Herta Müller, Nobel 2009, anotación de Xerais

Reproducimos polo seu interese a anotación publicada pola editorial Xerais sobre a concesión do Premio Nobel a Herta Müller:

Xerais expresa a súa grande satisfacción pola adxudicación do Premio Nobel de literatura 2009 á escritora Herta Müller, poeta e narradora, nacida en 1953, en Bánat (Romanía), no seo dunha familia da minoría alemana. Dentro da colección «As literatas», dirixida por María Xosé Queizán, Xerais publicou no ano 2001 O home é un grande faisán no mundo, obra narrativa publicada orixinalmente en 1986, e traída a nosa lingua por Franck Meyer.

Herta Müller estudou lingua e literatura alemana e romanesa en Temesvar. A zona xeográfica á que pertence, e na que radica a súa obra literaria, está hoxe dividida entre Romanía, Hungría e Iugoslavia. O alemán, idioma en que escribe, é a súa lingua da infancia, e até a adolescencia non aprenderá o romanés. En 1987 trasladouse ao sector occidental de Berlín, cidade na que vive na actualidade. Entre os seus libros máis coñecidos destacan as novelas Niederungen (Terras baixas), 1982; Herztier, 1994; Der Fuchs war damals schon der Jäger 1992,  ou Heute wär ich mir lieber nicht begegnet, 1997 e os ensaios recollidos en Hunger und Seide.

Esta é a cuarta ocasión nos últimos seis anos nos que o Premio Nobel de literatura recae nun autor ou autora con obra publicada previamente en galego por Xerais. Así sucedeu en 2004 con Elfriede Jelinek, en  2005 con Harold Pinter, en 2008 con J.M.G. Le Clézio e, agora, en 2009 con Herta Müller.