As mesas “Literatura. Internet e novas tecnoloxías” e “Literatura, sociedade e nación” pecharon o III Encontro de Novos Escritores Entre Dous Séculos
(A Coruña, 27 setembro 2008).- Dúas mesas, relacións entre Literatura e novas tecnoloxías e Literatura, sociedade e nación pecharon a derradeira xornada do III Encontro de Novos Escritores “Entre dous séculos”, celebrado no Pazo de Mariñán organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e a Deputación da Coruña.
“Entre dous séculos” concebiuse coma un espazo dende o que dialogar, con voz propia, sobre os diferentes camiños que os novos creadores e creadoras van tomando na escena da nosa literatura.
Na primeira das mesas desta derradeira xornada, con participación de Lara Bacelo, Leo Campos e Eduardo Estévez, coordinados por Francisco Castro, analizouse o cambio tecnolóxico revolucionario que, no que respecta á poesía, ofrece dous aspectos a ter moi en conta: novos sistemas de reprodución e o acceso doado ás novas ferramentas expresivas. Unha das máis relevantes é a rede. Internet ofrece un espazo de reprodución ilimitado. Con Internet, o soporte libro é substituído por un documento de texto ou un pdf. As páxinas web son o modo de distribución. Neste proceso, segundo se comentou, os medios de edición son, en xeral, independentes (un exemplo poden ser as comunidades de bitácoras ou blogs), con estratexias e regras novas pero que procuran o mesmo obxectivo de sempre: atraer público, e incluso transformarse en soporte. Finalmente, plantexouse no debate a proposta de publicar os novos textos na rede para deixar de bater contra os muros dos premios literarios e as editoriais.
Na segunda mesa celebrada nesta derradeira xornada participaron os autores Carlos Negro e María Reimóndez, coordinados por Marta Dacosta. Nela falouse dos inicios do que hoxe chamamos Promoción dos 90, centrados na loita contra a frivolidade da movida e contra o culturalismo innecesario; unha xeración de autores comprometidos coa lingua e co país, formados no noso idioma e na nosa literatura, por veces, tal como se dixo, con máis paixón que coñecemento, desexosos de sinceridade e de engaloiar pola poesía, de render os lectores, de convertelos en poetas tamén.
O III Encontro de Novos Escritores Entre dous séculos pechou cun recital poético celebrado no Museo de Belas Artes da Coruña, no que participaron María Lado, Lucía Aldao, Emma Couceiro, Celso Sanmartín, Estíbaliz Espinosa e O Leo, rematando coa actuación de García, membro do grupo Dios Ke te Crew.
Gabinete de Comunicación Aelg
Tfno.: 660 530 525
Correo-e.: prensa@aelg.org