Xurxo Souto recibe o Premio Facer País

Desde Sermos Galiza:
“Unha vintena de colectivos culturais da comarca de Sarria, Val do Neira e O Corgo decidiron outorgarlle ao cantante, escritor e locutor Xurxo Souto o Premio Facer País. A entrega terá lugar o vindeiro 2 de novembro en Láncara, nun acto que reunirá representantes do mundo cultural de todo o país
Feliz e agradecido, nun primeiro momento Souto sentiuse desconcertado, pois consideraba que os seus méritos eran poucos. Porén, axiña acordou. Non era un premio individual, senón o dun movemento colectivo e xeracional: “Sinto que con este premio non se me recoñece a min, senón ás compañeiras e compañeiros do bravú”. Pois xustamente, comenta Souto, hai 25 anos “que un grupo de mozos rachou o tópico de que o galego non servía para o rock and roll”, sinala en declaracións a Sermos Galiza.
O xurado valorou o “entusiasmo e forza” coa que reivindica a nosa lingua e a nosa cultura, “contribuíndo a que os demais, e sobre todo a mocidade, as valoremos como parte fundamental da nosa identidade como pobo”. Souto móstrase ilusionado polo propio sentido do galardón, que alude ao que considera o seu mestre, Manuel María, e ao seu proxecto literario, político e social. O coruñés tamén destaca a ilusión de o recibir “diante da dinámica dun tempo en que se nos nega, coa nosa cultura invisibilizada”.
A Vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, destacou “o valor e relevancia do premio que involucra unha vintena de colectivos da comarca de Sarria, Val do Neira e Corgo” e o labor que “desenvolven as asociacións de base no eido da cultura”. (…)”

Agustín Fernández Paz leva o XI Premio Ramón Piñeiro Facer País

“O XI Premio Ramón Piñeiro Facer País, que convocan catorce asociacións e entidades da comarca de Sarria, Láncara e o Corgo, foi para Agustín Fernández Paz. Segundo sinalaron os representantes do galardón, Fernández Paz foi escolleito por sucesivas votacións das asociacións convocantes entre 45 candidatos. Para alén dos seus amplos méritos literarios, entre os que a organización destaca a súa recoñecida contribución á literatura infantil e xuvenil, o xurado tivo en conta “o seu decidido compromiso con Galicia e a lingua galega” e apuntou “a sinxeleza do seu carácter, sempre alleo a xestos e actitudes personalistas e de autocompracenza” eu o fan “merecedor de ser considerado un dos bos e xenerosos”. Na presentación do galardón, Carlos López Sierra, secretario da Asociación Val de Láncara lembrou a Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, que levaran cadanseu galardón e que faleceron no último ano. O acto de entrega celebrarase o vindeiro outono, en data aínda por determinar, en Láncara.” Desde Cultura Galega.

Convocada a XI edición do Premio Ramón Piñeiro Facer País

A Asociación Val de Láncara presentou a XI Edición do Premio Ramón Piñeiro Facer País, que recoñece o traballo de persoeiros e institucións a prol da lingua e a cultura galega. A organización do evento, que conta coa participación do Concello de Láncara a Deputación de Lugo e de preto de sesenta asociacións da comarca, chama ás asociacións e colectivos culturais de todo o país a a facer as súas propostas para esta edición antes do vindeiro 16 de agosto.
As entidades convocantes realizarán a votación entre as candidaturas a finais do mes de agosto e o galardón, sen dotación económica e consistente nunha figura doada pola Escola de Arte Manuel Falcón, entregarase o vindeiro outono. O acto de entrega está a convocar, de xeito habitual a máis de 400 persoas con presenza de boa parte da intelectualidade do país. Mini e Mero, gañadores da anterior edición, serán os encargados de entregar o galardón ao novo premiado.
Os interesados en achegar propostas pódeno facer contactando coa asociación Val de Láncara ou no correo arroxo@edu.xunta.es.

Mini e Mero reciben o Premio Ramón Piñeiro-Facer País

Mini e Mero, músicos, poetas, mestres e investigadores do patrimonio cultural galego, foron galardoados co Premio Ramón Piñeiro-Facer País na súa décima edición. Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, e Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, actuais compoñentes do grupo A Quenlla, formaron parte tamén de Fuxan os ventos. O xurado, integrado por representantes de 18 asociacións culturais da comarca de Sarria (Lugo) analizou e considerou 29 propostas. O premio foi instituído en 2002 pola Asociación Cultural Val de Láncara para recoñecer o labor senlleiro de persoas e entidades a prol de Galicia. O acto de entrega terá lugar en Láncara (Lugo) o vindeiro 15 de outubro. Os 18 membros do xurado, representantes doutras tantas asociacións culturais da comarca de Sarria, avaliaron o constante labor dos premiados, Mini e Mero, “a prol da creación e recreación do cancioneiro galego e de diferentes manifestacións do noso patrimonio inmaterial, participando de modo individual ou con diferentes grupos no proceso de dignificación e recuperación das máis diversas facetas da expresión musical, incoporando ao seu repertorio creacións de poetas clásicos e modernos xunto con obras propias que gozan de xeral aceptación”. Recoñeceron asemade “o compromiso profesional de Mini e Mero como educadores a prol da galeguización do ensino e dunha escola creadora e non alleante no medio rural” e salientaron “a constante e desinteresada colaboración que os premiados prestan a colectivos culturais tanto de Galicia como da diáspora, levando a mensaxe de loita e solidariedade coas xustas reivindicacións do noso pobo”. Subliñaron por último “a súa activa participación nas actividades de recuperación da memoria histórica”. Nesta décima edición a candidatura de Mini e Mero competiu con outras 28, propostas polas distintas asociacións que colaboran con “Val de Láncara” na organización e concesión do Premio Ramón Piñeiro-Facer País. Reseñado en Xornal, La Voz de Galicia, Cultura Galega.