María Xosé Queizán, Premio Irmandade do Libro pola súa traxectoria literaria

Desde Sermos Galiza:
“Cada ano, a Federación Galega de Libreiros premia unha autora ou autor pola súa traxectoria na convocatoria dos seus premios. Nesta edición, XXII, a escritora María Xosé Queizán foi a escollida polo xurado para recoñecer a súa ampla dedicación ao mundo do libro como narradora mais tamén autora de ensaio, teatro, poesía, artigos xornalísticos, tradución e mesmo partillando noutros ámbitos da edición literaria como a dirección dunha publicación -a Festa da Palabra da que está á frente desde 1983- ou como directora de coleccións como As literatas de narradoras en Xerais. (…)
O fallo do xurado recoñece como motivación para premiar a María Xosé Queizán “a longa e moi definida traxectoria en traballar polo galego dende todos os xéneros, sendo pioneira na narrativa galega despois da guerra. Resultando ademais, que no ano dedicado ao teatro, María Xosé é precisamente unha persoa moi vinculada ao xénero dramático”. (…)”.

Premios Irmandade do Libro 2011

Asasinato no consello nacional, de Diego Ameixeiras, publicada en Xerais, obtivo o premio Libro do ano 2010, no ditame anual do xurado dos premios Irmandade do Libro, da Federación de Libreiros de Galicia, que se fixeron públicos nun acto celebrado en Narón. A colección Di-versos da Editorial Positivas conseguiu o premio á mellor Obra Editorial do 2010, pola súa aposta por un xénero minoritario, como é a poesía, tanto no ámbito nacional como da tradución de autores estranxeiros, e moi especialmente polo descubrimento e aposta cara a autores radicalmente contemporáneos, mentres que no apartado de Institucións, a premiada foi a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Galix.
No apartado de Fomento da lectura, o galardón recaeu na Fundación Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces), polo traballo de promoción cultural no ámbito rural, o fomento da lectura que leva a cabo a súa biblioteca, a aposta polos xéneros de poesía e teatro a través dos seus premios Arume e Estornela e como recoñecemento ao traballo de Anisia Miranda ao longo dos últimos anos. O premio para Librerías recaeu na Aenea, de Santiago, pola súa produción interdisciplinar e por contribuír á difusión do libro a través da súa actividade cultural na propia libraría. Finalmente, o Xurado otorgou o premio para o centro de ensino ao IES Taboada Chivite de Verín pola orixinalidade das súas propostas, o entusiasmo na práctica diaria do club de lectura e a constancia na difusión lectora na mocidade. Estes galardóns súmase ao xa anunciado a Víctor F. Freixanes como autor do ano.