Miguel Sande gaña o XXV Premio Johan Carballeira de Poesía do Concello de Bueu

Desde o Concello de Bueu:
Miguel Sande resultou gañador do XXV Premio Johan Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario Brinde e desespero, que salientou de entre as cincuenta e sete obras presentadas. O xurado, que se reuniu este luns, 25 de abril, estivo conformado polo profesor e crítico literario Manuel Forcadela, a poeta e gañadora da anterior edición, Xandra Táboas, e o xornalista, crítico e editor César Lorenzo. Na acta, o xurado destacou que poemario aposta pola prosa poética, e parte da autoficción para presentarnos unha lectura sobre o cotián dende o ángulo do inesperado. A obra rompe con éxito a tensión entre pensamento e sentimento, e nel a realidade do cotián fala por si mesma, cunha expresión formal contida.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. Amais, o poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais. (…)”

Rematou o VIII Ciclo Escritores-as na Universidade

Desde o Diario da Universidade de Vigo:
“No panorama teatral galego as propostas máis innovadoras, aquelas que dalgunha maneira están repensando o tradicional e que non se conforman coa norma establecida veñen da man de mulleres creadoras, de directoras de escena ou, simplemente, de mulleres que veñen doutras artes e que atopan na escena o seu lugar. Así o deixaron ver e sentir as actrices e dramaturgas Antía Otero (A Estrada, 1982) e Vanesa Sotelo (Cangas, 1981) na clausura do VIII Ciclo Escritora/es na Universidade.
Baixo o título Teatro impuro para tempos bastardos púxose fin a unha edición centrada na literatura galega máis actual, aquela que están a facer os novos valores, novos profesionais de arredor de trinta anos “unha franxa de idade que habitualmente está escurecida ou, cando menos, pouco visible”, subliñou a escritora e docente Rexina Vega, coordinadora do ciclo, que fixo fincapé en que abrir as mesas redondas ás xeracións máis novas “serviu para que a comunidade universitaria coñeza uns traballos nos que cambian completamente as linguaxes tanto da poesía como do teatro e da narrativa”, un cambio xeracional que, ao seu xuízo, sorprendeu “tanto aos seus propios compañeiros como a xente doutras idades”.
Escritoras, creadoras, actrices… Antía Otero e Vanesa Sotelo fuxiron do debate das novas tecnoloxías, “pois é algo que todos asumimos e que todos traballamos”, recalcou Otero, e levaron a súa conversa cara algo que lles preocupa máis: o feito de “como a ficción, a escritura dramática ou o teatro pode negociar coas múltiples realidades nas que nos atopamos”, engadiu Otero, que non dubidou en sinalar que “o camiño” só pode facerse a través do proceso de investigación “de facer e de estar aí, que é o que se leva facendo toda a vida e que, ao final, é o que se vai seguir facendo”, recalcou a dramaturga, que insistiu na necesidade non tanto de “crear produtos, senón de crear coñecemento, que é o que fundamentalmente nos axuda a entender”.
Na idea de volver a centrarse no proceso e non tanto en agardar resultados centrouse tamén Vanesa Sotelo, que aproveitou a súa participación no ciclo para lanzar preguntas, cuestionar formas de mirar e cuestionar tamén o establecido.
En canto á resposta do público a estas novas propostas, Sotelo teno claro, “os tempos son complicados e críticos”. Pero non todo ten que ser de cor negra, ambas autoras recalcaron a súa confianza en que hai unha “necesidade do teatro”, xa sexa máis ou menos minoritaria, “pero a demanda sempre está”, recalcou Sotelo.
E como a cousa ía de teatro, para iniciar o acto preparouse unha instalación coa que contextualizar esta última sesión do ciclo, sesión que veu precedida pola proxección do vídeo En construción, “unha auténtica chamada á resistencia creativa”, subliñaron as autoras, o grupo de axitación teatral As ghatas salvaxes, dirixido por Xandra Táboas, estudante do Grao de Galego – Español, que foi tamén a encargada de presentar as compañeiras, Antía Otero e Vanesa Sotelo.”