Sagrario Abelleira presenta o libro onde recolle información inédita sobre Rosalía

Desde Nós Diario:
Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858) é o resultado do traballo da investigadora Sagrario Abelleira, quen localizou no Arquivo Histórico Diocesano de Madrid o expediente matrimonial inédito de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, de 1858.
Composto, segundo informan, por 12 documentos, o expediente achega nova información descoñecida sobre a vida dos dous escritores galegos que é de utilidade para coñecer as súas amizades, a cronoloxía do compromiso de matrimonio, as súas sucesivas residencias e as circunstancias do nacemento de Rosalía.
A presentación do libro decorreu onte no Museo do Pobo Galego, en Compostela. No acto participaron Sagrario Abelleira, investigadora e autora do volume; Pedro Sabe Andreu, subdirector do Arquivo Histórico Diocesano de Madrid; Miguel Anxo Seixas, investigador, ensaísta e colaborador na edición do libro; Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro; e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
Angueira fixo fincapé na importancia da descuberta e vinculou o traballo de investigación de Abelleira co de Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda, “quen xa achegara datos que desterraban a crenza de que Rosalía fora abandonada pola súa nai”. Datos que serven para constatar “a importancia da súa relación coa nai” e para desbotar “a súa crianza en Ortoño coa suposta familia paterna”.
O primeiro dato inédito que desvela o libro é a auténtica data e hora de nacemento da poeta: o 23 de febreiro de 1837 ás catro da madrugada. Até o de agora empregábase a data do seu bautismo, o día 24 de febreiro.
A segunda gran revelación que recolle Rosalía e Murguía é o recoñecemento da autora de Follas Novas como filla natural por parte da súa nai, Teresa de Castro. Rosalía fora bautizada como “filla de pais incógnitos”. Agora, grazas a unha escritura notarial do expediente rescatado no arquivo madrileño, queda demostrado que Teresa de Castro, nai solteira, recoñeceu a súa filla Rosalía ante notario no ano 1843.
Outra cuestión que é de destaque nesta investigación é a confesión da nai ante notario de que a súa filla foi aleitada na aldea do Santo en Ortoño durante seis meses, ao cabo dos cales regresou a Padrón.
Finalmente, o expediente tamén recolle os domicilios tanto de Murguía como de Rosalía en Madrid nos anos anteriores ao seu matrimonio e que conteñen datos relevantes que non se coñecían até a data.”

A Coruña: Simposio Víctor Said Armesto e o seu tempo (1871-1914), do 13 ao 15 de novembro

Said Literatura 1Said Literatura 2

Pilar García Negro, Xosé Luís Méndez Ferrín, Carme Blanco e Victoria Álvarez entran no Padroado da Fundación Rosalía

Desde Sermos Galiza:
“O Padroado da Fundación Rosalía aprobou no plenario que se desenvolveu no serán desta cuarta feira a proposta da executiva de incorporar catro novos nomes ao órgano da entidade, destacando a súa estreita vinculación tanto no ámbito da investigación como no recoñecemento e difusión da obra e da autora.
A profesora e investigadora Pilar García Negro é autora dos ensaios O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo (2010) e Cantares Gallegos, hoxe (2013). (…)
Na biografía de Rosalía afondou Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, protagonista de importantes descubertas arredor da vida da autora nada en Compostela. Pola súa parte, a figura da autora de Follas Novas aparece de maneira recorrente no traballo da profesora e escritora Carme Blanco autora do ensaio A problemática da escritora en Rosalía de Castro e colaboradora en diversas ocasións con iniciativas da Fundación. Ao escritor e ex-presidente da RAG Xosé Luís Méndez Ferrín a Fundación recoñécelle unha “vasta obra de creación e ensaio no que Rosalía ocupou recentes artigos”, ademais da colaboración nos actos da conmemoración da publicación de Cantares Gallegos en 2013.”

Santiago: Segunda xornada do Congreso Internacional Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada

Chega a segunda xornada de Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada, congreso internacional dividido en 5 xornadas e un congreso virtual, organizado polo Consello da Cultura Galega. Contará coa participación de especialistas na obra rosaliana de diferentes xeracións e de dentro e fóra de Galicia que achegarán olladas renovadoras desta autora única. O programa é o seguinte:

XOVES 21 DE MARZO
DO PRIVADO AO PÚBLICO: A CONFIGURACIÓN DA ROSALÍA ESCRITORA. Coordinadora: Dolores Vilavedra.
10:00 h. Avances na investigación da biografía rosaliana. Por Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Retrucante: María do Cebreiro Rábade.
12:00 h. Mesa redonda: As imaxes en Rosalía, as imaxes de Rosalía. Moderadora: Marta Pérez Pereiro. Con Helena Miguélez, Arantxa Serantes e Fernando Pereira Bueno.
16:00 h. O paradigma autorial de Rosalía de Castro: unha denominación de orixe, por Pilar García Negro. Retrucante: María López Sández.
18:00 h. Recital poético.

Congreso sobre Rosalía para conmemorar o 150º aniversario de Cantares Gallegos

“A saída do prelo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro cumprirá o ano vindeiro o 150º aniversario. A saída desta obra, datada por algúns un 17 de maio, servira a Francisco Fernández del Riego a principios dos anos sesenta para propoñer o Día das Letras Galegas. Con este referente da nosa literatura o Consello da Cultura Galega (CCG) decidiu celebrar entre os meses de febreiro e xuño de 2013 un congreso dedicado a súa figura. O anterior congreso sobre a figura de Rosalía de Castro celebrárase en 1985. Ramón Villares, presidente do CCG, explicou na presentación desta iniciativa que terá lugar o ano vindeiro que agora hai outros obxectivos. “Buscamos outras olladas”, asegurou, “procurando a vixencia de Rosalía no século XXI”. Os tempos mudan, hai máis información e máis medios. Por este motivo unha parte do Congreso será virtual, un xeito máis económico e produtivo de que participen investigadoras e investigadores de todas partes do mundo. Despois de tantos anos desde o anterior congreso as achegas serán importantes “mais non revolucionarias”, como indica María do Cebreiro, membro da comisión organizadora. Como exemplo puxo o traballo de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda con nova documentación ao redor das figuras materna e paterna de Rosalía. “Achegará novas informacións”. O Congreso celebrarase as últimas quintas de cada mes desde febreiro até xuño de 2013 de maneira presencial no propio CCG e tamén de forma virtual. Na Comisión organizadora figuran, ademais de María do Cebreiro, Rosario Álvarez, Anxo Angueira e Dolores Vilavedra.” Desde Sermos Galiza.