O Teatro Principal acollerá mañá xoves 11 de febreiro, ás 21: 00 horas, o concerto da Banda de Música de Pontevedra “As cidades a través da música”, adaptado á temática do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Neste especial “Concerto en familia” que unirá música con imaxes interpretaranse, entre outras, pezas coma: “Tormenta del desierto” (Ferrer Ferrán), “Manhattan Pictures” (Jan Van der Roost) ou “Los Madriles” (Miguel Asíns Arbó). A entrada será gratuíta ata completar aforo.
Por outra banda, no Café Moderno (Fundación Caixa Galicia) ás 19:30 horas celebrarase a terceira xornada do ciclo Os autores e as cidades: Marcos Sánchez Calveiro fala na súa conferencia Cidades Vividas, Cidades imaxinadas sobre as urbes literarias o tratamento do espazo como aglutinante de todos os acontecementos, tal e como ocorre na sú obra Festina Lente, na que o autor nos somerxe nunha Compostela doutro tempo.
Na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura ás 17.30 horas, os propios rapaces e rapazas poñen voz ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e serán “Os nenos contadores” das “Tardes na sala”. “Os Bolechas” de Caramuxo Teatro voltan ao Auditorio do Pazo da Cultura ás 18: 30 horas. O gran éxito editorial galego, adaptado á cidade de Pontevedra, amósanos un día cheo de anédotas nesta divertida familia. Cunha duración de 45 minutos, está recomendado para o público a partir de 3 anos de idade. As entradas estarán á venda na billeteira dende unha hora antes do comezo, sendo o seu custo de 3 euros, salvo para os menores de 12 anos, que terá un desconto do 50%.
Axenda completa do xoves 11 de febreiro