Libros, actividades lúdicas, presentacións, actuacións, autoras e autores da comarca e do país, cinema, recitais, pan e moitas outras propostas encherán de vida, imaxinación e creatividade o Xardín Municipal de Carballo durante catro días. Unha nova edición da Praza dos Libros que cada ano pretende promocionar a lectura e achegarlle á cidadanía o libro e os produtos culturais galegos.
O inicio será o xoves 27 ás 10.30 h e a inauguración ás 13.00 h cun orixinal pregón do contador, actor e director teatral Quico Cadaval. Ao longo dos catro días haberá diversas presentacións e sinaturas de libros. Así, o xoves 27 ás 19.30 h presentarase a antoloxía poética De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía da Costa da Morte, na que participarán diversos poetas da zona como, entre outros, Miro Villar e Modesto Fraga. O venres 28 ás 12.30 h presentarase Marcelo o morcego, de Beatriz Fraga e ás 21.00 h o poemario Olladas dun intre de amor, de Alberte Suras. O sábado 29 ás 12.30 h Alberto Varela Ferreiro presentará O Misterio na selva de Ngorongón e ás 21.00 h Fernando Cabeza Quiles fará o mesmo con Contos azuis. Finalmente, o domingo 30 ás 12.00 h terá lugar a presentación de A cociña dos larpeiros, de Benigno Campos, e ás 19.30 h de Sidecar, o último libro de Alberto Lema.
Pero a Praza dos Libros irá máis aló, polo que haberá diversas actuacións e actividades de animación. Deste xeito, tanto o xoves pola mañá como o domingo pola tarde estará na feira a Ciclobiblioteca pilotada polo contacontos Anxo Moure. O xoves 27 ás 21.00 h Quico Cadaval traerá Fantasmas familiares, un espectáculo das súas orixinais historias. O venres 28 ás 20.00 h será a hora do circo de rúa, con Á pista, malabarista!, da compañía Picompé. O sábado estará todo o día na feira a Caixiña dos mistos, unha orixinal caravana con cinema infantil itinerante sobre rodas coas mellores pelis para peques. O mesmo sábado 29 ás 19.00 h, Teatro Patán animará aos nenos e nenas con Palabra de Chapeu. Contos para xogar. Ademais, o domingo 30 pola mañá terá lugar a gravación dun capítulo da serie de internet Para mariñeiros nós, protagonizada por Suso Lista e Manolo de Laxe, e dirixida por Omar Rabuñal.
E os libros virán cun pan debaixo do brazo… Durante toda a mañá do domingo 30 todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pan da marca Pan de Carballo. Ademais, durante os catro días de feira, cada compra será agasallada cun exemplar do Alba de Gloria de Castelao ou coa edición do poema Víspora de San Xuan, de Alfredo Brañas, do que se celebra o 150 aniversario do seu nacemento. E ao lado dos libros estarán os mellores produtos da zona, pois o xoves 27 pola mañá a Praza dos Libros convivirá coa Feira Tradicional de Carballo e o domingo 30 co Feirón de Verán 2009, con compra, venda e difusión dos mellores produtos alimentarios locais e de tempada.
Nesta feira da palabra participan sete librarías: Brañas e Trasgo (de Carballo), Como unha novela (da Laracha), Roget (de Vimianzo), Couceiro e Orizales (da Coruña) e A Palavra Perduda (de Santiago). Ademais, tamén participa Kamisolas-Rei Zentolo (de Carballo), A Mesa pola Normalización Lingüística e o Concello de Carballo.