José Carou Rey gaña o XVIII Premio Antón Avilés de Taramancos

Desde Fervenzas Literarias:
“José Carou Rey vén de gañar, co seu libro Desvelando a Ademar Escambia, o XVIII Certame de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos que convoca o Concello de Noia e organiza a revista ‘Casa da Gramática’ do IES Virxe do Mar.
O xurado desta edición estivo formado por Xerardo AgraFoxo, Xavier Castro, Antonio Piñeiro e Baldo Ramos, actuando como presidente o alcalde de Noia Santiago Freire e como secretaria Oliva Fraga, responsable da Casa da Cultura de Noia. O xurado declarou o traballo de Carou Rey gañador por maioría.
Como voceiro do xurado, Antonio Piñeiro referiuse á obra gañadora como dunha “pescuda ou exploración sobre a vida de Ademar Escambia, un actor de cine fantástico que, por causas que no libro se desvelan, suicida, feito que leva a súa dona e ao seu fillo visitar a cidade de Sitges cando se celebra o Festival de Cine Fantástico, para pescudar na vida de Ademar. O libro conta cunha bonita carga de erudición, cunha bonita carga de afección cinéfila, e cunha linguaxe moi dotada, esteticamente moi apreciable, gramaticalmente moi correcta e con moito oficio”.
Á parte da cantidade económica estipulada nas bases, Desvelando a Ademar Escambia será publicado nas vindeiras datas pola editorial Toxosoutos e o gañador recibirá unha escultura do artista noiés Alfonso Costa. (…).”

Noia: presentación de Noia e Muros. Paisaxes urbanas de séculos I. Dende as orixes ata o ao 1950, de Pedro García Vidal

Radiocrítica do 2-12-2013, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o pasado luns día 2 de decembro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a narrativa de Xabier López López (0’25), a tradución ao galego da obra de John Fante (5’20), a poesía a catro mans de María do Cebreiro e mais Daniel Salgado (8’30), a poética viaxeira de Cesáreo Sánchez Iglesias (11’45), o teatro radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega (14’00), a narrativa infantoxuvenil de Érica Esmorís (20’00) e a colaboración no relato ilustrado para os máis novos de Santiago Freire e Dani Padrón (22’40).