“O cuarto de Yolanda López”

Desde A Sega:
“Como mulleres, temos que reivindicar o noso espazo, a nosa coraxe, a nosa forza e independencia que tanto nos custou, nos custa e aínda nos seguirá custando acadar neste mundo inxusto e desequilibrado.
Dende os meus inicios como escritora, a miña habitación propia nunca tivo paredes. Durante moitos anos fixen unha vida tremendamente nómada. Vivín en diferentes lugares do mundo e, en todos eles, calquer recanto valía para deleitarme entre verbas entrelazadas pola necesidade de liberdade e autocoñecemento.
Na miña estadía en Estados Unidos e Reino Unido, as bibliotecas eran universos onde escribía con pracer. Ese silencio, esas estanterías ateigadas de latexo, o contacto humano a través dos libros, eran fonte de inspiración e lugar propicio para a miña escrita. (…)”

Cuestionario Proust: Yolanda López

DesdeYolanda López o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Yolanda López:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A forza de vontade, o espíritu crítico, a paixón.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O bo corazón, a xenerosidade, a solidaridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Pois amizade: saber dar e saber recibir nos bos e nos malos momentos.
4.– A súa principal eiva?
– A impaciencia, o mal xenio cando me faltan ao respecto.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir poesía, pintar, ler coa “miña” música de fondo, fotografar ao aire libre, bailar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Bañarme nun mar de estrelas, poder voar, ou ir de tapas/copas en soedade ou en compaña dos meus.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Agora mesmo, a morte da miña nai.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son e mellorar como persoa día a día.
9.– En que país desexaría vivir?
– Cada lugar onde vivín, vivo e vivirei enriquécenme como persoa, mais elixiría Galiza, Nova Zelanda, Irlanda, Escocia, a Patagonia.
10.– A súa cor favorita?
– Cada cor ten o seu matiz, mais quedo co violeta polas súas connotacións sociais e pola súa forza visual.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A camelia, a rosa branca, a mapoula, a flor do toxo, do ameneiro, da cerdeira e a do tileiro.
12.– O paxaro que prefire?
– O gorrión, o corvo, o colibrí.
13.– A súa devoción na prosa?
– Virginia Woolf, Amelie Nothomb, Eudora Welty, Clarice Lispector, Elvira Lindo, María Zambrano, Begoña Caamaño, Ralph Ellison, Roberto Bolaño, Cortázar, Faulkner, Paul Auster, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Galeano, Edgar Allan Poe…
14.– E na poesía?
Luísa Villalta, Rosalía de Castro, María Mariño, Chus Pato, Emma Pedreira, Álvarez Torneiro, Francisca Aguirre, Emily Brontë, Olga Orozco, Alejandra Pizarnik, Gioconda Belli, Maya Angelou, Miguel Hernández, Gamoneda …
15.– Un libro?
Los hijos de los días, de Eduardo Galeano, Mujeres que corren con los lobos, de Clarissa Pinkola Estés ou 2666, de Roberto Bolaño, por citar algúns.
16.– Un heroe de ficción?
– O Quixote, ou o protagonista anónimo da novela Invisible Man, de Ralph Ellison.
17.– Unha heroína?
– Mafalda.
18.– A súa música favorita?
– Pock, punk, new age, blues, jazz, cantautor, country, oriental, celta.
19.– Na pintura?
– Frida Kahlo, Leonora Carrington, Georgia O’Keeffe, Marc Chagall, Alfonso Costa, Rafael Úbeda, Alfonse Mucha, Munch, Van Gogh, Turner, Picasso, Odile Redon, Friedrich….
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Todas as persoas “anónimas” que loitan día a día por saír do pozo, da miseria, da inxustiza… ben, e permítome a licenza de citar a María Pita, Xohana de Arco, Rosa Parks, Nelson Mandela, Gandhi…
21.– O seu nome favorito?
– Gabriel, Rosalía, Anxo, Laura.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de respecto, a intolerancia, a prepotencia, a hipocrisía.
23.– O que máis odia?
– A violencia machista, a dobre moral, o medo/covardía que son a orixe auténtica de todo mal social, o egoísmo, a envexa.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hoxe en día, os ditadores ou “enxeñeiros” financieros: os políticos e os banqueiros corruptos.
25.– Un feito militar que admire?
– Máis que militar, revolucións pacíficas como a das damas brancas de Liberia ou a revolucion dos cravos de Portugal.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Saber tocar o piano.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Dun ataque de risa rodeada dos meus seres queridos, ou amando, ou durmindo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimista crítica e escéptica…, e agora mesmo cabreada con esta ditadura oilgarca de mercado que nos asoballa.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os que veñan da inocencia e a inxenuidade.
30.– Un lema na súa vida?
– Vive e deixa vivir.”

Ourense: espectáculo poético-artístico de Eli Ríos, Yolanda López e Xosé Manuel Moxom

O venres 7 de marzo, ás 20:30 horas, no Biblio-café La habitación de niña caracol (Praza das Mercedes, 12) de Ourense, terá lugar unha tertulia e intervención poética de Eli Ríos e Yolanda López, quen, baixo o título Mulleres que corren como lobos, falarán sobre os seus últimos poemarios, Maria e Moralla, respectivamente, da man das mulleres feitas materia polo artista ourensán Xosé Manuel Moxom, quen exercerá de mestre de cerimonias para adentrarse na poesía, na escultura, na música e na pintura.