Compañeiros de xeración, amigos e confidentes habituais, Xabier P. DoCampo e Agustín Fernández Paz son dous autores fundamentais para as letras galegas dende que colleron a pluma por vez primeira, a finais dos 80, e tamén dentro do conxunto do Estado, como proba que ambos os dous gañasen o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. E, dende esta semana, son tamén parte do canon da literatura española infantil e xuvenil do século XX, segundo ditaminaron 19 expertos, de cara ao I Congreso Iberoamericano de Lingua e Literatura Infantil e Xuvenil que se celebrará a finais de mes en Santiago de Chile.
Este grupo de expertos escolleu once obras que consideran as máis representativas do século XX, entre as que se contan Contos por palabras, de Fernández Paz, e Cando petan na porta pola noite, de DoCampo, os dous únicos libros que non foron escritos orixinalmente en castelán, e editados en ambos os casos por Xerais. “Foi toda unha sorpresa, porque a noticia chega xusto cando estaba a falar coa editorial de sacar unha edición actualizada do libro, porque penso que segue plenamente vixente”, afirma Agustín Fernández Paz.
O autor vilalbés considera “simbólico” que de novo el e DoCampo volvan compartir un premio xa que teñen “moitos puntos en común”, entre eles, que abriron novos camiños para a literatura infantil e xuvenil no final do século pasado.
“Son cousas que lle pasan a un, igual que ás veces colles unha catarreira”, bromea Xabier DoCampo, non sen lembrar que xa non é a primeira vez que el e Agustín están nunha escolma deste tipo. “Demostra, unha vez máis, que a literatura galega está ben considerada fóra, aínda que algúns nos acusen de ensimesmados e acomplexados”. En todo caso, confirman os dous que non irán a Chile para o congreso, porque “está moi lonxe” e porque non recibiron invitación. [Ler noticia completa en Xornal de Galicia]