.
– RN: O título fai referencia, daquela, a situacións derivadas da violencia machista?
– CC: O título quixo reflectir a escuridade, a sombra, o asedio, a soidade, a indefensión das vítimas.
– RN: O xurado apuntou a intensidade do poemario ata acadar finalmente a realidade. Por que esa estrutura?
– CC: Quizais porque pretende partir da mesma orixe, do inicio velado do maltrato pasando logo polo recoñecemento, a asunción e a reflexión ata chegar ao final presentido, un final que non será máis que “a crónica dun suceso lamentable á hora do xantar”. (…)”

Dúas obras e tres autoras comparten o Premio de Poesía Victoriano Taibo

O xurado da segunda edición do Premio de Poesía Victoriano Taibo dediciu nomear gañadoras ex aequo dúas obras e tres autoras, dada a súa calidade. As nomeadas foron María Carmen Caramés, por Cuarto minguante, e Elvira Riveiro Tobío e Silvia Penas Estévez pola autoría colectiva de Biografía da multitude. O premio está dotado con 3.000 euros –que terán que repartir entre elas–, unha escultura conmemorativa realizada polo artista Fino Lorenzo e a edición da obra na colección de poesía do Instituto de Estudos Miñoranos. [Ler noticia completa en Xornal de Galicia]