III Encontro de Novos/as Escritores/as: 1ª xornada

As mesas “Cartografías literarias no novo século” e “Presencia e invisibilidade das/os escritores/as na sociedade actual” abriron a primeira xornada do Encontro de Novos Escritores entre dous séculos

(A Coruña, 26 setembro 2008).- Na presentación do Encontro de Novos Escritores Entre dous séculos celebrada no Museo de Belas Artes da Coruña, o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez -que estivo acompañado polo director xeral de Xuventude Rubén Cela, e por Antía Otero, vicepresidenta da asociación-, afirmou que as xornadas “queren ser un lugar de encontro, unha terra de liberdade para a reflexión, un lugar para que os propios protagonistas do feito literario e máis do devir da escrita máis nova poñan en común puntos de concordancia e de diverxencia que os sitúen nun mesmo sistema literario”.

Referíndonse aos participantes, o presidente da asociación que acolle a máis de 350 escritores e escritoras galegos, dixo que “eles son non só o futuro, eles e elas son xa o presente da literatura viva dunha das máis vellas e cultas nacións de Europa”, engadindo que “teñen a responsabilidade de situar ao noso idioma no día a día, de dotalo da necesaria xuventude para seguir sendo instrumento de comunicación e coñecemento”.

  • As mesas

Xa no Pazo de Mariñán, celebrouse a primeira das mesas programadas, baixo título “Cartografías literarias no novo século”, na que interviron Oriana Méndez, Mario Regueira e Rubén Ruibal, coordinados por María Xesús Nogueira. A modo de resumo, considerouse que a literatura galega debería asumir con orgullo os apelativos de anormalidade ou subalternidade, asumir os chamados estigmas e persistir neles como única solución de continuidade. E así é porque, según se dixo no transcurso da mesa, a relación de poder e a subalternidade foi a que produciu a nosa literatura tal e como é, e foi esa necesidade de diferenciación, o seu exercicio de resistencia o que a configurou como unha das literaturas máis orixinais e arriscadas de Europa. No noso sistema literario -engadiuse- temos asistido a un pular sen precedentes das minorías: a presenza inédita en número de creadoras femininas, o papel dos grupos literarios heterodoxos e abertos, a importante presenza de proxectos de autoedición, ou nos últimos anos, a aposta por novas vías, como a videocreación ou a ciberliteratura, que rachan coas nocións tradicionais de xénero e co propio concepto de creación literaria.

“Presencia e invisibilidade das/os escritores/as na sociedade actual” foi o título que acolleu a segunda mesa desta primeira xornada do congreso, na que interviron Ana Acuña, Iolanda Aldrei e Samuel Solleiro, coordinados por Elvira Riveiro. Un proceso literario é -asi se dixo- unha situación comunicativa complexa cunha serie de factores que condicionan o grao de visibilidade de un escritor ou escritora en determinada micro ou macro sociedade e tempo. O creador xoga nunhas coordenadas múltiples entre as que o grao de proximidade ou distanciamento a respecto dos medios difusores da súa obra, dos canais comunicativos, é decisivo á hora de tornar efectivo o propio proceso da emisión literaria. O distanciamento deses medios -estimouse- pode ser consecuencia de orixes periféricas, valoracións críticas, incomunicación, diferencia entre as capacidades técnicas ou económicas das entidades difusoras e as esixencias da obra, etc… mais tamén pode corresponderse cunha cualificación do texto como disidente a respecto do sistema no que se inxiren eses medios.

Gabinete de Comunicación Aelg

Tfno.: 660 530 525

Correo-e.: prensa@aelg.org