Hoxe xoves 19 de febreiro preséntase en El Corte Inglés de A Coruña a novela Bailarei sobre a túa tumba, de Berta Dávila, gañadora do IV Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos. A autora, Berta Dávila, estará acompañada polo catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña, José María Paz Gago, e mais polo editor Tucho Calvo, de Biblos Clube de Lectores. Na preparación desta novela, Berta Dávila estivo tutelada polo escritor Agustín Fernández Paz, quen tamén actuou como secretario do xurado. As tres edicións anteriores do Premio Biblos-Pazos de Galicia foron gañadas por Iria López Teijeiro, a quen tutelou Xosé Luís Méndez Ferrín coa novela Meniña de cristal; Alberto Ramos, que tivo para a súa Dor pantasma a Darío Xohán Cabana como titor, e Patricia Casas que contou coa axuda de Helena Villar para concluir Teselas de cidade.