Roberto Salgueiro gaña o XVII Premio de Teatro Rafael Dieste con Como mil cachiños de vidro que a dor escurece

DesdeRoberto Salgueiro a Deputación da Coruña:
“A obra Como mil cachiños de vidro que a dor escurece, de Roberto Salgueiro, é a gañadora do XVII Premio de Teatro Rafael Dieste que convoca a Deputación da Coruña.
O xurado composto polo autor, director e actor Cándido Pazó, as actrices Belén Constenla e Mónica García, o Profesor de Arte Dramático Óscar Codesido e o xornalista Alfonso Hermida co actor e dramaturgo Xoán Mexuto como comisario e presidido polo deputado responsábel da área de Cultura, Xosé Regueira, como presidente, sen voto, decidiu premiar a obra Como mil cachiños de vidro que a dor escurece na XVII edición do Rafael Dieste de obras teatrais.
O xurado, reunido na sede da Deputación este mércores 11 de novembro, destaca da obra de Roberto Salgueiro a “potencia da súa escrita, expresada no ambiente, ton e confección de personaxes, polo que constitúe unha aportación singular ao repertorio da literatura dramática galega”. Valora tamén o xurado no seu fallo que a obra é “absolutamente factíbel para a súa representación”.
Roberto Salgueiro é escritor e director teatral. Está á fronte da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela. Da súa ampla obra destacan títulos como O arce no xardín, Historia de Neera, Eliana en ardentia ou Bernardo destemplado, Matanza, Apnea, Molière final, Historia da chuvia que cae todos os días, Memoria de Helena e María, Valentino Rufini ou Âkil Pillabán, de viaxe a Milán (e van sen un can). (…)”

Héctor Cajaraville gaña o Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil

DesdeHéctor Cajaraville a Deputación da Coruña:
“O xurado da décima edición do Premio de literatura infantil e xuvenil Raiña Lupa, convocado pola Deputación da Coruña, decidiu premiar a obra Vidas cruzadas, do escritor Héctor Cajaraville Araújo.
O xurado destaca, por unanimidade, que Vidas cruzadas trata un tema actual, con ingredientes abondo para atraer o interese dos lectores e lectoras: emoción, intriga, misterio, mais tamén tenrura, dinamismo, vitalidade; a boa construción das personaxes, con personalidades complementarias, que empatizan co público mozo, o sentido do humor, o carácter interxeracional e o final circular son outros alicientes desta obra.
O xurado estivo composto por María Paz Castro Piñeiro, Mª de las Mercedes Cerdeira Uría, Esther Gómez Suárez, Begoña Llamosas Albizu e Fernando Molezún Rodríguez, actuando como presidente Xosé Regueira Varela, deputado presidente da Comisión de Cultura, Turismo e Patrimonio Histórico-Artístico e como secretaria Mercedes Fernández-Albalat Ruiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes. (…)”