Este próximo sábado 24 de outubro de 2009 ás 6 da tarde terá lugar a polafía de Figueirido, concello de Vilaboa, na Casa de Cultura da parroquia de Figueirido. Intervirán Felicia Insuela (de Vilaboa), Dolores Pereira, Marcial Cortegoso e Solita Pazos (de Salcedo), Lino Lage, Rosario García, Pablo Carro, Carmen Neira (de Iomeza), Alberte Gulías, autor da escultura “A moura do río dos Gafos” e Isidro Novo, ademais do grupo de música tradicional “Os Chichisos”.
As polafías son unha proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións e institucións. A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.