Berta Dávila gaña o Premio García Barros 2019

Desde Galaxia:
“Reunido o 16 de xullo no concello da Estrada, o xurado do XXXI Premio de Novela Manuel García Barros decidiu declarar gañadora a novela Carrusel que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Berta Dávila.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Inma Otero e Carlos Loureiro, actuando como secretario, destacou a “depuración estilística, o traballo lingüístico e o coidado das imaxes”, que nos achegan a un “mundo interior gobernado pola autenticidade dos sentimentos”.
En Carrusel, unha narradora magoada polas súas experiencias precisa revisar os camiños andados e as relacións afectivas que pularon pola súa faceta de escritora. Unha proposta narrativa construída a través de varias trabes discursivas que, con cada reviravolta, engade un detalle que resultará fundamental para a trama na que se combina a sensualidade, a dor e a ilusión coa lóxica das ciencias como ancoraxe racional do incomprensible.
Convocado polo Concello da Estrada, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, o XXXI Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) é un dos premios de novela de maior traxectoria en lingua galega e un dos de máis prestixioso palamarés. O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e Carrusel será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.”

Rianxo: Curso de verán da USC. Galego, porta aberta para o mundo 2

Xurxo Alonso gaña o XXII Certame de poesía Concello de Carral

Xurxo Alonso, coa súa obra En luz escrita resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano.
O xurado salienta neste poemario a súa sólida arquitectura, a forza intensional do conxunto e a admirable estratificación conceptual do discurso, inzado de citas, homenaxes e intertextualidades que entroncan este texto coa mellor tradición galega e foránea. Tamén si, o xurado destacou a singular voz poética que espella nun léxico celmoso, o perfilado de visopoemas que recrean unha moi particular e xenuína atmosfera luminosa e a concepción xeral do poemario como un mecano de magnífica orquestración sinfónica.
No ano 2004, Xurxo Alonso xa gañara este premio co libro Breviario de Aldemunde.
O xurado do concurso estivo formado por Inma Otero, Armando Requeixo e Xabier Cid, coa presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 44 poemarios.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. (…)
O acto de entrega do premio Concello de Carral terá lugar o 31 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2019. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, As bicis, de Xabier Cid. Como remate a esta homenaxe á poesía, a compañía Teatro do Atlántico presentará o seu espectáculo poético De abrentes e ocasos.
Como vén sendo habitual nas últimas edicións, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Carral, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Políticas Culturais para a publicación da obra premiada.”

Gañadoras/es da XV edición dos Premios Frei Martín Sarmiento

Desde o blogue dos Premios Frei Martín Sarmiento:
“O día 3 de maio coñecéronse os gañadores da décimo quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento, organizado polo departamento de Dinamización Lingüística de Escolas Católicas coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O acto, foi conducido pola comunicadora e locutora Paula Pájaro, estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e polo presidente de Escolas Católicas, Juan Manuel Buján.
Os gañadores desta XV edición do Premio Frei Martín Sarmiento foron:
Educación Infantil
Olalla González; Un máis; Ed. Kalandraka.
– 1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria
María Lado; 5 minutos; Ed. Auga editora.
– 2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria
Pere Tobaruela; Catro pedras vellas; Baía Edicións.
– 3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
Ledicia Costas; A señorita Bubble; Ed. Xerais.
– 4ª categoría: 1º e 2º de ESO
Fernando M. Cimadevila; A incríbel viaxe de Noa; Ed. Contos Estraños.
– 5ª categoría: 3º e 4º de ESO
David Lozano Garbala; Descoñecidos; Ed. Rodeira-Edebé.
– 6ª categoría: bacharelato e adultos
Lito Vila Baleato; Campus Morte; Ed. Galaxia.”