Eva Mejuto: “Por que coñecemos perfectamente a historia de Oscar Schindler e non temos idea do que pasou no noso propio país?”

Entrevista de Montse Dopico a Eva Mejuto en Praza:
“(…) – Praza (P): Memoria do silencio é a historia, non moi coñecida, de tres irmás galegas que axudaron a fuxir por Portugal a centos de xudeus durante a II Guerra Mundial. Nelas inspíranse algúns dos personaxes da película Lobos sucios de Paula Cons… Como deches coa historia e por que te dediciches a tratala nunha novela xuvenil?
– Eva Mejuto (EM): Nunha conversa con Luís Bará arredor dun programa sobre a recuperación da memoria das mulleres. Eu en realidade estaba traballando sobre Frieda Belinfante, unha chelista e directora de orquestra holandesa (a Frieda do libro) e cando Luis me falou delas, haberá cousa duns catro anos, xa me puxen a ler e a buscar toda a información posible, desde noticias en prensa, ata as ficcións creadas, máis ou menos libremente, sobre esta historia, coma os libros de Vicente Piñeiro ou o filme de Paula e a novela de Emilio Ruiz Barrachina, que saíron cando eu estaba xa detrás do tema.
A historia, por si mesma, sen adobíos, é absolutamente fascinante e pensei de inmediato que tiña que escribir algo sobre ela, sen ter aínda moi decidido que nin para quen. Despois de 22 segundos e de tratar directamente coa mocidade pensei que era unha historia necesaria para ese público, ter referentes positivos da nosa historia e máis de mulleres, deixar de ver a historia narrada desde fóra. Por que coñecemos perfectamente a historia de Oscar Shindler e non temos idea do que pasou no noso propio país? Nos relatos que consumen/consumimos (filmes, series, libros) faltan, ao meu modo de ver, aínda moitas historias que contar, especialmente do noso pasado e é fundamental que teñan esa perspectiva histórica que provoque unha reflexión necesaria sobre o pasado e o presente.
– P: As tres irmás teñen medo, pero é Lola a que ten un maior sentido da xustiza. Non podería aturar non facer nada. Como construíches as tres personaxes, coas súas diferenzas?
– EM: Tiven unha grande axuda co historiador de Ribadavia Ramón Estévez, fillo de Ramón Estévez, un home de 96 anos que colaborou puntualmente con Lola nunha ocasión para axudar a cruzar a un dos fuxidos. Falei cos dous en varias ocasións, déronme moita documentación da época (noticias da prensa, actas…), falei con parentes que aínda viven en Ribadavia, veciños que as lembraban e máis recentemente cun dos netos, que vive en Vigo.
Os propios actos de Lola e das irmás falan por si propios e son moi indicativos da súa forma de ser, como ir declarar en plena guerra a favor do alcalde, de Izquierda Republicana, que acabou sendo asasinado, levarlle comida aos presos que estaban a carón da súa casa, agochar na casa a un parente perseguido… todo isto xa nos dá a idea do tipo de mulleres valentes e xenerosas que eran.
Quen se atrevía a facer iso nunha época na que o medo o invadía todo? Das súas actuacións na trama de fuxida de xudeus na segunda Guerra Mundial non hai nada documentado, pero xa só co que sabemos do que fixeron antes e ao longo da súa vida, dá para construír unha parte importante dos personaxes. Logo os testemuños da xente que a coñeceu, que as tratou, deron para acabar de construír os aspectos máis emocionais, facer as personaxes máis redondas, os seus caracteres, a súa afectividade, a súa relación co resto da vila… Elas tiñan perfectamente delimitado cal era o papel de cada unha e sen dúbida Lola levaba a voz cantante. E como se trata dunha novela, está a parte de ficción, o meu punto de vista e a miña achega persoal, aínda que tentei ser o máis fiel posible á realidade. (…)”

#EuSonRosalía: Vicente Piñeiro

CoEuSonRosalia___(1) cancelo #EuSonRosalía a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propón celebrar o Día de Rosalía de Castro 2015 convidando os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”
A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria.
Envíanos o teu vídeo ou a ligazón ao mesmo a oficina@aelg.org!

Este é o vídeo de Vicente Piñeiro.

Vilalba: presentación de A cova do adeus, de Vicente Piñeiro

O venres 18 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, preséntase o libro A cova do adeus. Libro primeiro das crónicas do país mítico no que sempre chove, de Vicente Piñeiro, publicado polo Instituto de Estudos Chairegos. No acto intervirán, xunto ao autor, Manuel Castro Santamariña e José Luis Novo Cazón.

Santiago: presentación de Asasinos, asasinos, asasinos!, de Vicente Piñeiro

O mércores 19 de outubro, ás 19:45 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Asasinos, asasinos, asasinos!, de Vicente Piñeiro, publicada en Toxosoutos. No acto interveñen, acompañando ao autor, Ánxela Gracián e David González Couso.

Lugo: presentación dunha novela de Vicente Piñeiro sobre Ánxel Casal

Hoxe xoves 18 de xuño ás 20:15 na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo terá lugar a presentación da obra A morte dun editor. Derradeiros días de Ánxel Casal, do autor lugués Vicente Piñeiro, novela editada por Sotelo Blanco Edicións. Amais do autor do libro Vicente Piñeiro, intervirán Claudio Rodríguez Fer e Ánxela Gracián (directora da colección).