Roberto Vidal Bolaño será o autor homenaxeado no Día das Letras 2013

“O plenario da Real Academia Galega escolleu por maioría o dramaturgo como autor homenaxeado no Día das Letras 2013, polo seu papel “na creación dun público para o teatro galego” e porque “por enriba de todo, foi un extraordinario escritor”. Vidal Bolaño contou con numerosos apoios entre os académicos, comezando por Francisco Fernández Rei, ou Margarita Ledo e Euloxio Ruibal, que ao remate do plenario explicaron os motivos da escolla do dramaturgo, unha vez que Méndez Ferrín fixo público o nomeamento. Ruibal salientou por exemplo a súa loita “non só pola creación artística, senón polas melloras nas condicións sociais e políticas” e afirmou que “foi un home que dende a esquerda defendeu uns valores que temos que ter moi presentes, porque as obras de todo tipo teñen que servir para a dignidade”. (…) A RAG, na súa declaración oficial, salientou que Vidal Bolaño é unha “figura imprescindible para comprender a dimensión do Teatro Galego e, xa que logo, do noso sistema literario”. O texto difundido afirma que “é indiscutible a importancia da figura de Roberto Vidal Bolaño para o teatro nacional galego. Aínda que morreu novo (52 anos), Vidal Bolaño é, sen dúbida, o dramaturgo máis prolixo da historia da nosa literatura; mais non é só a cantidade da súa obra a razón da súa importancia, senón as múltiples calidades que os seus textos achegan durante toda a súa actividade”. (…)
O Plenario da Real Academia Galega acordou así mesmo nomear académico de honra electo a Arcadio López Casanova e académicos correspondentes a Xosé Manuel González Herrán, Luz Méndez, Fernando Ramallo Fernández, Olivia Rodríguez González, Goretti Sanmartín Rei e Xavier Vence Deza.” Vía Praza.