A escritora An Afaya coa novela O grupo gaña o Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“A escritora An Alfaya coa novela O grupo é a gañadora do XII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. O escritor e xornalista Xosé García Rodríguez é o finalista do certame coa obra Revolución detrito.
Un xurado composto polas escritoras Marilar Aleixandre, Andrea Maceiras, Eva Mexuto e Ánxela Gracián, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, como presidenta e a xefa de servizo da área de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria elixiu, por unanimidade, a novela O grupo, presentada co lema “Vulnerables” ,como gañadora do XII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil. Aberta a plica a autora resultou ser a escritora An Alfaya que ten como premio 6.500 € e a publicación da obra.
Pola alta calidade das obras presentadas, o xurado decidiu nomear como finalista a obra Revolución detrito do escritor e xornalista Xosé García Rodríguez.
O xurado estima que a novela de An Alfaya é “unha proposta de lectura moi amena, un relato ben construído con personaxes ben traballados”. A obra é, segundo o fallo do premio, “moi recomendable para o lectorado xuvenil e representa os conflitos tratados desde unha perspectiva de conciencia compartida”.
A novela O grupo parte, como explica o xurado, “dunha situación pouco usual de cinco rapaces que se reúnen nun centro cívico para ser tratados por unha traballadora social a través da posta en común das súas experiencias traumáticas”.
Por outra banda, o xurado recoñece en Revolución detrito de Xosé García Rodríguez “unha narrativa áxil, unha historia engaiolante de resistencia da xente máis desfavorecida, a que ten que facer do lixo o seu modo de vida, contra a ditadura”. Salienta tamén o sentido do humor e o ritmo da novela. (…)”

Melide: I Roteiro de Música e Poesía

10665929_710246465728780_8269764924106165056_nSairá da Praza do Convento ás 11:30 horas e, previa visita ao Museo, levarán música e versos á Praza das Coles, Castelo, A Moa, San Pedro, Biblioteca municipal Xosé Vázquez Pintor, Parque Rosalía de Castro e cruceiro e capela de San Roque.
Algúns dos participantes serán: Xosé Vázquez Pintor, Antom Laia, Xulio Álvarez, Xosé Iglesias, Yeiko, Chago Prado, François Davo, María José Fernández López, Ánxela López, Rodrigo Osorio, Paco Veiga, Soqui Cea, Xosé García Rodríguez, Teresa Ramiro e Diego QS, entre outros. Haberá música a cargo de Xurxo Souto, Carlos Da Aira, Pepiño Blanco, etc.

Pontevedra: actos literarios destacados do Culturgal 2013 para o domingo 1 de decembro

A Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2013, finaliza o domingo 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 20:00 h. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2013, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:

Domingo, 1 de decembro
– 12:00 h. Presentación do libro A nosa botica, de Miguel Mosquera (Edicións do Cumio).
– 12:30 h. Conversa sobre Xosé María Díaz Castro. Alfonso Blanco, Armando Requeixo e Óscar Sánchez conversan coa xornalista Montse Dopico.
– 12:30 h. Presentación do proxecto cinematográfico A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, presentado polo seu director Ignacio Vilar.
– 13:30 h. Presentación do libro Apocalipse zombie, de Manel Loureiro (Urco Editora).
– 16:30 h. Presentación do libro Como ser reintegracionista sen que a familia saiba, de Eduardo Sanches Maragoto (Edicións do Cumio).
– 16:30 h. Presentación escénica e audiovisual de As carriolas do mencer, de Rafael Fernández Lorenzo e Ramón Trigo (Ir Indo).
– 17:00 h. Presentación de Divina de la muerte. Asasinato no centro comercial, de Jorge Emilio Bóveda (Enxebrebooks).
– 17:00 h. Presentación de Baixo a lona preta. Xornal de viaxe dun brigadista na Bahia do MST (Estaleiro Editora), co seu autor, Xosé García Rodríguez, e Estefanía Elexpuru Boullosa, do proxecto Xanela aberta ao sur.
– 17:00 h. Presentación e sesión de contacontos de Paula Carballeira, arredor dos seus títulos Chímpate Pepa!, Paolo e o misterio da Cerdeira e Os lunares de Lola.
– 17:30 h. Acto festivo de entrega do Premio do Público Culturgal 2013.
– 18:00 h. Presentación e concerto Cartas que veñen e van, de Mamá Cabra (Galaxia), con Susa Herrera e Gloria Roel.
– 18:30 h. Showcase de Najla Shami co seu novo libro-disco Na lingua que eu falo (Galaxia).
– 19:00 h. Conversa con Anselmo López Carreira ao redor do libro Historia de Galicia (Xerais). Conduce a xornalista Montse Dopico.
– 19:00 h. Presentación de Tambo, de Laura García e Víctor A. Castro (Edicións do Cumio).
– 19:30 h. Presentación do libro Vento e chuvia, de Manuel Gago e Manuel Cráneo (Xerais). Conduce a xornalista Montse Dopico.

Betanzos: presentación de Baixo a lona preta, de Xosé García Rodríguez

O venres 18 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Carricanta (Rúa Doutor José Fariña nº 1, baixo dereita) de Betanzos, preséntase Baixo a lona preta. Xornal de viaxe dun brigadista na Bahia do MST, de Xosé García Rodríguez, publicado por Estaleiro Editora. No acto, xunto ao autor, participa Marcos Abalde.